“O
xoves 20 de decembro, ás 21:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Donas do segredo, de Xan G. Muras, publicado en Tribaldes. No acto, xunto ao autor, participan Pilar García Negro e Ana Castaño. As/os asistentes ao acto recibirán como agasallo unha lámina para enmarcar. As persoas que compren o libro recibirán como agasallo unha colección de 6 pousavasos.” Desde Fervenzas Literarias.
Arquivo da categoría: Fotografía
Santiago: VII Encontro de Escritoras/es Novas/os: Da palabra á acción, o sábado 24 de novembro
O sábado 24 de novembro, no Auditorio da Cidade da Cultura, e con entrada de balde até completar aforo, celébrase o VII Encontro de Escritoras/es Novas/os, baixo o lema Da palabra á acción, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a Fundación Cidade da Cultura.
Pódese acceder aquí ao blog do Encontro, e aquí á sección Palabra Audiovisual, na que están os vídeos achegados por diversos creadores/as.
Este ano, o formato consiste na organización de grupos de traballo sitos en diferentes cidades galegas -formados por escritoras e escritores novas/os e creadores doutras disciplinas como poden ser a danza, as artes plásticas ou a música-, grupos que na actualidade xa están inmersos nun proceso de creación desenvolvido ao longo dos últimos meses, e que rematará o día da celebración do Encontro, cando teñan a oportunidade de mostraren as súas propostas creativas e falárennos de como as desenvolveron.
Con esta iniciativa, o VII Encontro de Escritoras/es Novas/os tratará de ser unha pequena plataforma dende a que mostrar ao vivo os diferentes xeitos de creación dun espectáculo escénico interdisciplinar, partindo das orixes ata a presentación ante o público e tendo como punto de partida o texto e a palabra. Unha oportunidade de achegarnos aos procesos de creación colectiva, rachando a soidade á que normalmente estamos acostumados e debatendo sobre eles, non só dende unha visión teórica senón tamén práctica.
MAÑÁ
– 10:00 h. Chegada e presentación.
– 10:30 h. Mostra do traballo grupo 1: Bingo-me, se teño sorte.
Sinopse: Caixas de zapatos. Stop. O azar xógase en cada número. Stop. Neve, serra eléctrica ou cafeteira. Non se sabe. Stop.
Integran o grupo:
* María Rosendo é feminista, taberneira e poeta. De corpo Nómade, na actualidade vai migrando polos equinocios na cidade de Compostela. Sabe que na forza das mulleres está o camiño da emancipación.
* Roberto Casteleiro é educador social, músico, e dalle con contar algunha cousa nos seguintes proxectos musicais: Koroiev, Fagot y Popota, Korokati, Primrose e Federico Testa.
* Borja Fernández é actor e frontman no grupo de rock absurdo ES UN ÁRBOL. Colabora habitualmente con colectivos de artes escénicas coma Voadora, Chévere, Orquesta Metamovida, Pistacatro, Pt. Excéntricas, entre outros.
– 11:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: María Rosendo, Roberto Casteleiro e Borja Fernández.
– 12:00 h. Pausa/café.
– 12:30 h. Mostra do traballo grupo 2: Escola do Resentimento.
Sinopse: Poesía, música e danza fúndense nun devir espontáneo e natural sobre a construcción dun espazo imaxinario froito da investigación nos ámbitos da fala, o son e o movimento corporal a partir dos textos de poemario CRAC (Gonzalo Hermo, 2012). O resultado é unha combinación das especialidades de cada un dos integrantes do proxecto. Mais non todo é o que parece…
Integran o grupo:
* Gonzalo Hermo é licenciado en Filoloxía Galega pola USC e actualmente traballa no Instituto da Lingua Galega. Os seus textos viron a luz en Revista das Letras, Andar21 ou Dorna. En 2010 gaña o 1º premio na modalidade de poesía do certame Xuventude Crea co poemario Crac editado por Barbantesa. É membro das Redes Escarlata.
