Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“III Día das Galegas nas Letras: María Xosé Queizán. Pode accederse á entrevista aquí.”
Arquivo da categoría: Homenaxes
Boiro: acto de homenaxe no centenario de Raimundo García Domínguez, Borobó
Betanzos rende homenaxe ao poeta Salvador García-Bodaño
Desde
La Voz de Galicia:
“«Xa fixen os 81 anos, e aínda me custa crelo» [ri]. E iso que é poeta, que é oficio no que o paso do tempo é asunto referencial. Salvador García-Bodaño (Vigo, 1935) recibe o venres 12 de agosto ás 20:00 horas unha homenaxe en Betanzos, na librería Biblos, que dirixe o escritor Tucho Calvo, e na que lembrarán -con motivo de que se cumpren 45 anos- como gañou os xogos florais brigantinos de 1971, naquela edición dedicados a Rosalía de Castro, co poema Cántico pra túa soedade que se ergue coma unha bandeira. Un título, anota o autor, que na súa parte final causou incomodidade en certos prebostes, algo que aínda agora celebra. «Non eran fáciles aqueles tempos. Houbo momentos terribles. A miña infancia foi un pouco sinistra. E no instituto dicías unha palabra en galego e arriscábaste a un castigo. Todo eran obstáculos, o idioma estaba sometido. Por iso aqueles encontros poéticos, os xogos florais ou os minervais tiñan tanta importancia para nós».
García-Bodaño enxalza o valor emotivo e de iniciación daqueles concursos, que lle serviron á súa xeración como toma de contacto, de coñecemento e de intercambio, para ver que había outros que pensaban de forma similar e tamén para trabar unha certa amizade. «De aí moitos foron caendo cara a defensa do idioma, da cultura. Empezamos a vivir Galicia como unha unidade, máis aló das catro provincias, asistiamos a un sentido de país en construción, a unha afirmación paulatina sen necesidade de moito ruído». O poeta ve neste tempo o xermolo da situación de normalidade na que hoxe se move a sociedade galega, e iso o «pon contento», que se poda falar da cultura galega, da lingua, e que a xente mostre interese por elas.
En Betanzos xa gañara os xogos florais de 1960, nos que era mantedor Álvaro Cunqueiro. «Aquela si foi a miña verdadeira porta de entrada ao mundo da creación literaria -recorda-. Moitos de nós empezamos a coñecernos nestes encontros poéticos». Así ocorreu con Manuel María, co que coincidía en algúns concursos, «unhas veces era el quen levaba o primeiro premio, outras eu». En 1971, o escritor chairego mereceu no certame brigantino o segundo posto, dotado con 8.000 pesetas; García-Bodaño recibiu 25.000 pola vitoria. O poeta ri cando se lle anota este particular anecdótico que esquecera. «Sorpréndeme, pois daquela 25.000 eran moitos cartos, pero a dotación económica dos premios é algo importante para axudar ao poeta no seu labor», afirma.”
Programa do III Día das Galegas nas Letras adicado a María Xosé Queizán, o 15 de agosto
Dende a Plataforma de crítica literaria A Sega recordamos que o vindeiro 15 de agosto se celebrará o III Día das Galegas nas Letras, dedicado este ano á escritora María Xosé Queizán. O acto terá lugar en Vigo, no Parque María Xosé Queizán.
PROGRAMA DA XORNADA:
12:00-13:00 h. Presentación da xornada por parte de representantes da Sega.
Palabras de María Xosé Queizán.
Lectura de textos e poemas da autora.
13:00-20:00 h. Comida no parque, que levará cada persoa / familia de forma particular (non se venderán alimentos nin a organización entregará ou organizará comida, o formato é tipo «Romaría»).
Actuacións:
– Mercedes Peón
– Cintaadhesiva
– Sofía Espiñeira
– Silvia Penas
– Ai-el-ela Pandereteiras
– Rianxeiras da Covecha
– Actuación infantil por Educultoras, S. Coop. Galega
Estades convidadas!!
“A forza indicíbel do Agustín”, por Suso de Toro
Artigo
de Suso de Toro en Sermos Galiza:
“No mundo da cultura de calquera pais hai figuras de toda caste, intelectuais e artistas que, alén de ofrecer o seu traballo creativo, compiten, loitan, defenden intereses particulares e posicións estéticas ou ideolóxicas. A figura do Agustín Fernández Paz non semella nin deste país nin deste mundo, o Agustín foi, é, un tipo único. E por iso todos queriamos ser amigos seus.
Non me cadrara ter apenas trato previo co Agustín. porén, ao que souben que lle picara o bicho, achegueime a el na primeira oportunidade, coido que foi con motivo dunha desas homenaxes que facemos cando a alguén o consideramos inofensivo ou está marcado pola morte. Eu sei ben por que o fixen, porque gustara daquel home simplemente.
