Rosalía, letrista do ano

Desde Sermos Galiza:
“Se algunha conclusión se pode tirar conta de discos deste 2013 a piques de rematar é que Rosalía se consolida como a maior letrista para a nosa música. Uxía, Tempo Catro, Najla Shami, Aid, Xosé e Xiana Lastra con María Manuela e Mini e Mero, Narf, Joaquín Pixán con Alejandro Zabala e agora A Cada Canto, entre outras propostas, puxéronlle música aos seus poemas.
Aid con Rapoemas ou Abe Rábade, Anxo Angueira e Guadi Galego con Rosalía XXI adiantaron o que sería o grande ano de Rosalía como letrista, na estala de Amancio Prada, Los Tamara ou Luz Casal, todas elas voces para a grande poeta que vería como o 2013 coa conmemoración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos se convertería tamén nunha explosión de publicacións nas que os seus poemas pasarían a ser cancións nos máis diversos ritmos, en ampla variedade de estilos. (…)”

Pontevedra: presentación pública do proxecto A memoria das mulleres

O xoves 19 de decembro, ás 19:30 horas, na Casa das Campás de Pontevedra, preséntase o proxecto A memoria das mulleres. No acto, de carácter público, darase o coñecer o consello asesor deste programa de investigación e divulgación da historia e da memoria das mulleres de Pontevedra, composto por María Xesús López Escudeiro, Teresa Casal, Salomé Álvarez Blanco, Carme Vidal, Aurora Marco, Pilar Allegue, Cristina González, Charo Portela Yáñez, Patricia Arias, Carmen Suárez, Montse Fajardo e Xosé Álvarez Castro.
Tamén terá lugar unha intervención de Aurora Marco, baixo o nome de Semblanza de mulleres pontevedresas, e, para finalizar, as actuacións do grupo de pandereteiras Adonairare e da cantante pontevedresa Ángeles Ruibal.

Nace Ith, a plataforma galega para o crowdfunding literario

Desde Cultura Galega:
“”Unha plataforma literaria baseada no financiamento colectivo que busca crear unha comunidade de lectores arredor de proxectos literarios moi especiais”. Este é o xeito no que se presenta Ith Crowdfunding, unha plataforma galega que xorde da Fundación Uxío Novoneyra co apoio do Ministerio de Cultura. Para alén de conseguir financiamento para novas propostas de escrita, o web pretende servir para pór en contacto persoas afeccionadas á lectura mediante a sección A Caixa de Ith. Polo momento, están xa abertos dous proxectos: Primeiros auxilios, iniciativa poético-musical do dúo Cintaadhesiva e mais a edición do caderno de escena en formato e-audiolibro de PULP, espectáculo de Fantoches Baj a partir de poemas de Lois Pereiro.”

A Coruña: presentación de A Terra Queima, de Xurxo Souto e Lalo Carnota

O sábado 14 de decembro, ás 19:30 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase A Terra Queima, de Xurxo Souto e Lalo Carnota, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

A poesía une no novo Cantos na Maré arredor de Rosalía

Desde Sermos Galiza:
“A poesía está na traxectoria creativa dos artistas convidados a esta nova edición de Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía que, un ano máis, se desenvolverá en Pontevedra o próximo día 11. Crearán conxuntamente un repertorio exclusivo para o Festival Internacional da Lusofonía que dirixe Uxía. O Festival virá este ano acompañado dun programa de actividades que van desde charlas por parte de Amancio Prada, Uxía e Najla Shami arredor do seu achegamento creativo a Rosalía, un taller técnico e unha demostración didáctica por protagonizada por Budiño.
Con distintas procedencias, a poesía une a Amancio Prada, Vítor Ramil, Gabriela Mendes, Luiz Caracol e Budiño, protagonistas do concerto colectivo que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra o 11 de xaneiro de 2014. (…)
Cantos na Maré xirará xirará este ano en torno á figura de Rosalía de Castro, á maneira dun peche musical do ano no que se celebrou o 150 aniversario da publicación da súa obra Cantares Gallegos. “Cantos na Maré é moito máis que un festival, é un encontro de xeografía humana, onde persoas doutras culturas entran en contacto coa nosa”, apuntou Uxía.”