María Victoria Moreno e a problemática cultural galega

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“(…) “María Victoria Moreno fora finalista do premio Café Gijón, en Madrid. Tiña futuro como escritora en castelán, na xeración do realismo social”, esténdese Ánxela Gracián (Castroverde, 1968), “mais abandonouno todo para traballar por Galiza e polo galego. Ese compromiso aínda me emociona”.
Moreno batera coa “problemática sociolingüística e cultural” no seu primeiro destino como docente. Alí entrará en contacto, relata, con Xesús Alonso Montero, o seu xefe de departamento e militante do Partido Comunista. “El introduciuna nos problemas deste país”, sinala a biógrafa. Destes e doutros episodios trata Doce cartas a María Victoria Moreno (Hércules de Ediciones), a súa achega ao coñecemento da autora de Elexías de luz.
“Eu sempre fun lectora de Moreno e, desde que me mergullei máis a fondo, admiradora”, explica, “esta foi unha obra por encarga. Comezou dirixida ao público infantil pero ao final colleu máis profundidade. A editorial clasificouna para maiores de 12 anos”. E escolleu a forma novelada porque era “o rexistro en que podía dar o mellor”. “Non a coñecera en vida e non tiña datos diferentes do que outros investigadores. Así podía ademais permitirme ir pasando polas diferentes etapas históricas en que viviu, desde o ano 39”, di.
Gracián, tradutora e escritora prolífica de literatura infantil, estudou vida e releu obra de Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2006). “Penso que non se está a facer abondo fincapé no seu compromiso coa literatura infantil”, aduce, “aínda se pensa nesta como unha literatura menor. Mais María Victoria Moreno puxo o seu talento ao servizo dela”. E deu algúns froitos inexcusábeis.
Guedellas de seda e liño (1999) é aínda a obra que a ánxela Gracián lle parece máis salientábel. “Amosa un pulso narrativo inmenso, malia non ser unha novela pechada. Hai homenaxe ao barroco de Otero Pedrayo e ao realismos social ou a Luis Martín Santos”, expón, “e abre moitas liñas temáticas”. Se Anagnórise (1988) foi o seu título máis recoñecido, e lectura de cabeceira para varias xeracións de adolescentes, a propia Moreno prefería “a ollada tenra do can en Leonardo e os fontaneiros (1986)”.
A María Victoria Moreno de Doce cartas -que leva ilustracións de Antonio Seijas- tamén ilustra a volución social e política do Estado español. E tampouco agocha certa amargura, tal e como conclúe Gracián: “Houbo comentarios crueis. Perdonábanselle menos cousas por ser muller. Como cando se di que ten pouca obra. Mais ela tamén se dedicou ao ensino, que era vocacional”.”

O nacemento de Árbore e a aventura da María Victoria Moreno editora

Desde a Real Academia Galega:
“Cando a finais dos anos 80 Carlos Casares decidiu poñer en marcha unha colección de LIX dentro da editorial que dirixía, xa existía algún proxecto co mesmo público obxectivo no ecosistema do libro galego, pero perduraba a necesidade de iniciativas destinadas ao público novo, sobre todo en “dous banzos importantísimos”: por unha banda, o dos primeiros lectores e lectoras e, por outra, o xuvenil, sinala David Otero. Árbore integrou estes elos e os intermedios nunha mesma colección na que, identificados con distintas cores, se presentaban os títulos recomendados por tramos de idade, seguindo unha idea e un formato nos que tamén foron esenciais as achegas de Pilar Sampil e Manuel Janeiro no labor de deseño, apuntan Otero e García Teijeiro.
Desde o principio, os tres codirectores entenderon a idea que buscaba Galaxia: potenciar os autores e autoras galegos nun momento en que o libro infantil e xuvenil na lingua propia se nutría en boa medida de verter ao galego outros autores e autoras do resto do Estado español e europeos de prestixio. “Queriamos ter o mellor en Árbore”, resume Antonio García Teijeiro. “Máis que descubrir carreiras, buscabamos xente de calidade. Recordo, por exemplo, que Paco Martín, que xa gañara o premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, publicou connosco Lembranza nova de vellos mesteres, ou o primeiro libro de Alberto Avendaño, O gato metido nun saco, e Anagnórise, da propia María Victoria, que é un libro de referencia”, repasa. El mesmo, Premio Nacional de LIX en 2017, publicou nesta colección o seu primeiro libro de narrativa, A chave dos soños, e tamén viron a luz neste selo outros de David Otero.
Anagnórise foi un dos libros presentados aquel 16 de xuño de 1988 en Vigo. Inauguraba a liña salmón de Árbore, a dedicada áo público xuvenil, con grande éxito: entre 1988 e 2004 chegou ás 16 reimpresións. María Victoria Moreno foi tamén a autora doutro volume emblemático desta colección, con outras 16 reimpresións: Mecanoscrito da segunda orixe de Manuel de Pedrolo, que verteu ao galego desde o catalán, unha das linguas que dominaba tras estudar bacharelato en Barcelona e licenciarse en Filoloxía Románica. “Foi un traballo de tradución realmente extraordinario”, valora David Otero.
Os ollos do dragón de María Ángels Gardella, As mazás da prosperidade de Hans Christian Andersen e Isto que ves é o mar de Gabriel Janer Manila tamén dan conta nesta etapa do bo traballo de María Victoria Moreno como tradutora, pero o cometido fundamental do equipo directivo de Árbore consistía na lectura e valoración dos orixinais sobre os que despois discutían. “As xuntanzas que tiñamos para decidir que había que publicar ou non desenvolvíanse nun ambiente de moi boa sintonía, nunca houbo un choque, cada un defendía as súas posturas desde o punto de vista literario”, asegura Antonio García Teijeiro. “Os criterios de María Victoria eran moi ben aceptados polos demais, porque realmente tiña un olfacto lector especial, tiña moi claro o que debía ser a literatura para nenos e nenas, mozos e mozas. Ela primaba, evidentemente, que houbese unha boa historia, pero sobre todo a pulcritude lingüística e a calidade literaria”, engade. (…)”

Porriño: actividades destacadas da Feira do Libro do 11 ao 13 de maio

O domingo 13 de maio finaliza a Feira do Libro de Porriño (na Rúa Ramón González), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Venres 11
19:00 h. Presentación e concerto de Oviravai, co seu último traballo: As andanzas de Paio, publicado en Galaxia.

Sábado 12
18:00 h. Actividade infantil: Teatro na mochila, con Anxo Moure.

Domingo 13
12:30 h. Actuación infantil Cantares das Letras, de Rosalía a María Victoria Moreno, de Luís Vallecillo.
19:00 h. Ledicia Costas asina exemplares de As peripecias de Extravaganzza Pérez e outros libros.
20:00 h. Falando de libros con… Clara do Roxo.

Conversa con Fran Alonso sobre Street Poems

Desde Chamando á terra, de Radio Galega:
María Solar conversa con Fran Alonso sobre o seu libro de poemas Street Poems e o novo cargo á fronte da Dirección Xeral da Editorial Xerais. Escoitamos un cachiño do libro de poemas na voz de Pepe Carreira. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Tabela dos libros. Maio de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns de mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”