Ourense: recital de poesía a cargo de Celsa Barja

O martes 20 de decembro, ás 17:30 horas, no Salón de Actos do Espazo Xove (Rúa Celso Emilio Ferreiro, 27) de Ourense, Celsa Barja dará un recital poético especialmente dedicado á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR), dentro das actividades previstas nese recinto polo Día Internacional da Solidariedade. No acto, en que estará acompañada pola música de Israel Elíaz, poranse á venda exemplares do seu poemario Espindo un bico, destinando o 50% da mesma á AFAOR.

Ourense: recital poético de Celsa Barja

O domingo 18 de decembro, ás 16:00 horas, no Xeriátrico “Nuestra Señora de la Esperanza” (Rúa Laxas, 41), de Ourense, Celsa Barja dará un recital poético, baixo o título Espindo un bico para vestir lembranzas, para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR). Recitaránse poemas de Espindo un bico, así como outros compostos para a ocasión, inéditos, e colaborarán recitando residentes do devandito xeriátrico. O cantautor Israel Elíaz acompañará coa súa música.

Ponteceso: actos das Xornadas No confín do outono pondaliano

A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso organiza as Xornadas No confín do outono pondaliano. Dentro do seu programa, que pode ser descargado aquí, destacan as seguintes actividades literarias:

Mércores 14 de decembro:
Diana Varela Puñal e Xulio Valcárcel: Presentación do libro de poesía infantil dixital As trovas de Midas, publicado en Galebook, e obradoiro de poesía. No CRA Nosa Señora do Faro de Ponteceso. En horario lectivo.

Sábado 17 de decembro:
Rafael Lema Mouzo: Cova céltica Os vapores cormeños. Na lareira da Fundación Eduardo Pondal. Ás 17:30 horas.

Domingo 18 de decembro:
– Centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. No salón de actos da Fundación Eduardo Pondal. Ás 12:45 horas. Tamara Lema e Esteban Rey: Escenificación do conto de Álvaro Cunqueiro: Felpeto.
– Lectura cívica de textos cunqueiráns. Alba Costa: Interpretación musical do texto de Álvaro Cunqueiro Teus ollos.
– Coral A Oliveira de Monte Branco (dirixida por Teresa Facal): Estrea da canción Quen poidera namorala, de Álvaro Cunqueiro (partitura cedida polo grupo Milladoiro nas FestiLetras 2011).
– Agasallo do libro O mellor de Cunqueiro, por xentileza de La Voz de Galicia.

Luns 19 de decembro:
– Os Quinquilláns: Representación teatral da obra Merlín para alumnado do CEIP As Forcadas de Corme e CRA Nosa Señora do Faro. No salón de actos da Casa dos Veciños. Ás 11:00 horas.
– Os Quinquilláns: Representación teatral da obra Merlín para alumnado do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso. Ás 15:30 horas.
César Morán Fraga: Conversa e animación musical arredor da figura do escritor Álvaro Cunqueiro con escolares de 2° de Bacharelato do IES de Ponteceso. No salón de actos da Fundación Eduardo Pondal. Ás 16:30 horas.

Martes 20 de decembro:
– XXX° aniversario da oficialidade dos símbolos de Galicia. No salón de actos da Fundación Eduardo Pondal. Ás 12:00 horas. Xesús Rábade Paredes: Conferencia Os símbolos de Galicia, para alumnado de 3° de ESO do IES de Ponteceso. Coa presenza institucional da Fundación Rosalía de Castro a través da súa presidenta Helena Villar Janeiro.

Santiago: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco

O mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, publicado en Laiovento. No acto, no que intervirá xunto á autora Francisco Pillado, haberá unha actuación musical de Pilo Sierra, proxectándose a seguir un capítulo do documental As silenciadas, da autoría de Pablo Ces, que acaba de ser galardoado co premio Memòria i Justícia Universal no III Festival Internacional de Dereitos Humanos de Santa Coloma de Gramenet..

Entrevista Guerra da Cal ao investigador José Luís do Pico Orjais

Desde a Academia Galega da Língua Portuguesa:
“Dentro do ciclo de entrevistas Guerra da Cal que a AGLP realizou durante o Colóquio homenagem a Ernesto Guerra da Cal dedicado ao intelectual ferrolano, em 11 de outubro de 2011, quisemos fazer umas perguntas ao investigador José Luís do Pico, que participou no evento com a palestra intitulada Ernesto Guerra da Cal e a música, virada sobre o interesse de Guerra da Cal na música e na interpretação com instrumentos como a gaita ou a guitarra, as pegadas que deixou sobre isso na sua poesia e as obras musicais que foram compostas sobre alguns dos seus poemas.”