Cando coñecemos a unha persoa que é especial por un motivo ou outro desexamos reter algo dela. Nese caso a nosa motivación é procurar enerxía, buscar a luz, é un dos resortes esenciais que move a vida dentro nosa. Mais, no meu caso pódese dicir que foi un acto político, foi un acto consciente de recoñecer e reforzar unha posición dentro do noso mundo cultural. Esa posición, a de Agustín, é a posición da esperanza. E a do amor.
Tense dito antes e tamén estes días que Agustín era moi boa persoa, érao mais iso non pode resumir sen máis a súa forza, o seu poder. Porque expresouse coas armas máis humildes, a modestia insistente do mestre, o oficio tomado a serio de escritor e os modais respectuosos, porén foi un loitador duro. Non falo do seu rexeitamento a un honor porque esas autoridades que llo concedían estaban a traizoar ao seu país, iso simplesmente é a coherencia dun home que sabe que cando os días que quedan están contados cada acto é valioso e ten que ser verdadeiro. (…)”
Agustín Fernández Paz, il miglior fabbro, por Armando Requeixo
Artigo
de Armando Requeixo, desde Criticalia:
“(…) O que as letras galegas deben a Agustín Fernández Paz non se dá contado: case medio século de labor entregue á nosa cultura, á súa lingua, ao pobo e máis de cincuenta libros publicados, entre os que se atopan varias obras de culto.
Levaba a escrita na xema dos dedos. As palabras espellábanlle no iris e o mundo íalle entrando polos cómbaros do seu perenne sorriso ata o fondal dos paradisos fantasiados. Escribía aquelas deliciosas maxinacións en cadernos sempre de papel amarelo e, aínda que amaba todas as súas criaturas, tenme confesado algunha vez que O centro do labirinto lle dera moitas alegrías e que tiña debilidade por algúns deses seus fillos que non foran tan queridos, como O laboratorio do doutor Nogueira ou Corredores de sombra. Mais non me cabe dúbida de que, nos últimos anos, Non hai noite tan longa, O rastro que deixamos e A viaxe de Gagarin foron tamén verbas benamadas por el. (…)
Lembro que un día, hai catro anos, lle dixen: “Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?” Respondeu coa sabenza da que só son quen os seres irrepetibles: “Sei que o meu tempo se esgota, non preciso do subxuntivo. Como calquera narrador, a través dos meus libros aspiro a deixar testemuña da miña visión da vida e da miña concepción do mundo”. Abofé que o fixo. Boa viaxe Agustín.”
Trasalba, Amoeiro: “A represión franquista contra os intelectuais galegos”
A Esgueva, Madarnás (O Carballiño): VIII Festa da Palabra, en lembranza de Pura e Dora Vázquez
Especial Diario Cultural: Agustín Fernández Paz
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Especial do programa sobre a figura de Agustín Fernández Paz. Pode accederse aquí.”
“Os fíos da vida”, por Daniel Landesa
Artigo
de Daniel Landesa na revista Criaturas:
“(…) Persoalmente non tiven a oportunidade de tratalo, malia ter tantos lazos e amizades que me levaban a el. A nosa relación non foi máis alá dos amables correos que intercambiamos, precisamente co nacemento desta Revista Criaturas que, se hoxe existe, é en moi boa parte, grazas a el, porque a Agustín lle debemos todo o sabio e cordial consello que me/nos prestou para a formación deste pequeno espazo na rede. E aínda sen coñecelo, como sei que lle acontece a moitas das súas lectoras e lectores, sentinme sempre moi preto del, tanto pola proximidade da súa obra, como pola bondade que transmitía a súa personalidade pública. (…)
A reacción que hoxe se produciu na rede coa noticia da súa marcha é boa proba do agarimo que a súa figura transmitía, cadaquén ten os seus motivos para sentirse hoxe fondamente desamparado, eu teño os meus propios. Ademais da súa obra, que por suposto admiro, sempre identifiquei a súa figura coa miña nai, unha persoa boa como penso que el foi, grande lectora coma el, agarimosa tamén. E, dalgún modo, quizais logo da Viaxe de Gagarin na que ofrece unha imaxe moza dun tempo no que a miña nai foi igualmente moza, aceptei esa identificación cun dos meus seres máis queridos.
E se hoxe escribo eu é porque, se cadra, son a persoa que, daquelas que formamos Criaturas, non puido gozar desas conversas enriquecedoras e ben que o lamento. Quizais por iso son o único ao que o pulso lle chega para escribir, mais sei que podo falar por todas as persoas que, dalgún modo, participan deste pequeno proxecto e dicir que hoxe é un día terrible e desolador que nos deixa abatidos. Mais tamén sei que o espírito traballador e incansable de Agustín nos acompañará sempre. Non esqueceremos o teu exemplo, mestre. (…)”


