Desde
Sermos Galiza:
“O Parque dos Gafos de Pontevedra foi o escenario do acto de homenaxe da plataforma de crítica feminista A Sega á escritora María Victoria Moreno con motivo do II Día das Galegas nas Letras. O acto comezou cun paseo literario pola beira do río Gafos até Campolongo, unha metáfora dos paseos que acotío daba a escritora homenaxeada, e continuou cun xantar popular compartido. Fontes da organización salientan que o “Tendal de María Victoria” foi o que máis interese espertou, pois neste tendal expuxeron as obras da escritora e libros con dedicatorias.
Na xornada da tarde, en que se leu o manifesto da Sega, interviñeron, entre outras, Andrea Nunes, que leu un poema escrito para a ocasión para recoller os títulos das obras da homenaxeada, Carmen Penim, que musicou dúas pezas de María Vitoria e interpretou “A xustiza pola man”. Tamén participaron Laura Cuba e As Boubas. A actuación sorpresa chegou con Mercedes Peón, que asinou o final de festa.
No remate, a sección xuvenil da Sega sorteou entre as persoas participantes a boneca coa figura da escritora doada por Actante Dorado.
O obxectivo da homenaxe que tivo lugar o sábado 15 de agosto é, principalmente, reivindicar a obra das escritoras galegas. “Queremos visibilizar as autoras nas letras, xa que até o de agora a oficialidade homenaxeou 52 homes fronte tres mulleres, xa contando Rosalía”, sinala Susana Sánchez Arins, membro da organización. “Queremos reivindicar que as mulleres escritoras existen e, xa que a oficialidade non as festexa, homenaxeámolas nós”, conclúe.”
Arquivo da categoría: Homenaxes
Fina Casalderrey: “As novelas de María Victoria eran inxeccións intravenosas directas de sentimentos para a xente nova e non tan nova”
Entrevista
de Lara Rozados a Fina Casalderrey en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Como coñeceu a María Victoria Moreno e como foi a súa relación persoal con ela?
– Fina Casalderrey (FC): Todo comezou naqueles primeiros cursos de galego no ensino. Xa ves, veu unha extremeña aprendernos galego. Veu falarnos con paixón de Cabanillas e de todos os autores que permanecían para nós tapados con quilos de mala pintura. Veu ela falarnos deles neses primeiros cursos de galego, en Pontevedra e noutras zonas. Ela foi unha das nosas mestra de mestres. Lembro que ela falaba a moita velocidade, case aprendín a ser taquígrafa tentando non deixar atrás nada do que contaba. Pero relendo despois os apuntamentos, as cousas que dicía non só eran amenas e interesantes, senón que contaxiaban aquela paixón que ela poñía no que contaba, de Na noite estrelecida (de Cabanillas), e das pequenas cousas que ela sabía e che ía debullando. Despois fixémonos amigas pouquiño a pouco…
Lembro unha crítica que fixera, sen ter aínda confianza comigo, de O misterio dos fillos de Lúa, que remataba “O defecto que lle vexo é que me gustaría telo escrito eu”. Lembro tamén ler poesía xuntas… Canta poesía sabía esa muller! Sabía atopar versos para todo, sabía mirarlles as tripas… Nesa profundidade serena da amizade, sen ter que dar contas a ninguén… Aprendín tanto dela…
– SG: Notábaselle esa sensibilidade na escrita.
– FC: Na escrita e na vida. Ata o seu xeito de lear os cigarros tiña un rito poético. Dunha volta, viñamos de Santiago, dun acto, as dúas na súa “Teresita” (só a ela se lle puido ocorrer poñer ao seu coche -vermello, por certo- un nome de muller), ela conducía e pediume que lle lease un cigarro. Eu, que tantas veces a vira facelo, tentei imitala, pero cando llo entreguei, dixo “Isque é un vurullo de cuspe!”
Sabía moitísimo de literatura! Eu dicíalle “Es tan sabia que ata es quen de aparentar impertinente”, con todo o cariño do mundo. “Si?”, respondía cun sorriso pillabán que pretendía inxenuidade. E non se cortaba cando alguén dicía unha incorrección ou unha mentira, ou mesmo unha frase mal construída… Rebentábana eses usos do infinitivo “Dicir que…”, ou o abuso dos xerundios… mesmo lles dedicara un soneto aos xerundios. Tería merecido máis recoñecementos… Dos lectores e lectoras, do alumnado… tenos, pero pola parte dos premios…
– SG: Se cadra por esa parte dos premios, da crítica, máis institucional, foi algo esquecida… Pero que significou para a LIX galega?
