Xosé Luís Méndez Ferrín, novo presidente da Real Academia Galega

O plenario da Real Academia Galega de onte sábado 23 febreiro elixiu a directiva que gobernará a centenaria institución durante os próximos catro anos. Acompañará ao presidente Xosé Luís Méndez Ferrín un equipo composto por Xosé Luís Axeitos (secretario), Manuel González (tesoureiro), Euloxio Ruibal (bibliotecario) e Paco Fernández Rei (vicesecretario).

Na prensa de hoxe domingo podemos ler máis entrevistas co novo presidente da Real Academia Galega:

Faro de Vigo: “A situación financieira da Academia é un escándalo, vive na beneficencia”

–O conselleiro de Cultura afirma que o problema da cultura é que está acomplexada…

–Por iso está traducido Manolo Rivas a 30 linguas no mundo e Jiménez Losantos non. Cando un escritor galego está traducido en francés por Galimard non se poden dicir esas cousas.

–Que pode facer a Academia para para aumentar o prestixio social do galego?

–A Academia so é un factor. Esa tarefa non lle compete só a mundo intelectual como moitos pensan. Na sociedade hai algo máis que intelectuais, e o galego está asumido hai anos polo sindicalismo, por exemplo. Hai unha toma de conciencia contraria a ese desprestixio, pero isto compételle á totalidade da sociedade.

[Ler entrevista completa]

La Voz de Galicia: “A Real Academia Galega é un tanque de intelixencia”

-Vostede chega coa idade e a experiencia axeitadas para o cargo, e con ganas de traballar por unha Academia, moi limitada de medios, da que nalgún momento foi crítico.

-As críticas non foron nunca sobre a Academia ou a súa existencia, senón puntuais por algunha actuación. Non me estraña que a RAG teña un pasado con moitos altos e con moitos baixos na súa historia centenaria porque nunca tivo independencia económica. Sempre viviu de favores e de beneficencia, en realidade. Se conseguísemos saír desa situación sería magnífico, pero non o sei. Faremos todo o posible por persuadir á Xunta de que sería ben que deixase instituído un orzamento para sempre, á marxe dos cambios políticos.

-Non sei se é o mellor momento para acadalo, e non por estar o PP na Xunta, senón por toda a tensión que se está a crear na sociedade desde dentro e desde fóra.

-Tampouco ten por que ser necesariamente un mal momento. A RAG acaba de revelar na sociedade galega, dun día para outro e cunha contundencia notable, a súa existencia e a súa autoridade cun documento clave para cambiar a cousa. A RAG está nestes días máis presente do que estivo nunca no resto do Estado. O noso punto de vista consiste en pedir que a subvención da RAG figure nos orzamentos da Xunta e acadalo non depende de nós. O bipartito anterior non quixo. Non sei agora.

-Que pode facer a RAG?

-A RAG é un suxeito colectivo formado por individualidades moi fortes. Podía ser máis numerosa, porque Galicia é un país moi culto e nada ensimesmado… pero os académicos que existen son un grupo de intelectuais moi forte. E a evidencia está na análise que fixo das bases. Non hai nin un só colectivo en Galicia que puidese ter feito nada semellante, salvo o de xuristas, que coincidiu coa Academia nas partes que facían referencia ao campo legal.

[Ler entrevista completa: 1, 2 e 3]

Bieito Iglesias:“Manolo Rivas é máis universal que o conselleiro de Cultura”

Entrevista a Bieito Iglesias en Xornal de Galicia:

Como profesor, que sentir lle produce o decreto do galego no ensino?

Pensabamos que xa non teriamos que volver a loitar por cousas que estaban claras dende os oitenta, pero existe unha vontade nalgúns dos sectores da política española, que ten un eco aquí, e que é reducir as linguas non castelás a unha cousa folclórica, propia das corais da Sección Feminina. Se en Cataluña os pais votan a prol dunha educación en catalán, Rajoy anuncia unha lei que imporá a castelanización pola brava. Pero se en Galicia os pais votan polo castelán, a súa vontade é soberana. Ao final só lles valen os votos que non son do BNG, do PNV ou de Esquerra.

Esa é a sensación que lle transmite a Xunta de Galicia?

Algunha vez teño falado con eles, en actos da Asociación de Escritores ou do PEN Club, e procuro ser correcto, pero do Conselleiro de Educación xa dixen o que opino, e tampouco comparto a idea do de Cultura, que se empeña en dicir que a nosa é unha cultura provincial e ensimismada. Verá, unha vez que estiven en Moscova, nun acto do PEN Internacional, Günter Grass, preguntoume por Manolo Rivas, non por Roberto Varela, así que deduzo que Rivas é máis universal que Varela. Tampouco creo que o conselleiro saiba máis idiomas que Xavier Queipo, nin que fale mellor inglés que Xavier Alcalá, ou domine máis a Goethe ou a Tolkien que Ferrín. O de sempre, que os que escriben en castelán son universais e cultos, e os que non, somos uns pailáns con boina de perillo.

[Ler entrevista completa]

Xosé Luís Méndez Ferrín será elixido hoxe presidente da Real Academia Galega

O xornal Galicia hoxe publica na súa edición do sábado unha entrevista con Xosé Luís Méndez Ferrín, que hoxe será elixido presidente da Real Academia Galega:

P: A RAG conta xa con máis de cen anos. Queda algunha áncora do pasado que haxa que soltar?

