A segunda edición do Festival Virtual do Libro de Galicia centrarase en repasar o 2020 literario

“O Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV) ten ultimada a súa segunda edición a celebrar entre os días 26 e 28 de marzo e que terá dous focos principais de atención. Dunha banda, revisar como foi o ano 2020 para a literatura en Galicia, como afectou a situación de pandemia que se vive á vida literaria; e doutra banda, lembrar algunhas das conmemoracións que serán protagonistas durante o presente ano 2021, de Pardo Bazán a Xela Arias, pasando por Álvaro Cunqueiro. Ademais, o FLIV 21 ofrecerá unha sección de contidos dedicados as artes escénicas para celebrar o Día Internacional do Teatro, que se celebra o 27 de marzo. Esta segunda edición da FLIV conta co apoio da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O FLIV21 manterá un sistema operativo similar ao da primeira edición, celebrada en xuño de 2020. Desde este enderezo web, fliv.gal, poderán seguirse todas as actividades da programación do festival en cada un dos espazos de encontro virtual. Neses espazos terán lugar as intervencións que terán formato charla, mesa redonda, conversa ou debate, as presentacións de libros e tamén as intervencións teatrais.
Entre os argumentos que se debateran nesta segunda edición da FLIV poderán verse e escoitarse aqueles relacionados coa situación mundial e como afecta ao sector cultural, como a mesa redonda que abordará a resiliencia cultural. Tamén haberá debate sobre as características da novela construída desde a memoria persoal e comunitaria, un debate sobre as novas maneiras de creación poética e un encontro de tres actores galegos que falan sobre os roles masculinos na súa profesión.
Continuando co percorrido aberto na primeira edición, formará parte da programación Teatro Interruptus, una sección escénica que este ano contará coa colaboración da revista Erregueté. Tamén se manterá a sección de escaparate para libros que se poderá ver na web do festival a partir do vindeiro 15 de marzo.
Entre os autores que xa teñen confirmada a súa participación figuran Marilar Aleixandre para falar de Emilia Pardo Bazán; Chus Nogueira, que o fará sobre Xela Arias; e as autores que debaterán sobre literatura infantil e xuvenil como unha literatura afoutada e arriscada, Nee Barros, Irene Fernández, Antía Yáñez e Eva Mejuto. No encontro dedicado a narrativa tamén están confirmados, Xesús Fraga, Suso de Toro e Berta Dávila, moderados por Esther Gómez.”

Manuel Gago presenta Nus: “Como un crápula acaba metido nas reivindicacións nudistas da Galicia dos 80”

Entrevista a Manuel Gago na Radio Galega:
“O colaborador do Galicia por Diante, Manuel Gago, anunciou que a súa próxima novela, Nus, publicarase o 11 de marzo. Aproveitou o espazo das #Efeméridas para adiantarnos un pouco máis a historia deste grupo que, no principio dos 80, loitaron polo dereito a ir espidos en Galicia. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Antón Riveiro Coello: “Baixo as bombas, amais da violencia, agroma a humanidade de moita xente comprometida”