– FC: Pois ela foi das pioneiras, cando escribiu Mar adiante (1973), por exemplo, nese momento en que esta literatura estaba nacendo. Unha escritora galega, porque escribía en galego, amaba Galicia e, como ela mesma dicía, “Eu nunca lle puxen os cornos a Galicia”; de certo, defendeu Galicia coma unha Galega “da tribo”. Foi, cando aínda eran moi poucos/as quen facían literatura infantil e xuvenil de forma continuada, alá polos setenta, das que estaban aí. Tamén entrou na literatura xuvenil cando aínda non había en galego moito onde escoller, velaí aquela Anagnórise tan potente destinada á xente moza, e non tan moza, que afonda nos sentimentos que xorden nunha conversa entre unha muller madura e un rapaz nunha simple viaxe en coche. (…)”
Pontevedra: II Día das Galegas nas Letras, dedicada a María Victoria Moreno
O
sábado 15 de agosto, no Parque dos Gafos (Rúa da Estación), en Pontevedra, terá lugar a II edición do Día das Galegas nas Letras, convocado pola Plataforma de Crítica Literaria A Sega.
Este é o programa:
– 12:00 h. Paseo con Leonardo. Punto de encontro: entrada ao Parque dos Gafos na Rúa da Estación.
– 14:00 h. Xantar no Parque dos Gafos.
– 16:00 h. Homenaxe a Mª Victoria Moreno.
Carmen Penim
Laura Cuba
Cristina F.
As Boubas
Habelas Hainas
Micro aberto: lemos María Victoria Moreno.
Sorteo da boneca de María Victoria Moreno entre as persoas participantes. Doazón de Actante Dorado.
– Durante todo o día: O Tendal de Mª Victoria. Exposición da súa obra.
A FORZA DA VONTADE
“Hai lugares onde nos nacen e lugares onde escollemos nacer. Hai familias que nos veñen dadas e outras que creamos para nós. Hai linguas que se nos falan e outras que coa determinación obstinada de quen se quere poñer do lado que máis o merece, escollemos para nós. Se cadra o accidente do noso nacemento pode determinar abondas cousas na vida, pero a escolla e a vontade teñen a forza mesmo de cambiar o lugar co que se asociará por sempre o noso nome, a lingua na que se falará de nós, o pobo que ha de celebrarnos para sempre.
Esa lingua, ese pobo e ese nome somos neste II Día das Galegas nas Letras todas nós segando para recoller as gavelas de María Victoria Moreno. Ela que escolleu o lugar onde vivir cada minuto, ela que escolleu a familia dos afectos, ela que escolleu a lingua e a comunidade á que pertencer. Tamén ela que escolleu as historias que quixo contar, aquelas nas que cada unha, coma unha gavela única, brilla na súa complexidade, na súa letra diáfana e motivadora. María Victoria Moreno escribiu para todas nós dende o espírito máis abranguente, máis total. Para nosoutras que buscamos nos relatos nenas que nos expliquen a vida nos nosos termos, á nosa idade. Para nosoutras que, adolescentes, procuramos descubrir o desenlace sen saber que o importante está se cadra no camiño. Para nosoutras que padecemos nos nosos corpos a dor mais tamén a esperanza. Para nosoutras que queremos saber doutras vidas aparentemente próximas pero ao tempo moi afastadas.
María Victoria representa para nós a forza da vontade fronte á desidia e o accidente, a decisión consecuente da palabra xusta. E con esa mesma vontade facémola nosa e pertencémoslle nunha celebración á que estades todas convidadas.”
A Coruña: acto de lembranza de Alexandre Bóveda, no Día da Galiza Mártir
O
venres 14 de agosto, ás 20:00 horas, no Paseo Alexandre Bóveda (zona de Catro Camiños), na Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organiza un acto en lembranza do Día da Galiza Mártir. O programa é o seguinte:
– 20:00 h. Actuación do- gaiteiro Pepe Vaamonde.
– 20:15 h. Intervención do Concelleiro de Cultura da cidade da Coruña, Sr. D. José Manuel Sande (ou persoa en quen delegar).
– 20:30 h. Interpretación do “Alalá do Silencio” a cargo de Ricardo Seixo, autor da letra do poema.
– 20:35 h. Intervención do Presidente da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Xosé Manuel Sánchez Rei.