* Begoña Cuquejo é licenciada en psicoloxía e fórmase en danza contemporánea, butoh e creación escénica. Funda trasPediante e dirixe o Festival de danza e artes do corpo de rúa en Ourense, corpo(a)terra. Premio injuve por Habelas 2010, traballa noutras producións como trans-hito, nin1mm, Baleadas, planificar a caída. Foi directiva de Danesga no 2008 e 2009.
* Ariel Ninas é un artista sonoro que traballa entre a música tradicional e a vangarda experimental, principalmente coa zanfona onde toca na OMEGA, Ulobit ou Aia. Desenvolve a súa actividade profesional na producción e comunicación con aCentral Folque. No seu último proxecto en solitario desenvolve o concepto de Música para peto para instrumentos miúdos.
– 13:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: Gonzalo Hermo, Begoña Cuquejo e Ariel Ninas.
TARDE
– 16:30 h. Mostra do traballo grupo 3: Medo.
Sinopse: Medo non se trata dun espectáculo baseado no terror senón na experimentación artística sobre o concepto do medo e da fobia. Trátase dunha mostra en imaxe, música e palabra na que tres artistas de diferentes campos exploran o medo tanto dende o punto de vista íntimo como dende o plano máis social do concepto (as fobias).
Integran o grupo:
* Daniel Landesa é licenciado en filoloxía galega para desgracia da súa conta corrente e orgullo da parede onde seus país colgaron a orla. Creativo, enquisador, comercial de desparafusadores, bolseiro, desempregado, xefe de comunicación, amo de casa, docente, chaqueta vermella en elcorteingles, adestrador deportivo, conferenciante, borracho gracioso ou pai de familia son parte do seu currículo profesional ademáis de narrador, escritor con vocación poética e membro de Poetas da Hostia.
* Andrea Costas é mestra e na súa labor creativa emprega linguaxes como instalación, vídeo ou performance, e fotografía. As súas pezas foron mostradas en varias exposicións e a súa obra premiada en certames como Novos Valores (2001), Injuve (2002), Artes Plásticas Ourense (2007). Aparte dos libros de fotografía Formas de Ser (CEF, 2002) e Persoal e transferible (CEF, 2006), é co-autora xunto a Yolanda Castaño do libro Cociñando ao pé da letra (Galaxia, 2011).
* mdmme é músico dende os quince anos e na actualidade compaxina a súa actividade performática con varias liñas de investigación relacionadas co son, espazo público, arte e medio rural e o labor docente dende o ano 2000 no proxecto pedagóxico Orquesta 3xploratoria. É coordinador do espazo Alg-a Lab e director do programa de investigación sobre arte e medio rural Verbenas Periféricas.
– 17:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: Daniel Landesa, Andrea Costas e mdmme.
– 18:30 h. Palabra e movemento: o espello da imaxe.- Mostra de videopoemas, pezas de videoarte e videodanza.
Ponteceso: programa do Outono Pondaliano, do 23 ao 30 de outubro
Museo de Lugo: exposición Ela en plural
O
mércores 3 de outubro, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), inaugúrase a exposición Ela en plural, promovida polo Colectivo Argazo, e patrocinada pola Área de Cultura e Turismo, Rede Museística da Deputación de Lugo, e que permanecerá aberta até o sábado 3 de novembro, cos seguintes horarios: de luns a venres, de 9:00 a 21:00 horas; sábados: de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas; e domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas.
Os artistas que participan na mostra son:
– Pintura: Man, Arza Pardo Barbeito e Marta Paz.
– Fotografía: Carolina Miraz e Ernesto Gómez.
– Poesía: Concha Blanco Montecelos, Lino García Salgado, Verónica Martínez Delgado, Alberte Momán e Gabriela Rodríguez.
– Música: Richard Dowling e Carlos Santos.
