Gondomar: presentación de Sándalo, de María Xosé Porteiro

O 7 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13), celébrase a presentación de Sándalo, de María Xosé Porteiro, publicado por Galaxia. Acompañando á autora, asistirán Camiño Noia, Malores Villanueva e Vicente Montejano.

Lugo: presentación e roteiro arredor de As estacións do lobo, con María Reimóndez

Desde o Concello de Lugo:
“O 7 de febreiro, ás 20:00 horas, no Patio do Vello Cárcere de Lugo, María Reimóndez presenta As estacións do lobo, publicada po Xerais. No acto participan, xunto á autora, Montse Paz, Mercedes Peón, Eva Teijeiro, Montse Dopico e Ánxela Lema, quen falarán das súas lecturas dos libros que compoñen o Ciclo dos elementos.
Posteriormente, o sábado 8 de febreiro, a autora organiza un roteiro pola cidade de Lugo. Comezará ás 11:00 horas, cunha duración aproximada de 2 horas na gasolineira de San Rafael, na Avenida da Coruña 310, e rematará na estación de autobuses. “Iremos camiñando sen présa e parando en diferentes lugares, algúns deles con espazo para descansar”, indicou María Reimóndez, que engadiu “procuraremos que o paseo sexa relaxado, tamén para os cans participantes”.
As persoas que desexen inscribirse deberán anotarse neste formulario.
As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición, que pechará o día 7 de febreiro ás 20 horas.”

O Barco: presentación de Galileo no espello da noite, de Xabier Paz

O 7 de febreiro, ás 20:00 hors, na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco de Valdeorras, preséntase Galileo no espello da noite, de Xabier Paz, publicado por Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Margarida Pizcueta Barreiro, concelleira de Cultura do Barco.

Compostela: presentación de O coleccionista de cartas de amor, de Isabel Mancebo Portela

O martes, 4 de febreiro, ás 20:00 horas, no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, preséntase O coleccionista de cartas de amor, de Isabel Mancebo Portela, publicado por Fervenza. No acto, aberto ao público até completar aforo, acompañarán á autora Ánxela Gracián, Suso de Toro, e Valentín García Gómez.

Entrevista a Antón Riveiro Coello no IES Álvaro Cunqueiro

Entrevista a Antón Riveiro Coello no IES Álvaro Cunqueiro:
“(…) – IES Álvaro Cunqueiro (IESAC): Cando escribe literatura pensa en quen o pode ler? Condiciona iso a súa escrita?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Non. Iso só o fixen nun par de ocasións que quixen situarme nunha idade determinada. Orhan Pamuk di que escribe primeiro para os turcos e despois para o resto do mundo. Reducindo aínda máis esa pretensión, eu escribo primeiro para a xente da Limia e as persoas que coñezo e despois para o resto do mundo. Non sei. Nin tan sequera As rulas de Bakunin foron pensadas para un público concreto e unha idade receptora. De feito, sospeitaba que esta novela podería traer algún éxito na crítica e gañar algún premio, como así foi, pero nunca se me pasou pola cabeza que a puidese ler un alumnado mesmo de 4º de ESO. Foi toda unha sorpresa, de verdade. (…)
– IESAC: As súas obras están moi apegadas á realidade, cal é a razón?
– ARC: Na maioría das miñas novelas hai un aporte histórico importante e tamén experiencial, talvez por esa teima de me identificar coa terra que habito e estudar e interiorizar os símbolos do seu pasado. Coñecer o espazo a través da literatura ten tamén algo de apropiación. Por iso, o pano de fondo das novelas é fundamental para min, así como as persoas que me emprestan a súa memoria para pasala polo filtro da literatura.
– IESAC: Gústanlle as novelas fantásticas ou as distópicas? Vese facendo ese tipo de narrativa?
– ARC: Gústame a boa literatura e iso abonda. Dalgún xeito, a literatura tamén é distópica porque moitas veces os personaxes e as nosas realidades non son o que son senón o que nos gustaría que fosen. (…)”