A Coruña: charla de Xesús Manuel Valcárcel sobre Xosé María Díaz Castro

O venres 16 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca Pública González Garcés (Rúa Miguel González Garcés, s/n.) da Coruña, Xesús Manuel Valcárcel falará sobre Xosé María Díaz Castro: poesía galega da paisaxe. Tamén se inaugura a exposición que organiza a propia Biblioteca arredor da figura de Díaz Castro.

A Casa-Museo de Manuel María acolle unha exposición-homenaxe a Díaz Castro

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos súmase ás múltiplas mostras de recoñecemento e homenaxe que están a ter lugar na Terra Chá e en toda Galiza con motivo da dedicatoria das Letras Galegas deste ano á figura de Xosé María Díaz Castro. E faino por medio dunha mostra de diferentes materiais que testemuñan a relación literaria e tamén persoal que uniu os dous autores chairegos. Dita exposición, emprazada na Casa-Museo de Outeiro de Rei -a que foi casa natal de Manuel María-, pódese visitar no espazo do auditorio da Casa todos os sábados e domingos no horario habitual en que esta abre o público: sábados de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:30 h. e domingos de 11:00 a 14:00 horas. É posíbel, así mesmo, concertar visitas dirixíndose previamente á Fundación (a través do correo-e fundacion@manuelmaria.com ou do teléfono 698 177 621).
O público poderase achegar a fotografías, dedicatorias, manuscritos, correspondencia epistolar e outros elementos orixinais que poñen en común no literario e tamén no persoal a Xosé María Díaz Castro e a Manuel María. Materiais todos eles que fan parte do fondo documental da Fundación Manuel María de Estudos Galegos procedentes do arquivo persoal do mesmo Manuel María.
Para alén daqueles elementos documentais que polas súas características só resulta posíbel amosar visualmente, o público terá a oportunidade de consultar en man unha mostra da correspondencia epistolar privada mantida entre o poeta de Outeiro de Rei e o autor homenaxeado coas Letras Galegas deste ano, ben como distintos exemplos de composicións soltas que Xosé María Díaz Castro foi agasallando a Manuel María, exemplares dos cadernos inéditos de poesía en galego ou mesmo o proxecto dun poemario cuxo bosquexo facía parte do arquivo de Manuel María.

Cacheiras, Teo: exposición Libros de aquí

Desde Fervenzas Literarias:
“Entre o 23 de abril e o 24 de maio, na Mediateca do Grilo, en Cacheiras (Teo), o Concello de Teo realiza a II edición da exposición Libros de aquí, que ten como particularidade que repasa a obra de autores naturais ou residentes no municipio. O horario de visita será de 10:30 h. ás 13:30 h. e de 16:30 h. a 20:30 horas.
O catálogo da mostra recolle un pequeno perfil de cada un dos autores e un resumo das súas obras publicadas. Este ano recóllese o traballo de Rocío Botana Iglesias, Xoán Xosé Fernández Abella, Fernando Acuña Castroviejo, Ana Arellano, Antón Figueroa, Laura Mª Lojo Rodríguez, Constante Calvo, Germán Conde Tarrío, Lita Rivas, Xosé Durán, María Eugenia López de Silanes Vázquez, Jorge Rey e Manuel Suárez Suárez.”

Lugo: exposición sobre o booktrailer de As meigas de Lupa de María Solar

Desde Xerais:
As meigas de Lupa de María Solar xa ten exposición, trátase do traballo realizado por La Cosa Gráfica entorno ao libro editado por Xerais. A exposición recolle o making of do audiovisual elaborado a través dunha técnica novidosa que recupera a esencia do teatro de sombras e das técnicas de edición dos libros pop-up con despregables. Cinco proscenios amosan o labor desenvolto para facer o audiovisual, mesturando imaxes de actores reais insertados en escenarios miniaturizados recortados en papel, dando un fermoso resultado de sombra e movemento que se pode ver no audiovisual proxectado na sala. (…) A exposición pode verse ata o 6 de abril no Museo Interactivo de Historia de Lugo no Parque da Milagrosa.”