Entrevista de Montse Dopico a Antón Riveiro Coello en Praza:
“(…) – Praza (P): Publicaches varios libros con guerras de fondo. Por que?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Si. A intención é que novelas como As rulas de Bakunin, Laura no deserto e mesmo un libro de relatos que estou a escribir, se toquen dalgún xeito con O paraíso dos inocentes e aspiren a forma parte dun ciclo cun pano de fondo e unha temática similar. Talvez esa teima se sitúe no meu gusto por colocar os personaxes en situacións límite que acontecen en momentos clave da historia. Non hai en min ningunha resistencia a tratar esas experiencias extremas que ás veces perturban, pero que nos obrigan a repensar radicalmente as nosas vidas, e espero que tamén as de quen nos le.
– P: Como foi o proceso de creación desta? Algún motivo especial para escoller o conflito sirio? (Alén da actualidade, presenza mediática…)
– ARC: Non adoito someterme aos criterios temáticos de actualidade, pero tamén é verdade que ás veces non é doado subtraerse a eles. O punto de partida xurdiu tras pasar polo aeroporto de Zaventem en Bruxelas pouco antes de que estoupase nun dos atentados xihadistas. Desa conmoción xurdiu a idea primeira de tratar o tema do terrorismo, ese mal abstracto que converteu o mundo nun lugar inseguro e vulnerable. Despois viñeron as conexións coa guerra de Siria e foi cando o proceso se volveu máis complexo para min porque foi como entrar nun territorio totalmente descoñecido.
– P: O libro está dedicado, entre outras persoas, a “Diana e Hussam”, que lle “emprestaron” a súa memoria. Son testemuñas da guerra? Contactaches con máis xente que a viviu?
– ARC: Si, contactei con algunhas testemuñas e de aí, desas conversas durísimas, foi de onde xurdiu un compromiso, digamos de xustiza restitutoria, para contar as súas traxedias. Quen máis me inspiraron foron precisamente Diana e Hussam, que si son vítimas da guerra e hoxe están en Holanda. De feito, toda a fuxida de Hussam está na base para a creación do personaxe de Isam. Esa viaxe terrible que tivo que sufrir dende Siria até chegar a Europa é a mesma que segue Isam e que tamén trazou o mapa da miña imaxinación.
Como curiosidade, dicir que cando Hussam me contaba o seu itinerario, a súa muller estaba a escoitalo por vez primeira. Fora tan duro que, nunca, nin cando xa ela e os fillos se reuniron con el nun avión dende o Líbano, Hussam tivo o valor suficiente para contárllelo. Non quería nin que se imaxinasen polo que tivera que pasar para chegar a Holanda. Traballar sobre a memoria doutras persoas é algo que me fascina e, dalgún xeito, dáme certa seguridade porque non camiño ás cegas. Toda esa memoria é coma unha materia viva que vas moldeando até acadar un retrato que é resultado do emprestado, pero tamén da túa conciencia e, sobre todo, da túa imaxinación.
– P: Amira, unha das protagonistas, é unha xornalista-activista que non ten moita esperanza de que o seu traballo sirva para que Occidente esperte. Mais o libro fala de esperanza, e de procura da liberdade, desde o primeiro capítulo. Era a túa intención, que o lector/a quede con esa idea?
– ARC: A novela, como todas as guerras, ten partes duras e dolorosas. Eu quero ser honesto con quen me le. Expresar esa dureza coido que vai na procura dun chisco de verdade. E parte desa dureza acolle tamén a decepción de Amira, que arrisca a vida para lle abrir os ollos ao mundo dende dentro da guerra, sen ver máis retorno ao seu activismo que indiferenza e abandono por parte da comunidade internacional.
Con todo, nos máis dos personaxes latexa a esperanza, encarnada sobre todo na solidariedade e no compromiso das persoas para seguir loitando pola liberdade. Baixo as bombas, amais da violencia, tamén agroma a humanidade de moita xente comprometida. No fondo, a novela é un canto antibelicista, comprometido coas vítimas e coa dignidade de moitas persoas que representan o mellor da sociedade. Estas son algunhas das ideas que están por tras do texto. (…)”

Uxía Casal será a homenaxeada no VIII Día das Galegas nas Letras

Desde Nós Diario:
“A plataforma de crítica literaria A Sega vén de anunciar que o Día das Galegas nas Letras homenaxeará este ano á escritora e docente Uxía Casal, á que cualifica como a “raíña do misterio, da retranca e da palabra exacta”.
Casal destaca na súa traxectoria como autora pola súa aposta na literatura infantil, que foi encamiñando á ficción científica. Até o de agora, ten publicadas seis obras que van desde as novelas até as escolmas de relatos máis cortos.  (…)”

Oxford: “En conversa con Raquel Miragaia”, en liña, o 26 de febreiro

A actividade será por Zoom. Cómpre rexistrarse de balde en Eventbrite (https://www.eventbrite.co.uk/e/en-conversa-con-raquel-miragaia-ceg-oxford-zoom-1700-gmt-tickets-139839809635). O día da actividade as persoas interesadas recibirán unha ligazón para a reunión de Zoom e un contrasinal.