Cuestionario Proust: Arturo Casas

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Arturo Casas:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Agora mesmo a paciencia, e moito me tardou. Tamén unha certa incapacidade para deixar de ver o aspecto cómico que se agocha en case toda acción humana.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A xenerosidade, a intelixencia, a discreción, a bondade, a educación, a valentía, o candor, o riso, a boa vocalización, todas por igual.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me fagan rir e que non o beban todo.
4.– A súa principal eiva?
– A descrenza en todo plan quinquenal. Pero iso mesmo vai a favor do momento e a favor da utopía.
5.– A súa ocupación favorita?
– Actual? Ver durmir certas persoas.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Igualdade, emancipación, pluralidade, viño, percebes e pel.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ninguén sabe nada a ese respecto.
8.– Que lle gustaría ser?
– Contorsionista. No seu defecto, un río.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Noruega, en Chile, nalgún país longo e marítimo. Neste mesmo, malia el ser cadrado. Pero con algún amaño, con bastantes amaños. Por poñer un, diría contarmos cunha esquerda medianamente lúcida.
10.– A súa cor favorita?
– A cor que recende, a do mar dos ártabros.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Papoula e memoria.
12.– O paxaro que prefire?
– O tucano, por me resultar inverosímil e serme simpático malia o exceso.
13.– A súa devoción na prosa?
– Bourbaki. Spinoza. Weil. Cunqueiro. Lotman. Arendt. Cervantes. Canetti.
14.– E na poesía?
– Safo e a poesía arcaica grega; en xeral, todos os arcaicos. E logo Celan. Tamén Pepe Cáccamo, Chus Pato e oito ou dez poetas máis do meu tempo e do meu país. Admiro igualmente quen traduce poesía e o fai ben. Poucas cousas se me ocorren máis complicadas.
15.– Un libro?
O bosque harmonioso, de Augusto Abelaira. Quen sabe por que?
16.– Un heroe de ficción?
– Lázaro. E, en xeral, os esdrúxulos.
17.– Unha heroína?
– Eurídice, por non desviarnos. Tamén Atenea, malia todo.
18.– A súa música favorita?
– Depende da hora, do sitio, da posición e de se estou só ou con xente. Algúns nomes e xéneros, por exemplo mentres conduzo, resultan inconfesábeis. Sendo dono de min, gústame Pärt, Mozart, Bach, Schubert. Tamén Abe Rábade, que hai uns días me conmoveu até un límite para min descoñecido. A música de Patricia Barber, Shirley Horn, Abbey Lincoln, Nina Simone e moitas outras compositoras e cantantes estadounidenses.
19.– Na pintura?
– Colmeiro e Seoane, para pensar no mito e para a alegría. E moita pero moita máis. De antes e de despois.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os que cruzan desertos e mares procurando algo que nós xa temos. As que se xogan a vida por falar en voz alta.
21.– O seu nome favorito?
– Ilduara, Artemio e algún nome eslavo, como Zbigniew ou Katarzyna.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Poñamos catro: a facundia, a pompa, a nugalla e a desorde. E un quinto: a incapacidade para poñerse no lugar do outro. E un máis, por ir á media ducia: a egolatría.
23.– O que máis odia?
– O colonialismo, a violencia física e simbólica contra as mulleres, a relixión de estado, a escravitude, o fascismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco e os seus xenerais, bispos, xuíces e banqueiros, por todo o que directa e sistematicamente nos fixeron (século XX) e nos seguen a facer a nós (século XXI).
25.– Un feito militar que admire?
– Calquera que implique a liberación de seres humanos sometidos por motivos étnicos, sociais, relixiosos ou doutra clase. A revolución haitiana de 1791 contra a escravitude e mais a colonización e a correlativa organización militar debida a Toussaint Louverture, por exemplo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Beleza e intelixencia, por esa orde ou pola inversa. Fóra diso gustaríame ser negra e ter sentido do ritmo e da proporción. Tamén, con todo o anterior, ser mediofondista, danzarín e tocar o saxo alto ou o bandoneón. A miúdo querería, asemade, ser contorsionista, creo que xa o dixen.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen tortura, sen escenario, sen relixión e sen dar a lata. Pero asumo aquilo de Blanchot: morrín, vivín, morrín. Non se morre só unha vez nin só dunha vez.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A proxección individual e colectiva sobre o futuro, un principio esperanza menor que o que querería manter aceso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A simpleza, agás cando vai unida a poder. Pero quen é un para perdoar?
30.– Un lema na súa vida?
– Nunca souben de lemas. Gustoume o resultado dunha enquisa do Times, el mesmo paradoxal: “No motto please, we’re British”.”