– 20:50 h. Ofrenda floral a Alexandre Bóveda simbolizada no momunento deseñado e elaborado polo artista Pérez Porto.
– 20:55 h. Encerramento do acto coa interpretación do Himno Nacional Galego a cargo do gaiteiro Pepe Vaamonde.
LugoPatrimonio homenaxea a Irene, irmá e albacea de Fiz Vergara Vilariño
Desde
Sermos Galiza:
“Cando a Fiz Vergara Vilariño lle faltou a voz, foi a súa irmá Irene quen lla cedeu. Albacea da memoria do poeta, Irene Vergara Vilariño finou o pasado mes de abril e catro meses despois, a asociación LugoPatrimonio rendeulle homenaxe en Santalla de Lóuzara cun acto ao que tamén asistiu a súa familia. Unha ofrenda floral e lecturas sobre Irene ademais de poemas relacionados de Fiz Vergara compuxeron a parte literaria e máis emotiva do acto no que interviñeron a súa filla María Celeiro Vergara e o presidente de LugoPatrimonio, Lois Diéguez.
“Batalladora incansábel polo noso idioma, cultura e nación, sen descanso e desde a grandiosa humildade que sempre a caracterizou. O seu sorriso e sosego ficarán connosco para sempre”, sinalan desde LugoPatrimonio.”
IIIº aniversario de Avelino Pousa Antelo, o xoves 20 de agosto
O
xoves 20 de agosto terá lugar o III aniversario de Avelino Pousa Antelo, coas seguintes actividades:
– 12:00 h. Homenaxe na casa do Concello de Teo. Posteriormente, acudirase ao paseo Avelino Pousa na urbanización Os Verxeis.
– 15:00 h. Xantar de irmandade en Barcala (Casa Salvador). Hai que avisar previamente a este mail: erdao@hotmail.com ou no teléfono 636032750, antes do 15 de agosto.
– 18:30 h. Homenaxe en Negreira a Avelino Pousa. Intervén, entre outras persoas, Amancio Liñares Giraut.
A VII Festa da Palabra reivindica a figura do galeguista e xornalista Francisco Luís Bernárdez
Desde
Galicia Hoxe:
“A VII Festa da Palabra, que se celebrou este sábado na Insua dos Poetas, na Esgueva (Madarnás, O Carballiño), reivindicou a figura do xornalista, poeta, diplomático e galeguista Francisco Luís Bernárdez (Bos Aires 1900-1978). A súa vida e obra recóllese nun libro no que varios autores rescatan do esquecemento a este ilustre galeguista, e como afirmou o poeta e presidente do Pen Galicia, Luís González Tosar, coordinador da publicación, “é de necesidade manter viva a lembranza de quen fixo tanto pola nosa lingua e pola nosa cultura”.
O volume que recolle a traxectoria vital e profesional de Bernárdez é unha edición que conta co apoio da Deputación de Ourense, da Xunta e do Pen Galicia. Tosar foi precisamente o encargado de abrir o acto nesta xornada festiva para a palabra na nosa lingua. Con el estaba o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o presidente da Academia Arxentina das Letras, José Luís Moure; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o vicepresidente do Parlamento, Miguel Santalices, xunto a persoeiros dos ámbitos institucional, social e cultural de Galicia.
Na clausura do acto Manuel Baltar afirmou que a palabra “é compromiso e progreso” e defendeu a Ourensanía, “un horizonte amplo e plural, o noso xeito de percorrer o mundo, como a definiu o propio Tosar: “Sólida mestura de astucia pándiga e de íntima e fonda reflexión dos que máis sabemos dos camiños do mundo, porque os percorremos case todos, a pé e detrás da roda”. Baltar, quen agradeceu a todos os que achegan “ilusión e vitalidade a este territorio único e singular, comprometidos coa cultura e coa lingua propias de Galicia”, reafirmou que somos ourensáns, “coñecedores do bo e do ruín, sufridos, narrativos e agudos”.
