A
XXXVII edición do Certame Literario do Concello de Vilalba ten gañadores: o primeiro premio, dotado con 3000 euros, flor natural e diploma, foi para Carlos Pereira Martínez, polo poemario Río Alzheimer; o segundo premio, dotado con 1000 euros, flor natural e diploma, recaeu en Martiño Maseda Lozano, de Xoibán (Vilalba) polo poemario Entre as paredes do silencio. Asemade, o xurado acordou crear unha mención especial, dotada con diploma e flor natural, para o poemario Trinta cantigas e cinco alalás, de Marcial González Vigo, de Lugo. O xurado do premio estivo formado por José María García-Leira, Darío Villanueva, José Carlos Andina, Fidel Fernán e Xulio Xiz. O libro premiado será publicado por Espiral Maior.
Arquivo da categoría: Premios poesía: ditames
A Coruña: entrega do IX Premio de Poesía Novacaixagalicia a Emma Pedreira, e recital poético
O mércores 29 de xuño, ás 20:00 horas, no Centro Social Novacaixagalicia (Avenida da Mariña, s/n.) da Coruña, terá lugar o acto de entrega do IX Premio de Poesía Novacaixagalicia a Emma Pedreira, tras o que a autora recitará poemas do libro premiado Antítese da ruína.
Xavier Rodríguez Barrio gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense, con Calado testamento
O
escritor Xavier Rodríguez Barrio converteuse no gañador do XXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense coa obra Calado testamento. O galardón está dotado con 6.000 euros e implica a publicación do libro coa editorial Espiral Maior. O xurado, integrado por Miguel Anxo Fernán-Vello, Soedade do Muíño, Fernando de Castro Blanco, membro do Grémio Literário de Vila Real e Edelmiro Vázquez Naval, emitiu o seu veredicto sobre as 48 obras presentadas a esta edición. (Xornal, La Voz de Galicia, La Región, El Progreso, Cultura Galega).
Marisol Gándara gaña o Premio Francisco Añón de Poesía
“Marisol Gándara Sánchez, de Ordes, gañou o XV Certame Francisco Añón de Poesía, que convoca o Concello de Outes, pola súa obra Manuscrito segundo da poeta caníbal. O premio está dotado con mil euros e a publicación do poemario. A casa de cultura da Serra de Outes vestiuse de gala para acoller a gala de entrega de galardóns do certame de poesía nas súas distintas categorías. Na de 6 a 7 anos, o xurado declarou os premios desertos. No apartado de nenos de 8 a 9 anos, o galardón foi para Iago Santos Moledo polo seu traballo titulado A natureza. Na categoría de 10 a 11 anos, o premio recaeu en Lucía Valle-Inclán pola súa obra A mosca chosca. Mentres que en 12 a 14 anos gañou Marcela Porto Mato con A ti, e en 15 a 17 anos, o galardón foi para Lara Porto Mato por Doce cafés. Cada un deles recibiu vales de 120, 150, 180 e 230 euros para a compra de libros, respectivamente. O xurado, integrado por María Reimóndez, Román Cerqueiro, María Golán e Manuel García, tamén decidiu conceder varios accésits nas distintas categorías, que teñen como premio a súa publicación.
Por outra banda, o Concello de Noia rendeulles homenaxe aos escritores da localidade María Mariño e Antón Avilés de Taramancos. O acto, presidido polo alcalde, Rafael García Guerrero, consistiu nunha ofrenda floral diante dos bustos que ambos teñen na Alameda da vila.” Vía Galicia Hoxe.
María Canosa gaña o premio Avelina Valladares con Ronca o Mar
María Canosa Blanco
é a gañadora do premio Avelina Valladares de poesía convocado polo Concello da Estrada. Así o decidíu o xurado do certame desta decimoquinta edición na que concorreron máis de vinte textos. Este estivo composto por Andrea Porto (gañadora da anterior edición deste certame poético), Xoán Andrés Fernández, Carlos Loureiro e María Dolores Araújo. Baixo o título de Ronca o Mar e presentado co lema Ardora, o traballo de María Canosa destacou, dacordo co xurado, pola súa “sonoridade, cohesión interna, unidade estilística, capacidade para evocar mundos e pola simboloxía empregada pola autora”. A entrega do primeiro premio do XV Avelina Valladares, dotado con 2.000 euros, terá lugar o próximo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras, nos xardíns municipais. A tamén escritora Rosalía Morlán encargarase de ler o manifesto das Letras. Desde El Correo Gallego.
