Unha exposición na Universitat Autònoma achega Roberto Vidal Bolaño aos cataláns

Desde Sermos Galiza:
“Barcelona ten este mes a oportunidade de descubrir (ou lembrar) a Roberto Vidal Bolaño, e de se achegar á súa obra. A Universitat Autònoma de Barcelona acolle unha exposición sobre a vida e obra do dramaturgo compostelá, mostra organizada por Estudis Gallecs UAB.
A exposición está formada por 10 carteis que mostran unha panorámica da vida e da obra do dramaturgo de Vista Alegre (Compostela). A selección de textos e imaxes da exposición foi elaborada pola Asociación Roberto Vidal Bolaño, que impulsou a conmemoración deste ano como Día das Letras Galegas para Roberto Vidal Bolaño. A edición foi feita pola Xunta de Galicia.”

Ourense: exposición Fóra de campo, no Outono Fotográfico 2013

Do martes 3 ao xoves 19 de decembro, na Galería Visol (Rúa San Domingos, 33) de Ourense, e con horarios de martes a venres, de 18:30 a 21:00 horas, e sábados de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 21:00 horas, dentro do Outono Fotográfico 2013, estará aberta a exposición Fóra de campo, que nace como un proxecto colectivo co que se pretende reflexionar e crear ao redor da fotografía e os seus límites. O grupo está formado por Caxigueiro, Eduardo Estévez, Ernesto González Torterolo e Nachok, propón un achegamento a esta disciplina explorando as posibilidades que poden ofrecer outras linguaxes artísticas (pintura, escultura, videocreación e poesía) na procura de lecturas menos convencionais. A inauguración terá lugar o martes 3 de decembro ás 20:00 horas.