A escritora que dá aulas de galego nas redes sociais

Desde Sermos Galiza:
“O seu é un dos nomes coñecidos da literatura galega. Unha ampla e valorada obra e unha traxectoria longa como profesora fan que o de Helena Villar Janeiro forme parte xa da nosa historia literaria. A escritora sorpréndenos agora impartindo aulas de galego en facebook.
Non son consellos ou indicacións. Son aulas en soporte dixital preparadas para as condicións especiais das redes sociais. O curso comezou hai pouco, cando a polémica do “polbo” chegou á Academia. Despois de asistir ao balbordo producido, Helena Villar considerou que aí non estaba o problema e decidiu contribuír a promover a calidade da lingua desde a súa casa na aldea, apegada ao ordenador e cun público cada día maior que asiste á grande actividade da escritora na rede.
“Pensei que a grande preocupación que teñen os falantes é o vocabulario que, ao fin e ao cabo, é o menos interesante porque se resolve co dicionario. Pola contra, non vexo que se lle dea relevancia á desfeita cos pronomes, poño por caso, ou á fonética”, comeza a explicar Helena Villar do momento inicial no que regresou ao seu oficio comezando precisamente polo que máis lle preocupaba: os pronomes.
Villar Janeiro é tamén pedagoga e iso percíbese na calidade dos apuntamentos e nos exercizos prácticos que propón. Mesmo hai xa algúns ensinantes que queren empregar a metodoloxía de Helena traspasada ás aulas. “Cómpre secuenciar, coñecer o soporte e traballar os materiais. Estou a facer un grande esforzo coa programación. Agora vou facer exercicios, case como se ensinara unha lingua estranxeira porque a xente ten que tomar conciencia da necesidade de traballar tamén a nosa lingua. Non todo vale”, defende Helena Villar, magoada cos “despropósitos” que le e escoita cada día.
Sorpréndelle agora a repercusión que as súas aulas dixitais están a ter no facebook. Comezou dirixíndose a tres ou catro persoas e cada vez son máis as que se unen á escola de lingua de Helena Villar. Comentan, dan indicacións, preguntan dúbidas e propoñen temas. Eis as posibilidades das redes sociais, espazo que a escritora manexa con destreza e no que leva tempo xa ofrecendo os seus artigos, as súas receitas, consellos literarios, opinións e tamén a morea de fotografías artísticas que esta muller de moitas facianas creativas comezou a facer públicas hai pouco tempo.
“Non vale estar colocando mal os pronomes toda a vida. Iso non pasaría con ningunha outra lingua. Quero contribuír a crear conciencia de que podemos mellorar o uso do galego”, insiste Helena Villar que comezará en breve a traballar cos paradigmas, dando modelos para a construción correcta das frases. (…)”

María Xesús Lama: “Se a enfermidade de Rosalía fose máis lenta, hoxe teriamos un libro máis dela”

Entrevista de Miguel Pardo a María Xesús Lama [a foto é da Universitat de Barcelona] en Praza:
“A profesora da Universitat de Barcelona María Xesús Lama foi unha das investigadoras que participou no último achado de manuscritos inéditos de Rosalía de Castro. A Real Academia Galega (RAG) presentou hai unha semana un poema en galego e tres en castelán, unha descuberta “valiosísima” que indica que a escritora preparaba pouco antes da súa morte Postrimerías, o seu último libro. Son estes textos en español os que analizou Lama, que cualifica de “extraordinaria” a información que sobre a última etapa literaria da autora nos ofrecen estes escritos.
– Praza (P): Como atopou eses inéditos?
– María Xesús Lama (MXL): Atopeinos percorrendo os arquivos. Fun ao da RAG para ver o que alí había e ensináronme unha carpeta cunha serie de materiais. O que me parecía interesante recibino en arquivo dixital, xa en 2012. A Academia ten o proxecto de facer un álbum cos manuscritos de Rosalía, revisaron todo o que alí tiñan e Henrique Monteagudo atopou tamén estes materiais e viu que había alí unha solicitude miña para dalos a coñecer e, respectando este proceso, chamoume para participar na presentación porque era un material que eu xa tiña traballado.
– P: Agárdase que se atope algún inédito máis?
– MXL: Non se espera que haxa moitos máis. Algunha cousa máis pode aparecer, pero non se agardan moitos máis materiais inéditos por iso de que Rosalía mandou queimar as súas obras ao morrer. (…)”

