O club de lectura “Gálix Tendendo Redes”, coordinado por Ánxela Gracián, escritora e vicepresidenta da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, realizará mañá, sábado 26 de setembro en Baiona, unha nova xornada literaria que, nesta ocasión, leva por título “Por mares de tinta e cantos de sereas”. Nesta ocasión, dende a literatura intentan “tender redes” cara ao ambiente, a historia e a etnografía unindo os nosos esforzos coa Coordinadora Mediombiental de Estudos Mariños, Cenma, encargada de xestionar a goleta Nauja e co Instituto de Estudos Miñoranos. O “NAUJA” é un barco de madeira, aparellado con dous paus que posúe unha ampla e despexada cuberta, o que lle confire ao barco un alto nivel de seguranza para os navegantes sen deixar de ser un barco que mantén ese espírito que desprenden os barcos antigos das mellores novelas de viaxes. Está xestionado pola Coordinadora para o Estudio de Mamíferos Mariños, organización de ámbito galego e fundadora da SEC, para desenvolver as actividades marítimas na costa galega, de carácter ambiental e de investigación no mar, especialmente centrado no mundo dos cetáceos, pero sen deixar de tratar outros eidos como poida ser a bioloxía, a ecoloxía, a oceanografía, a pesca, a etnografía e outras materias que incidan sobre o mar.
Gálix Tendendo Redes tamén “lanza redes” á historia e a etnografía, a través da colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos. Para a edición da xornada de mañá Gálix Tendendo Redes contou tamén co apoio de Edicións Xerais de Galicia.
A xornada POR MARES DE TINTA E CANTOS DE SEREAS consistirá nunha navegación literaria e física na procura de todas as Ítacas. Ao longo da travesía os asistentes tornaranse, da man de Xabier Docampo e Xosé Cobas, ricos en coñecementos e experiencias e aprenderán o que significan todas as viaxes.
«Durante este ano, os segundos martes de cada mes, a sede da asociación cultural Alexandre Bóveda, na Coruña, acollerá un recital poético para celebrar os 25 anos do grupo De Amor e Desamor. Esta xeración xurdía na cidade coruñesa en 1984 e reunía a poetas que van desde o falecido Lois Pereiro ata Monterroso Devesa, pasando por Xavier Seoane, Manuel Rivas, Lino Braxe, Pilar Pallarés, Miguel Mato e Salinas Portugal. Estes autores publicaron entón un poemario actualmente descatalogado.[…]» (