Pepe Carballude: “É un luxo para Carballo ter unha libraría do nivel da Brañas Verdes”

Entrevista a Pepe Carballude en La Voz de Galicia:
“Pepe Carballude amosou o venres 18 de xuño en Carballo que, como el ten dito nestas páxinas, é fillo da tradición oral, fillo dos contos. Só un bo escoitador destas historias faladas e un bo orador pode ser quen de contar tanto e darlle unha forma amena, sen que os oíntes perdan bocado nin fío. A tertulia posterior á presentación de A pintora libertaria resultou realmente entretida. Dar a coñecer esta obra, publicada por Galaxia, foi o pretexto que trouxo a este estradense de volta a Carballo, onde ten sido director do IES Alfredo Brañas e onde residiu uns anos. Tivo Carballude palabras de agradecemento para a editorial e para Elena e Moncho, almas da libraría Brañas Verdes, que foi o espazo que o acolleu, na compaña de Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz en Carballo e presentador do acto. «É un luxo para Carballo ter unha libraría coma esta. Recórdame moito á Cervantes de Salamanca», abundou. Viaxou de aquí a acolá para falar de espacios abertos, de lugares onde un pode gozar dos libros e onde o libreiro fala, aconsella, resistente a ser engulido por unha máquina.
En A pintora libertaria quixo o autor, dun lado, homenaxear á emigración, a eses centos de persoas que marcharon por motivos de traballo ou perseguidos polas súas ideas. Lembrou Pepe a outro Pepe, Neira Vilas, e ás súas memorias da emigración. Lembrou a tanta xente anónima, como Xosé María Silva, de Montillón (A Estrada), que chegaría a ser en Montevideo fotógrafo de Gardel, ou a Ramón Verea, emigrado a Bos Aires, creador da base da calculadora. Carballude expuxo asemade a creación de centos de escolas para a alfabetización das aldeas por parte destes emigrantes e, por suposto, explicou que nesta súa obra quere reivindicar e rescatar a figura da transgresora Maruja Mallo, quen pola súa condición de muller e pese a o seu talento nas artes plásticas, non chegou a ter o éxito de Picasso ou Dalí. Unha cousa e outra deulle para falar da falsificación da arte ou da inversión nela sen ter moito criterio.
Mesmo quedou tempo na Brañas Verdes para dar unhas pinceladas de In Memoriam, obra publicada por Xerais na que aborda a loita pola recuperación da memoria histórica nunha vila galega, casos de paseados durante a Guerra Civil que quedaron «ciscados polo noso país». Tivo para iso asesoramento de Carmen García Rodeja. Carballude é un bo conversador.”

Camilo Franco: “A arte que máis se parece en calquera cousa á vida é o teatro”