Cuestionario Proust: Miguel Ángel Alonso Diz

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Miguel Ángel Alonso Diz:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Honestidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan boas persoas.
4.– A súa principal eiva?
– A ignorancia. Fáltanme moitas lecturas.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, escribir, xogar ao baloncesto.
6.– O seu ideal de felicidade?
– “Un abrazo de familia”. A miña muller e a miña filla entenderán esta resposta.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a miña familia.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son. Eu xa atopei meu camiño.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galicia decidida, valente, que non educara @s seus fill@s para marchar; respectuosa con outras identidades e orgullosa da súa.
10.– A súa cor favorita?
– Direi que a mestura do azul ceo, as verdes follas e o marrón do chan. Inda que para vestir sen dúbida o negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Gusto de todas.
12.– O paxaro que prefire?
– A anduriña.
13.– A súa devoción na prosa?
Xosé Neira Vilas.
14.– E na poesía?
– Celso Emilio Ferreiro.
15.– Un libro?
Querido Tomás.
16.– Un heroe de ficción?
– Luke Skywalker.
17.– Unha heroína?
– Princesa Leia Organa. Dende pequeno quedei engaiolado pola súa fortaleza e determinación.
18.– A súa música favorita?
– The Beatles. The Doors.
19.– Na pintura?
– Salvador Dalí. Pero podería dicir Goya ou Velázquez.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A miña muller.
21.– O seu nome favorito?
– Esther.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falsidade e a cobiza sen medida por riba de todo e de tod@s.
23.– O que máis odia?
– As miserias do ser humano. Pero non sei se podo albergar odio onde hai tanto amor.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Posiblemente a Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– Numancia. Pola súa resistencia e valor da liberdade. Pero non creo que poida admirar ningún feito militar.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Pintar e tocar algún instrumento musical.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Despois de facer o meu percorrido vital. En anciá idade e cos meus seres queridos. Inda que hei de confesar que non quero morrer nin que morran os demais.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ultimamente felizmente canso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O medo. É normal ter medo até atopar o camiño. Coñezo ben a sensación. E o medo é un defecto que non deixa medrar a alma.
30.– Un lema na súa vida?
– As cousas son como son até que deixan de selo. Sempre cuestiono as realidades que vivo e nunca collo autoestradas na vida. O camiño do oficio é un camiño longo que desexo percorrer.”

Cuestionario Proust: Miguel Anxo Fernández

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Miguel Anxo Fernández:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Timidez e constancia. Iso de “o que resiste, gaña”…
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Todo o que representa ser un amig@.
4.– A súa principal eiva?
– Incompatible coa burocracia e coa “burrocracia”…
5.– A súa ocupación favorita?
– Ver cine, escribir, gozar da compaña da boa xente.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Xuntar todos os meus centos (diría miles…) de libros nunha única biblioteca e perderme nela con boa saúde e gozar do mellor cine da miña videoteca, nunha pequena sala a carón…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte dun ser querido e unha enfermidade sen remedio.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son, un tipo normal. Pero postos a ser fantasioso: un fulano con poderes para corrixir a estupidez humana no seu concepto máis amplo (que mira que abonda…).
9.– En que país desexaría vivir?
– Xa vivo no mellor país do mundo…
10.– A súa cor favorita?
– Negro, pero a bandeira das tres cores tamén: vermello, branco e azul…
11.– A flor que máis lle gusta?
– Unha rareza: a flor de toxo ten o seu aquel…
12.– O paxaro que prefire?
– A pomba de Picasso…
13.– A súa devoción na prosa?
– O teórico cinematográfico André Bazin.
14.– E na poesía?
– Non teño preferencia. Todos me parecen heroes da Palabra.
15.– Un libro?
¿Qué es el cine? (André Bazin).
16.– Un heroe de ficción?
– Frank Soutelo.
17.– Unha heroína?
– Non teño unha preferencia concreta.
18.– A súa música favorita?
– Calquera de Jerry Fielding, Georges Delerue e Ennio Morricone, compositores de cine.
19.– Na pintura?
– Son moi ecléctico: desde os impresionistas a Picasso, Dalí e Antonio López. Son historiador da Arte, e iso sácache espontaneidade nas preferencias.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os meus pais, currantes toda a vida, de sol a sol.
21.– O seu nome favorito?
– Esa é a pregunta do millón…
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Regreso ao principio: a estupidez, a corrupción e a intolerancia.
23.– O que máis odia?
– Prefiro centrar os meus esforzos noutro tipo de sentimentos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os ditadores (e hai un carro cheo deles).
25.– Un feito militar que admire?
– Sinto moito dicir que ningún …
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ser invisible.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Ou nunha cama de puro apagamento biolóxico ou dun repente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Unha permanente incredulidade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia, por abondosa, sobre todo na xestión pública.
30.– Un lema na súa vida?
– A honestidade, con todo o que iso representa.”