Santiago: exposición O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges, de Xelís de Toro
“Trinta
textos en galego de Xelís de Toro traducidos ao inglés. Catorce artistas que crearon obras nas súas respectivas especialidades a partir dos mesmos. Un programa de radio de dúas horas. Un libro bilingüe cun DVD que o recolle todo. A galería Metro achega a Compostela ata o vindeiro 3 de outubro o proxecto O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges, cunha selección das obras que naceron no marco desta iniciativa que pretende explorar os límites da creación poética e do libro como artefacto artístico. A mostra xa se puido ver entre o 14 de xullo e o 12 de agosto na galería Phoenix, de Brighton, e o libro está en distribución por Galicia da man de Edicións Positivas. Aínda que a maior parte dos creadores que participan na iniciativa son de orixe inglesa, O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges contou tamén coa participación de galegos como Narf, o grupo de teatro Chévere ou a fotógrafa Dolores Sánchez Calvo.” Desde Cultura Galega.
Betanzos: recital de poesía e presentación de Berros no roncar das ondas
A Coruña: actividades do venres 10 na Feira do Libro
O venres 10 de agosto finaliza
a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), coas seguintes actividades destacadas:
– 18:30 h.: presentación de Berros no roncar das ondas, con fotografías de Xacobe Meléndrez e poemas de Bernardino Graña. No acto participará, xunto aos autores do libro, Teresa Seara.
– 20:30 h.: mesa redonda sobre Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta, quen asinarán libros tras a finalización do acto.
Santa Cruz, Oleiros: presentación de Berros no roncar das ondas
O
martes 7 de agosto, ás 20:00 horas, no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), preséntase o libro Berros no roncar das ondas, con fotografías de Xacobe Meléndrez Fassbender, poemas de Bernardino Graña e limiar de Xurxo Souto, quen, xunto ao autor das fotos, participará no acto. A exposición coa obra poderase visitar até o martes 14 de agosto, con horario de luns a venres de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00, e sábados de 11:00 a 14:00 h.
Lugo: comeza o Ano Ben-Cho-Shey
“Nun
acto convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo o xoves 28 de xuño, inaugurouse o Ano Ben Cho-Shey, dedicado a este insigne galeguista, coa primeira das actividades que incluíu, ademais da intervención do delegado de Cultura da Deputación, a intervención de Xoán Ramiro Cuba, coordinador do Ano Ben Cho-Shey, así como unha proxección de fotografías: Lugo na cámara de Ben-Cho-Shey (importantes documentos fotográficos que son testemuñas históricas dunha época) que foi comentando e analizando o propio Xoán Ramiro Cuba, xunto á intervención musical a cargo de Antón Castro e unha lectura dramatizada de textos inéditos do Diario de Lugo de Ben-Cho-Shey, a cargo de Tereixa Campo e Paloma Lugilde. (…)
Xoán Ramiro Cuba, pola súa banda, destacou que “máis que homenaxealo postmortem o que pretende a Área de Cutura coa organización deste ano é dar a coñecer a todo os galegos e galegas a vida e a obra de Ben-Cho-Shey, queremos que Galiza coñeza esta figura tan inxustamente esquecida e arrecantada e recoñeza a verdadeira dimensión deste intelectual que traballou sempre por amor a Galiza cun compromiso esforzado e inquebrantable. Dese compromiso e dos seus froitos dános unha idea moi clara Xosé María Álvarez Blázquez cando di: “Ben-Cho-Shey é o galego máis galego que teño coñecido. Atesoura a xenerosidade dun Otero Pedrayo, o entusiasmo dun P. Sarmiento, a sabencia folklórica dun Risco, o patriotismo dun Castelao. Se houbese que facer un desfile de galeguismo, Ben-Cho-Shey sería o abandeirado”.” Vía Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Pontevedra: presentación de Berros no roncar das ondas
O
mércores 16 de maio, ás 19:30 horas, na Libraría Cronopios de Pontevedra (Rúa Frei Xoán de Navarrete, 5), preséntase o libro Berros no roncar das ondas, con fotografías de Xacobe Meléndrez Fassbender, poemas de Bernardino Graña e limiar de Xurxo Souto. O libro forma parte dun proxecto artístico que ten unha parte de exposición na rua, de 16 lonas de 180 x 120 cm, que xa estivo en Carril-Vilagarcía e Rianxo, e que do 16 ao 30 de maio estará en Pontevedra, continuando despois o seu percorrido polas rúas de outras vilas galegas. Máis adiante haberá tamén una exposición sobre papel con copias de calidade “fine art”.