Entrevista a Camilo Franco desde a Mostra Internacional de Teatro de Cangas:
“Unha conversa con Camilo Franco está chea de retranca e da sabedoría que dan tantos anos de oficio. A organización da XXXVIII MITCFC concede o Premo Xiria ao Labor Teatral ao narrador, xornalista e crítico teatral, Camilo Franco, en recoñecemento ao seu importante labor como xornalista cultural e, particularmente, polo exercido como crítico teatral. Con el falamos antes de recibir o galardón e isto foi o que nos contou:
– Mostra Internacional de Teatro de Cangas (MITCFC): Como recibiu a noticia do Premio Xiria ao Labor Teatral?
– Camilo Franco (CF): Aínda que semelle unha frase tópica, con sorpresa. Sorprendinme porque non é habitual e case nunca sucede que se premie a un crítico.
– MITCFC: Como cualificarías o traballo da Mostra de Teatro de Cangas nestas xa 38 edicións?
– CF: A Mostra, ao igual que o resto dos festivais, están a facer un importante exercicio de resistencia a favor do público porque o teatro é, sen dúbida, o máis importante. Durante unha época, os festivais cumprían o papel de exhibir os espectáculos que non era habituais. Agora, sen embargo, en moitos casos case están obrigados a programar o que é habitual, o que xa tería que estar nunha programación cotiá. Por varias circunstancias, e non só pola pandemia, os festivais teñen que facer este traballo e asumir as carencias que vai deixando a programación cotiá e, ademais, teñen o compromiso de traer as obras máis extraordinarias.
Non debemos esquecer que os festivais e as programacións teatrais non están para defender ás compañías de teatro, aos actores e ás actrices, senón o dereito dos espectadores de ir ao teatro. Parecera que estes eventos só lle interesasen aos profesionais, pero o dereito é dos espectadores. (…)
– MITCFC: Narrador, xornalista e crítico teatral. De que xeito chegou o teatro á túa vida?
– CF: Non o sei moi ben… Eu teño unha vocación moi grande de ser o último mono (risas). Cando cheguei ao xornalismo, vin que a área que estaba máis desatendida era a de Cultura. A crítica teatral era a que máis lle custaba facer a todo o mundo. E ten sentido porque, cando escribes unha critica de teatro, sempre acabas por cruzarte con alguén que fai teatro. Ten un compoñente persoal un pouco menos cómoda, salvo que sexas moi, moi amable, que non é o meu caso. No meu caso tamén houbo un pouco de teimosía ou insistencia. Unha vez que empecei a facer crítica teatral, había que seguir.
– MITCFC: Que aprendizaxes se poden extraer do teatro?
– CF: Uf! Son moitas, pero hai unha fundamental. A arte que máis se parece en calquera cousa á vida é o teatro. O teatro funciona cos mesmos esquemas e as mesmas intencións que funciona a xente xa que está feito por xente. A mellor maneira de aprender algo da vida sen que te manque moito é o teatro. A xente que ves actuar ten motivacións humanas. Son persoas e persoas, sen filtros. O teatro traballa con ferramentas humanas. Non hai posibilidade dixital de cambiar. Non me imaxino nada más cerca que a experiencia teatral. Ademais, se vas suficientes veces ao teatro, aprendes a sintaxe das mentiras e a ver como se minte. Se ves traballar aos actores e actrices, aprendes a distinguir cando o fan ben e mal e, polo tanto, cando te están tangando nunha entrevista de traballo.
Sería moi útil aprender a facer teatro na escola para saber en que está baseado o principio de finxir. Os actores e actrices están obrigados a finxir de moitas maneiras. No teatro apréndese automaticamente, case sen ningún sufrimento, a finxir. Se queres facer xornalismo político e entender a un político na tribuna, vai ao teatro. O que me asombra é que a xente non vaia máis. (…)”