R: Non, non. Non queremos soltar amarra ningunha! (ri) Estamos precisamente moi ben amarrados á memoria histórica e aos obxectivos fundacionais da Academia, que pasan pola plenitude da lingua e da cultura galega. O que pasa é que cada época ten as súas necesidades e hai que darlles resposta: no caso da Academia, toca dalas no plano da lingua e no plano da cultura galegas.

P: Pois no plano da lingua xa deu a súa resposta: un suspenso rotundo ás bases do decreto. Cal é a postura persoal de Méndez Ferrín respecto do borrador?

R: A título persoal, eu coincido con todos os puntos da Academia, igual que a totalidade dos académicos. Foi aprobado xa non só por unanimidade, senón por aclamación (subliña esta última palabra).

P: Con que termo definiría ese borrador?

R: Creo que algún académico dixo “trapallada”… (ri) É algo así. É unha cousa que non ten solidez, que ten moitos defectos, non é satisfactorio para ninguén que queira defender o idioma e que queira frear o seu proceso de desaparición e descomposición. Así se viu nos apoios que recibiu a resposta da Academia.

[Ler entrevista completa]

Entrevista a María Xosé Queizán: “Unha cousa é aprender idiomas e outra é perder o propio”

A idea lanzada desde instancias españolistas contra as outras linguas peninsulares, e esa falacia de que corría perigo o español, callou en mentalidades obtusas e conservadoras. De aí nace Galicia Bilingüe, que realmente aspira á Galicia monolingüe. Este brodio encontra un caldo de cultivo excelente no novo PP galego, que ten os ollos postos en Madrid. De non ser así, decataríanse que non pode existir unha Xunta de Galicia de non haber unha nación con estrutura e lingua propia. Como se pode dirixir unha Galicia trilingüe? Unha cousa é aprender idiomas e outra é perder o propio e equiparalo ao resto das linguas.

Entrevista de Manuel Vidal Villaverde a María Xosé Queizán. Ler entrevista completa en Galicia Hoxe.

Entrevista a María Reimóndez: “A pobreza é un sistema político”

Que desfeitas viviu vostede?
Pois en concreto un, cando foi o tsunami, porque as persoas que tomaban as decisións non tiñan nin puñeteira idea de onde estaban a traballar. Nós coordinámonos co goberno e coas organizacións que facían campañas de vacinacións, etc. E vimos a desfeita de quen non se coordinou en absoluto, vacinou varias veces, distribuíu cousas innecesarias, compresas que ningunha muller sabía usar, porque empregan trapos, e moitas outras cousas. É un gasto de cartos e, moito máis grave, unha falta de respecto porque no momento en que unhas persoas se vén nunha situación tan vulnerábel teñen que restituír a súa capacidade de decisión.

Pódese axudar a cambiar o mundo desde unha organización como Implicad@s?
Nós levamos doce anos demostrando que si. Os impactos pódense medir de moitas maneiras, pódense medir nos países do sur, nos lugares onde traballamos, dunha forma tanxíbel. Ao cabo deste tempo traballamos aproximadamente con duascentas trinta mil persoas e os cambios na vida de cada unha delas creo que xa pagan a pena o esforzo. Pero a parte diso, desde a filosofía máis fidedigna da organización, para nós tamén é realmente importante é facer o cambio aquí, porque son as nosas maneiras de pensar e de actuar as que están causando a pobreza.

Ler entrevista completa a María Reimóndez en El Correo Gallego.

Entrevista a Francisco López-Barxas: “A única literatura galega é a literatura escrita en galego”

É partidario de abrir as axudas á creación en castelán?
Creación en castelán?

Literatura en castelán, por exemplo.
Eu son contrario a que non poidan convivir o teatro en galego e o teatro en castelán, a que o Centro Dramático Galego non poida representar a Valle-Inclán. Estes días estamos vendo en La 2 de Televisión Española as Comedias bárbaras, e que non as poidamos ver na Televisión de Galicia… Iso non o entendo. É evidente que Valle-Inclán non pertence á literatura galega, pero si á cultura galega. Galicia é ás veces máis coñecida internacionalmente por autores que escriben en castelán que pola obra de escritores que escriben, ou escribimos, en galego. O Ministerio de Cultura ten axudas para a creación literaria en castelán e nós témolas para o libro galego, sen maximalismos, pero a xente é libre de escribir no que queira. Non esquezamos que quen fixo máis polo libro catalán foron os autores de alí que escriben en castelán.

Si, pero alí a ferida tampouco estiñou de todo. Non hai demasiado que se enlearon nunha polémica pola nómina de autores que debían representar a Cataluña en Frankfurt. O exemplo de Valle-Inclán é bo, pero tamén enganoso.
Dáme igual Valle-Inclán ou Camba ou Pardo Bazán ou Fernández Flórez. Falo de escritores universais que empregaron exclusivamente o castelán. Penso por exemplo en Morriña, de Pardo Bazán, ou El bosque animado, de Fernández Flórez, obras onde Galicia está moi presente a través da descrición de personaxes, de caracteres, ás veces moito mellor que a través da propia lingua. Pero insisto, non quero que haxa dúbidas: para min, a única literatura galega é a literatura escrita en galego.

Entrevista de Iago Martínez a Francisco López-Barxas, Director Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta de Galicia. Ler texto completo en Xornal de Galicia.