Cangas: homenaxe da Asociación de Tradutores Galegos a Henrique Harguindey

O sábado 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría-Café Rinoceronte (Avenida de Bueu, 15) de Cangas do Morrazo, a Asociación de Tradutores Galegos homenaxea a Henrique Harguindey, con motivo do Día Internacional da Tradución. Intervirán Francisco Pillado, Salvador Castro, Juan Carballo e Ramón Núñez.

Santiago: presentación de A máquina do tempo, libro-disco de Juan Carballo e Ramón Núñez

O venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, na Librería Aenea (Rúa Irmáns Rei Alvite, 5) de Santiago de Compostela, preséntase o disco-libro A máquina do tempo, onde Juan Carballo e Ramón Núñez protagonizan unha viaxe íntima e persoal na que mesturan poemas musicados e cancións. Once composicións que contan coa colaboración de artistas como Alejandro Martínez, Guadi Galego, Guillerme Fernández, José A. Vilas, Maite Dono, Paco Cifuentes, Quim Farinha, Sito Suárez, xunto ás ilustracións e deseños de Nuria Díaz.

Vigo: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás

O venres 28 de setembro, ás 20:00 horas, en JT PhotoGallery (Rúa Abeleira Menéndez 13, baixo esquerda) de Vigo, preséntase o libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado, Luís Ferreiro e Isabel Ferreiro. Ao final do mesmo terá lugar unha actuación musical de Labregos do tempo dos Sputniks.

Lugo: edición nº 30 da revista oral O pazo das musas

O xoves 27 de setembro, a partir das 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar unha nova edición, a número 30, da Revista oral O pazo das musas, de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), coordinado por Antonio Reigosa, e que estará dedicado ao Barroco, termo (do francés baroque) que dá nome ao movemento cultural e estilo artístico que se desenvolveu desde o século XVII ata mediados do XVIII na arquitectura, pintura, música, literatura … e outras moitas disciplinas. O sumario é o seguinte:

Portada musical. Sonata nona per due soprani e fagotto (D. Castello), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (5 minutos).
A pegada do barroco na cidade de Lugo. Lugo barroco, por Fernando Arribas (10 minutos).
Música. La Bataglia (F. Biber), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (5 minutos).
Letras do barroco (I). Fermoso Tejo meu e Vilancete (textos de Francisco Rodrigues Lobo), por Isidro Novo (5 minutos).
Música. Les voix humaines (M. Marais), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (5 minutos).
A memoria do barroco no Museo Provincial de Lugo. Obra do barroco no Museo Provincial de Lugo, por María Quiroga (10 minutos).
Música. Concerto in La minore per fagotto (A. Vivaldi), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (5 minutos).
Letras do barroco (II). En dia de cinza, sobre as palabras -quia pulvis es e Antes da confissậo (textos de Francisco M. de Melo), por Isidro Novo (5 minutos).
Música. Suitte en Mi menor (J. Hotteterre) (Le Romain), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (5 minutos).
Letras do barroco (e III). Coloquio en 1201 coplas galegas (selección) (texto Fr. Martin Sarmiento), por Isidro Novo (5 minutos).
Música. Música acuática (G. F. Haendel), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (15 minutos).
Opinión. Intervención do público (5 minutos).
Epílogo. Por Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3 mnutos).
Contraportada musical. Taffelmusik (G. P. Telemann), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (5 minutos).

Pontevedra: presentación de 15.724, de Xesús Constela

O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra (Rúa Padre Sarmiento, 51), o Ateneo de Pontevedra e Edicións Xerais presentan o libro 15.724, de Xesús Constela. No acto, xunto ao autor, participan Adolfo Caamaño, Xaime Toxo, Ana Isabel Vázquez Reboredo e Manuel Bragado. Posteriormente terá lugar unha actuación musical do Grupo de Pandeireteiras A Buxaina de Coruxo.

Vila Nova de Cerveira: presentación da colección DiVersos de Positivas

O sábado 22 de setembro, ás 18:00 horas locais, na Livraria Porta XIII de Vila Nova de Cerveira, terá lugar a presentación conxunta da colección DiVersos de Edicións Positivas. No acto participarán Paula Carballeira, Estevo Creus, Rosalía Fernández Rial, Alfredo Ferreiro, Serxio Iglesias, Samuel L. París e o editor Paco Macías, acompañados pola música do grupo De outra margem.

A Coruña: presentación de Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O venres 21 de setembro, ás 20:00 horas, no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012), en que participaron Isaac Alonso Estraviz, Xosé María Álvarez Cáccamo, Carmen Blanco, Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, Lois Diéguez, Xesús Rábade Paredes, Ánxeles Penas, Claudio Rodríguez Fer, Alberte Suras e Luz Pozo Garza, xunto coa colaboración gráficas de Felipe Senén. No acto, onde estarán presentes grande parte dos autores, haberá unha actuación musical de Xiana Lastra.

Vigo: presentación de As meigas de Lupa, de María Solar

O xoves 20 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro As meigas de Lupa, de María Solar, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Fran Alonso e a rapeira Aid.

Publican Os lonxes do solpor, un libro inédito de Manuel María

“«Non hai nada no mundo, nada/ tan fondo, lúcido e fermoso/ como a nidia claridade/ da palabra». Manuel María deixou palabras escritas que agora saen a luz despois de estar silenciadas varios anos, tras a morte do poeta. «Un ama até aos límites / o impenetrábel misterio/ do silencio / e, para defendelo, usa / a forza poderosa da palabra». Estes versos están no inicio no libro Os lonxes do solpor, un poemario inédito que vén de publicar a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, acompañado polo CD Andando a Terra, de Uxía, e o DVD De amor e cantería, de Pixel Films, sobre un guión de Anxa González Refoxo. «Manuel María dera a coñecer algúns destes poemas, pero de xeito moi aillado, en publicacións espalladas que ahora están esgotadas, algunhas incluso no estranxeiro; de calquera xeito, como libro esta é a súa primeira edición». Isto esplicaba Alberte Ansede, secretario da fundación do poeta. Despois de presentar Lúas de Outono 2012, o espectáculo co que a semana pasada se lembraba na Coruña o cuarto aniversario do pasamento do escritor, Ansede indicaba que aínda quedan outros textos inéditos. (…)” Desde La Voz de Galicia.

Vilalba: Celebrando a obra de Margarita Ledo Andión

O sábado 15 de setembro terá lugar unha homenaxe á obra de Margarita Ledo Andión. O programa de actos é o seguinte:
12:00 h. No Muíño do Rañego en Vilalba. Táboa redonda coa participación de María do Carme García Negro, Xosé López García, Xosé Ramón Pousa, Eva Veiga e David Otero.
Posteriormente, no Paseo dos Soños, inaugurarase o 7º Hectómetro literario, obra de Valdi.
14:30 h. Xantar de irmandade na Nova Ruta de Vilalba.
Posteriormente, intervención musical de Mini e Mero.

Para máis información ou apuntarse ó xantar, o público interesado pode chamar ao número de teléfono 646413890.