“Micromitos” chega ao seu remate con máis de 200 relatos

Entrevista de Gloria Montenegro a Antonio Reigosa en Nós Diario:
“A sección de Antonio Reigosa, “Micromitos“, que vén de formar parte da contracapa desde o 1 de setembro do ano pasado, chega ao seu fin con máis de 215 breves relatos relacionados coa mitoloxía galega.
“Foi todo un reto, ao comezo do proxecto, sintetizar tantos temas relacionados coa mitoloxía galega en tan só 1.000 caracteres”, expón Reigosa en conversa con Nós Diario. Desde as lendas de diversas orixes a personaxes como os trasnos foron tratados por Reigosa durante estes meses.
Os traballos están baseados na experiencia do columnista, “teño moitos anos e fun realizando investigacións e publicacións tanto en colectivo como a nivel individual”. Toda esta información foi “complicada de resumir, xa que non quería que fose moi esquemático e que ademais fose un relato, para que as lectoras atopasen unha historia con comezo e final”, explica.
Outro dos contratempos que Reigosa foi atopando ao longo destes meses para realizar os “micromitos” foi “escoller o tema, aínda que tentei adaptarme o máximo posíbel ao calendario e así adaptar a temática á actualidade”, sinala. Por exemplo, durante a semana da festividade de San Xoán “busquei que os relatos xirasen ao redor desta temática, como a flor da auga, o solsticio e demais”.
Debido a que “existían certas temáticas ou personaxes que era imposíbel resumir nun só ‘micromito’ decidín que faría unha especie de series sobre algúns temas en concreto, como foi o do trasno ou Pepa a Loba”, conta Reigosa.
Esta última, “foi unha das miñas personaxes favoritas de contar, malia que me custou moito resumir os aspectos fundamentais e relevantes sobre Pepa a Loba, é unha historia tan potente e interesante, que por iso tiven que dedicarlle cinco relatos”, especifica o escritor da columna. Ademais, tamén salienta os ‘micromitos’ relacionados cos medos dos nenos, como o Coco.
Reigosa considérase un “apaixonado do ‘inútil’, entendo que igual isto pode considerarse así por falta de interese ou coñecemento sobre a mitoloxía galega, por iso espero que este espazo contribuíse a achegar a aquelas persoas que non tiñan a curiosidade de coñecer este mundo que é tan rico e que reflicte o que foi e segue a ser a nosa cultura popular en cuestión de literatura de tradición oral”, sinala.
Esta mitoloxía galega “continúa viva”, afirma Reigosa. “Existe unha tendencia a considerar que este coñecemento está só ligado ao mundo rural, estando este  demograficamente case afundido, mais a mitoloxía está asociada ao territorio. Temos exemplos con personaxes moi coñecidos como os mouros e as mouras, relacionados con mámoas ou covas con restos de ocupación, polo que esa mitoloxía segue asociada a ese lugar, pero hai menos xente con capacidade de transmitila, porque a contorna estase a despoboar ou está xa despoboada”, explica Reigosa.
Malia a isto, “existe unha mitoloxía nova, entendida como lenda urbana, que está máis asociada ao mundo urbano e que se transmite entre a veciñanza destes territorios”. Como exemplo, o columnista explica as lendas relacionadas coa xente estranxeira. “Asóciase á xente que vén de fóra, dependendo moito do tempo histórico, que se converte nun ser terrorífico e ao que se lle culpa, entre outras cousas, de ser traficante de órganos, que matan nenos e xente para vender as súas vísceras no mercado negro”, expón Reigosa.
Outro exemplo que destaca o especialista sobre esta mitoloxía vén relacionado cos construtores de edificios. “Existe unha lenda relacionada con Noia e a igrexa de San Martiño, á cal lle falta unha torre, porque o seu construtor orixinal, segundo conta o mito, morreu accidentalmente do alto da igrexa e non puido rematala. Por iso contan que se alguén tentase levar a cabo esta obra da segunda torre, pasaríalle o mesmo. O director de cine Claudio Guerín simulou a realización desta parte da igrexa, con cartón-pedra, para un filme e morreu nun accidente ao caer desde o alto do inmóbel. A xente achaca este falecemento ao atrevemento de tentar crear a segunda torre de San Martiño”, conta Reigosa.
Para o escritor, esta é a actualización dunha lenda, que “consegue que a cidadanía reafirme máis estes mitos polos feitos acontecidos en Noia, por exemplo”, conclúe Reigosa.
Para o autor da sección de “micromitos” existe mitoloxía que “se está a crear a día de hoxe, pero aínda estamos moi perto do seu tempo como para decatarnos de que serán mitos”, expón. Sobre isto, destaca a lenda que se “está a formular sobre a pandemia desatada pola Covid-19”, asevera. “Se repasamos un pouco o que se contou sobre este tema, o que agora son consideradas fake news, van creando especulacións na xente. Xeitos de transmisións, consecuencias da enfermidade ou o mito xigante de que nos poñen chips coas vacinas forman parte dos aspectos da nova mitoloxía que se está a crear na actualidade, pero é tan fresca que non somos capaces de separala. Pero isto vai decantar co tempo e quedará na memoria da xente estas ideas, que son única e exclusivamente mitos, ou fake news, como se di agora”, sinala Reigosa.”

Eva Mejuto: “As entrevistadas resaltan que, malia os avances, a igualdade do colectivo LGTBIQA non é real”

Entrevista a Eva Mejuto en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xorde a idea de realizar este libro sobre a memoria do colectivo LGTBIQA na Galiza?
– Eva Mejuto (EM): Isto parte dunha iniciativa que comezou en Madrid hai cousa de dous anos, na que se comezaron a compartir unha serie de publicacións no eixo da memoria do colectivo. O documental da RTVE Nxs somos, non ten ningunha referencia galega e deume bastante rabia esa ausencia do país na memoria do colectivo.
A partir de aí pensei en traballar nunha novela sobre o tema, mais precisaba documentarme e realizar entrevistas para que a xente do colectivo me contase a súa historia, sobre todo xente a partir de 60 e 70 anos. Este proceso, co proxecto da Deputación coruñesa, A memoria diversa, pasou de ser unha novela a unha publicación de entrevistas, coas súas fotografías realizadas por Carmen Cerviño, e unha parte de documentación que tamén queremos engadir á publicación do libro.
– ND: Presentou esta iniciativa hai unhas semanas, mais o libro publicarase no outono, cal é o seu obxectivo?
– EM: A través deste traballo queremos que quede constancia da historia que viviron estas persoas, que foron multadas, represaliadas, silenciadas e mesmo encarceradas durante o Franquismo.
Cando traballei no libro da Memoria do silencio, atopeime co problema de que moitas testemuñas xa non estaban con nós e non quero que se sigan perdendo voces que nos conten a historia.
Ademais, a idea é facer ver a rapazada que os dereitos cos que o colectivo contamos actualmente é grazas a moita xente galega que estivo loitando e que vexan, non só todo que se evolucionou, senón tamén todo o que se pode perder cos actuais discursos de odio.
– ND: Como está a ser o proceso das entrevistas?
– EM: O traballo está a ser as veces un pouco complicado, porque a xente maior, a partir de 60 ou 70 anos, non sempre quere contar a súa historia, porque a represión e criminalización sufrida pesa aínda moitísimo. Malia isto, teño boa parte das entrevistas feitas e seguimos traballando para dignificar as voces e o traballo que se leva realizando durante estas décadas na loita privada, pública, social e política polos dereitos do colectivo LGTBIQA. (…)”