Roi Vidal: “Non arriscar fai que moita xente acabe asociando teatro galego a humor chocalleiro”

Entrevista de Montse Dopico a Roi Vidal en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Por que chamas Teatro a un libro de poemas que non ten moito que ver co teatro?
– Roi Vidal (RV): Pois, unha, para que me fagades esa pregunta, por xogar e por provocar unha interrogación, claro. E tamén porque son teatreiro, ademais de poeta, polo que xogo co meu mundo, co que teño máis cerca. Dábame certo morbo chamar Teatro a un libro de poesía. Pero o certo é que , segundo eu o vexo, o libro si que ten moito que ver co teatro. (…)
– MD: O Ano Vidal Bolaño favoreceu avances mais quedan cousas por facer. Que balance xeral podes facer del?
– RV: O meu balance do ano Bolaño é moi negativo. Só se fixo o obrigado, e a maioría das cousas partiron de iniciativas demasiado achegadas a RVB, como o CDG, ou as compañías Antroido e Teatro do Aquí. En xeral, a profesión non se sentiu moi identificada. A excepción de cousas como a Santa Bolaña, que saca o teatro á rúa e o mete nos bares. Algo que me gustou moito, máis que toda esa vacua parafernalia das celebracións institucionais, é o feito de que a Asociación de Veciños As Brañas de Andrés, do barrio de Vista Alegre, lle pedise ao concello de Santiago poñerlle o nome de Saxo Tenor á praciña na que está a casa onde naceu meu pai. Quero velo como un síntoma de que a sociedade, polo menos a compostelá, ao contrario do que acontece co campo cultural, si toma a Vidal Bolaño como algo propia a reivindicar. E agora que se acabaron os fastos, o camiño debe ir por aí. De abaixo arriba, que é como se constrúen os mellores edificios. (…)”

Anxos Sumai: “Nestes tempos, as persoas están disociadas e a sociedade, esquizofrénica”

Entrevista de Alberto Ramos a Anxos Sumai en Praza:
“(…) – Praza (P): Unha primeira pregunta de periodista folgazán. Como definiría A lúa da colleita?
– Anxos Sumai (AS): É un libro que ten máis lecturas das que fun consciente mentres a escribía. Cando a traballaba, pretendía mostrar unha concepción holística do ser humano, coas súas partes de sombra e as súas partes de luz. E despois do escrito, decateime de que ía reflexionando sobre moitos temas que me interesaban, que me preocupaban… Definilo con maior concreción cústame moito. Tería que escribir un libro enteiro para explicalo. [Ri] (…)
– P: Estamos disociados?
– AS: Estamos disociados en moitos casos. O que busco retratar aquí, levando situacións ao extremo, pouco ten que ver coas persoas con enfermidades mentais. O que procuro falar é de todo o mundo e sobre como todos sufrimos este tipo de disociacións. Por iso Nuria precisa parar e pensar no que se escindiu dentro dela. Eu non intento falar dunha enfermidade psiquiátrica, senón de como somos todos e todas. Vivimos dun xeito tan acelerado que nin nos concedemos ese último momento do día para parar e pensar. Imos ás carreiras e, cando nos decatamos, que nos queda por vivir? Nada. Son as circunstancias do momento actual. Nestes tempos, as persoas están disociados e a sociedade, esquizofrénica. (…)
– P: Nunha entrevista no Zig Zag afirmaba que vostede escribía moito, pero publico pouco. Por que agardou cinco anos entre a súa primeira novela, Así nacen as baleas, e esta segunda?
– AS: Non tiña nada que dicir, nada que fose necesario contar. Eu escribo moito, sigo escribindo relatos en libros colectivos e esas cousas… Pero algo que tivese a entidade dun libro meu? Non tiña nada que contar. Para que facelo? Para que forzar? Eu non teño que publicar un libro cada ano. Por sorte ou por desgraza non vivo de escribir. Malia que me gustaría vivir de escribir nestes tempos, teño un traballo marabilloso. Pódome permitir ser moito máis selectiva. Publico só o que me apetece, son moi autocrítica, quizais excesivamente autocrítica… É que non tiña nada que escribir, é absurdo. [Ri] Eu estiven publicando moito na primeira década do século, na radio, en Anxos de Garda, na prensa, etc. Cheguei a ser consciente de que me estaba aborrecendo a min mesma, a miña forma de escribir xa non me valía, estábame a repetir constantemente. Non tiña nada especial que contar, foi unha vertixe. Había que parar, cumpría pensar. (…)”