María Lado gaña o III Certame de Poesía María Mariño
A
poeta ceense María Lado ven de gañar o III Certame de Poesía María Mariño, convocado pola Asociación Cultural Teenses pola Igualdade. Pola súa banda, o moañés Xosé Daniel Costas Currás recibiu o segundo premio do mesmo concurso. O xurado, formado por Lino Braxe, Xavier Crespán, Helena de Carlos, María Teresa Filloy Chao e María Xosé Rodríguez, valorou a calidade dos traballos presentados ao certame. A entrega dos premios terá lugar o 27 de maio no transcurso dunha cea-festa. Vía Fervenzas Literarias.
Emma Pedreira gaña o XIV Certame de Poesía Concello de Carral, con Libro das mentiras
Emma Pedreira,
coa súa obra Libro das mentiras resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do 2011. O xurado resalta da obra gañadora a súa orixinalidade, facendo un diálogo e reescritura dos contos tradicionais infantís; a súa expresividade, cunha gran brillantez das figuras literarias e un gran equilibrio entre contido e continente, un ton auténtico e fluído, resultando no seu conxunto un libro unitario de corte novidoso, intelixente e reflexivo. O xurado, formado polos poetas Miro Villar, Xulio López Valcárcel e Olga Patiño, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, María Xosé García Fariña, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez, quixo resaltar tamén a dificultade coa que contou na deliberación, xa que o nivel literario demostrado nas 53 obras presentadas foi moi alto. Desde a Concellería de Cultura maniféstase a satisfacción de ter batido o record de participación na presente edición, o que ven demostrar o prestixio que lle conceden os escritores a este certame. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2011.
Ismael Ramos, Concepció Rubert e Lucía Laíño gañan o XVI Premio Literario Ánxel Casal nas modalidades de poesía, teatro e conto
Os
membros do xurado, formado por Mercedes Rosón Ferreiro, Marcos Calveiro, Dores Tembrás, Manuel Bragado, Rosa López Gato e Xosé M. Rodríguez-Abella Gómez como secretario, do XVI Premio Literario Ánxel Casal, deron a coñecer os gañadores desta edición, que neste caso recaeron en alumnos de colexios e institutos de Santiago, Noia e Boiro. En total presentáronse case 40 traballos chegados de toda Galicia.
– Na modalidade de Poesía, o primeiro premio recaeu en Ismael Ramos Castelo, do I.E.S Virxe do Mar, de Noia, polo traballo Casa Tomada. Segundo o xurado, “hai que destacar o traballo na arquitectura do poemario constituído por catro partes e un post scriptum. É interesante o diálogo entre as citas, dunha estirpe de escritoras moi concreta, e a aportación do autor. Ademais debe salientarse a tensión reservada para o derradeiro verso, na súa precisión e no coidado da palabra”.
O traballo presentado por Helena Salgueiro Golán, do IES Antón Fraguas, de Santiago de Compostela, co título O transitorio das palabras foi merecente segundo o xurado do segundo premio xa que “quere chamar a atención sobre o traballo desenvolvido coa linguaxe, e a utilización do espacio do poema poñendo a proba a sintaxe. É interesante, así mesmo, o tratamento da palabra en relación ao silencio e a contención como fórmula que resolve o desencontro no acto poético”.
– No apartado de Teatro, a gañadora foi Concepció Rubert Castro, do Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, polo traballo Eros & Psique. O comentario dos expertos destaca a singularidade do tema abordado que actualiza o mito clásico de Eros e Afrodita levando o conflito ao tempo actual. Salienta así mesmo a fluidez da escrita e a estrutura dramática moi coidada, tanto nas acoutacións como no desenvolvemento dunha peza concibida para ser representada. O segundo premio declarouse deserto.
– En canto aos traballos presentados na modalidade de Conto, Lucía Laíño Lojo, do IES A Cachada., de Boiro, acadou o primeiro premio coa obra SMP15. Para o xurado, estamos ante un conto que é unha novela, que engaiola pola ambición da narradora de contalo todo, cunha estructura orixinal, actual e cun elemento fantástico moi ben introducido no mundo real. En segundo posto quedou Alba Sofía Naseiro Lamas, do IES Basanta Silva., de Vilalba, co título Os ollos da pantasma, un relato de pautas, de estilo clásico, con clara inspiración gótica e vitoriana, apuntando unha linguaxe imitadora da novela do XIX.
Máis información e a acta orixinal do xurado poden ser consultadas aquí.
Sarria: o 7 de maio entrega do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño a Xerardo Quintiá
O sábado 7 de maio, a partir das 19:30 horas, no Hotel Alfonso IX de Sarria, celebrarase a festa da poesía coa entrega a Xerardo Quintiá o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. No acto, organizado pola A. C. Ergueitos, participarán os membros do xurado Chus Pato, Xiana Arias, Baldo Ramos, Xermán Arias e María Casar, contando con Francisco X. Fernández Naval como mantedor e as actuacións do músico Manu Clavijo e o mago Carlos Coira.