Raquel Castro: “Porque o teatro axuda a facer homes e mulleres libres é preciso integralo na columna vertebral da sociedade: o ensino”

Entrevista de Ana Abad de Larriva a Raquel Castro en Erregueté:
“A resolución do Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais 2021 fíxose pública o venres pasado, 25 de xuño, nun acto celebrado no IES Ribeira do Louro, no Porriño, e a obra gañadora resultou ser Casa de feras, de Edgar Costas Sanmartín.
Foi esta xa a cuarta edición dun certame organizado polo IES Ribeira do Louro que conta co apoio do Concello do Porriño e a Editorial Galaxia, e que naceu “coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario”. Falamos coa dramaturga e docente Raquel Castro, coordinadora do premio, para facer un balance destes catro anos. (…)
– Erregueté (E): O certame xurdiu para cubrir un baleiro en canto a textos que fosen dirixidos a ser postos en escena por rapaces e rapazas?
– Raquel Castro (RC): Si. Podemos pensar que a partir dos doce anos as rapazas e rapaces poden ler e interpretar calquera texto teatral destinado a público adulto. É certo, mais tamén precisan de ver representadas enriba das táboas as súas inquedanzas máis cotiás e ser eles mesmos e elas mesmas os que as poidan levar a escena, sentíndose identificados e identificadas.
– E: Que presenza teñen os textos teatrais no ensino secundario?
– RC: É habitual propoñer literatura xuvenil en narrativa e poesía como lectura nas aulas, mais o teatro é cousa distinta, sempre para o final e, se cadra, algunha representación, mais nunca na listaxe de lecturas recomendadas. Porén é moi necesario traballar o teatro na adolescencia xa que é un momento clave do desenvolvemento e pode ser dunha gran axuda para lograr a autonomía persoal e a integración social.
– E: Que beneficios detectas que achega o teatro á mocidade?
– RC: Traballar o teatro nas aulas permite expresar e comunicar ideas, sentimentos e vivencias. A súa presenza na educación é fundamental xa que contribúe ao desenvolvemento humano ao integrar o uso do corpo e a voz nun espazo e un tempo determinado. Asemade nútrese de linguaxes diversas, como a literatura, a música, a plástica e as linguaxes audiovisuais, o que permite un enfoque interdisciplinario.
A formación escénica activa procesos como a percepción, a atención, a concentración e a memoria. Promove o autocoñecemento e a madurez emocional, aspectos fundamentais para afianzar a propia identidade. A interpretación aumenta a sensibilidade estética e a consciencia corporal, ademais, o traballo grupal promove o respecto ao outro, o compromiso co grupo e a asunción de responsabilidades individuais e colectivas.
E para traballar o teatro nas aulas precisamos ter textos que nos axuden e cos que poidamos compartir, por iso é tan importante este premio porque nos dá ferramentas para traballar nas aulas.
– E: Que balance fas destas catro edicións do certame?
– RC: Logo de catro anos non podo facer máis que un balance positivo deste certame que fornece a biblioteca teatral galega ofertándonos textos de calidade e diversidade temática, dende o absurdo da guerra á violencia de xénero e as liberdades individuais. Porque o teatro axuda a facer homes e mulleres libres é preciso integralo na columna vertebral da sociedade: o ensino.”