Carlos Labraña presenta ‘O carteiro de Ximaraos’: “Hai que manter vínculos entre xeracións porque podemos aprender moito das persoas maiores”

Entrevista de Sergio Casal a Carlos Labraña en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que o inspirou para crear a relación entre Xoán e o seu avó en O carteiro de Ximaraos?
– Carlos Labraña (CL): Esta é a miña obra máis persoal, porque hai moitos elementos autobiográficos nela. A obra vai da enfermidade de alzhéimer do avó de Xoán. No libro reflicto, por un lado, a enfermidade que tivo a miña nai e as diferentes fases da mesma e, por outro, a historia do meu pai, que traballaba en Correos en Cedeira (Ferrolterra). A conexión entre Xoán e seu avó é moi forte e reflicte un pouco a que tiña eu co meu pai.
– ND: Como traballa o tema da doenza e o coidado familiar nun texto teatral dirixido á mocidade?
– CL: Na miña escrita toco temas moi delicados porque penso que á rapazada se lle pode falar de todo, con moita sensibilidade e poesía, pero pódese falar de todo. Elas e eles son moito máis intelixentes do que poden pensar os adultos e son conscientes do que sucede ao seu arredor. Neste caso en concreto, introducín o tema e a figura da coidadora porque me parecía moi importante e, a día de hoxe, aínda recae nas familias, especialmente nas mulleres. (…)”

Fran Fernández Davila: “Celebraremos o Día Letras Galegas co nome de Agustín e eu estarei orgulloso de ser un dos seus escudeiros”

Entrevista de María Roca a Fran Fernández Davila en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Como recibiu a noticia?
– Fran Fernández Davila (FFD): Pois moi ben! A verdade é me facía moita ilusión gañar o premio. Agustín Fernández Paz é un referente inmenso para min. Algunha das súas obras son das mellores da literatura galega dos últimos corenta anos. (…)
– EP: Que pode contar da súa obra, baixo o lema O muro?
– FFN: O primeiro que debo dicir é que O muro é só o lema co que presentei a novela, o título vai ser unha sorpresa que anunciaremos no seu momento, e que fai referencia ao illamento comunicativo que Lucía, a protagonista, sente respecto ao seu pai, e que baixo ningunha circunstancia lle permite facer o que máis lle gusta a ela, que é xogar ao fútbol. A partir de aí é unha historia de conquista, aventura e, sobre todo, recuperación do amor á vida a través do deporte.
– EP: En que se inspirou para esta historia?
– FFN: A miña inspiración para os meus libros sempre é a miña filla. Da miña relación con ela saco todos os dilemas e desafíos que me fan interesante a vida. Estou a aprender moito dela porque tamén me axuda a recordar como era eu á súa idade. Aínda así, os personaxes da novela son o contrario de nós. A ela non lle gusta nada o fútbol e para min é unha paixón. (…)”