O presidente do goberno provincial dixo coincidir co que Risco –e tamén Bernárdez- expresaba en 1917 na revista neosófica “La Centuria”, onde escribiru: “Ourense está moito máis preto de Nova York que de Madrid”, “Aínda que isto no sexa certo en canto a distancias, explicou Manuel Baltar, si é verdade desde unha perspectiva cultural, na que cómpre ter en conta o papel da Ourensanía, porque os ourensáns, moi amantes do noso, que non entendemos de fronteiras nin de dogmas, preferimos ser máis ben rebeldes e inadaptados. Gústanos sorprender. E como me dixo nunha ocasión Ogando Vázquez a modo de consello: “Hai que rebelarse de voz”. Rematou afirmando o presidente da Deputación que hoxe, “na festa das festas”, “as palabras son compromiso, porque poden que as leve o vento, máis ditas quedas”. (…)
Alba de Gloria 2015 no Pico Sacro, o sábado 18 de xullo
A
Federación GALIZA CULTURA, a través das Asociacións Vagalumes e O Galo, vén celebrando este acto de irmandade entre natureza e cultura desde que se conmemorou no 2011 o 125 aniversario de Castelao co total desprezo por parte da Xunta e demais institucións galegas. O acto consiste na lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo.
Seguimos a estela de Castelao quen acudiu en peregrinación até este lugar no 1925, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o “Alba de gloria”, discurso de celebración do día da patria galega. Para el era un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionario de entón. Por iso queremos render homenaxe a Castelao as asociacións culturais galegas porque queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.
Calros Solla, a máxia das montañas do Seixo ao Pico Sacro
Por iso este ano 2015 volvemos un ano máis a dar lectura ao Alba de Gloria no Pico. Desta volta contando coa presenza do poeta e investigador cerdedense Calros Solla, quen se ten caracterizado pola defensa do noso patrimonio material e inmaterial, estudando as nosas montañas sagradas, concretamente, o monte do Seixo, desvelándonos o significado que se agocha tras cada lenda e cada pedra deste santuario montesío, como un mapa para entender os ritos que aquí se levan a cabo, para desvelar as antigas celebracións precristiás e para descubri-la presenza dos vellos deuses.
PROGRAMA:
– 12:00 h.: Benvida a cargo do escritor Calros Solla e a continuación subida ao cumio do Pico Sacro (o último treito).
– 13:00 h.: Izado da bandeira por membros das Asociacións Culturais promotoras do acto “Vagalumes” de A Estrada e “O Galo” de Santiago.
De seguido lectura de Alba de Groria de Castelao por parte de representantes da A.C. O Galo de Santiago, de A. C. Vagalumes da Estrada, e das asociacións de Boqueixón e Vedra.
Himno Galego. Co gaiteiro Raúl Galego.
– 13:30 h.: Baixada do Pico Sagro mentres se explica a súa lenda, historia e valor natural a cargo de Iolanda Aldrei da Asociación A Granxa do Pico Sacro.
– 14:00 h.: Actuación no adro da capela do Pico Sacro, dos cantautores Mini e Mero.
– 14:45 h.: Xantar en: “Casa Castro”. Menú 10 €. Anotarse nesta ligazón.
Roteiro polas terras do Ulla. Guía: Iolanda Aldrei.
As persoas que non acudisen ás actividades de pola mañá, poden sumarse a este roteiro en calquera punto do seu percorrido.
– 16:15 h.: Saída desde “Casa Castro” en Sergude para Ponteledesma. Deixaranse a metade dos coches en Casa Castro.
– 16:30 h.: Ponteledesma: Ponte (s. XVI), pedra do fielato, o rio e as ínsuas cos seus fieitos arbustivos, carballos centenarios, loureiros, etc. Logo iremos nos autos ata Donas (4 km).
– 17:45 h.: Donas, a parroquia mais pequena de Galiza. Seguiremos parte do roteiro dos pescadores e ollaremos a Casa Grande, a fervenza das tres caídas e a burga de augas mineiro-medicinais (moi acaídas para a pel). Logo iremos nos autos ata Codeso (3 km).
– 19:00 h.: Codeso. Na área de S. Paio veremos a ermida (s. XVIII), e ao lonxe, na serra, a dor da pedra: as grandes canteiras do Serrabal, nas que cada día se fende o seixo. Desde a capela de S. Paio baixaremos (2 km.) pola beira do rio Grande pasando por un bosque de ribeira e por tres muíños restaurados; observaremos a fauna, a flora e plantas de cultivo que medran salvaxes (liño). Remataremos ante dúas fermosísimas fervenzas.
Se alguén o desexa, ten a oportunidade de asistir á Romaría da Fervenza que comeza encol ás 21:00 h. Celébrase ao carón da ermida de S. Paio e nela participan varios grupos de música popular, que, como todos os desta zona, son mestres na interpretación coa requinta.


