Entrevista a Ledicia Costas en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): As mulleres teñen moito peso nesta historia [Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta].
– Ledicia Costas (LC): Nos últimos anos as mulleres, e falo en concreto da literatura infantil e xuvenil, son protagonistas e creo que iso é algo positivo porque en décadas anteriores non era así. A min interesábame relatar a historia dunhas mulleres cunhas características moi singulares. A pesar de que elas viven dentro de esa ficción literaria nun momento histórico onde todas as grandes fortunas estaban manexadas por homes, como Sanjurjo Badía ou o propio Verne, elas teñen a forza, a fouteza e a coraxe necesaria para conseguir aquilo que elas se propoñen. Esa era a miña idea central, que a súa valentía fose suficiente. (…)
– FV: É unha grande defensora do galego, pero este libro se publica tamén en castelán…
– LC: Si, e en breves tamén en catalán. Malia que temos moi poucos apoios e é complexo o tema das traducións, escribir en lingua galega implica moitas renuncias, tamén implica unha conciencia e un posicionamento claro con respecto á lingua e creo que aquí hai que escribir dende o galego.
– FV: Ambientar a obra en Vigo foi gratificante?
– LC: Ese é outro dos fíos dos que tirei. Vigo para min é unha cidade moi literaria e como escritora ter a posibilidade de ambientar unha novela na cidade na que vivo é fantástico. Declárome fan e unha namorada da cidade na que vivo e dalgún xeito quixen facerlle unha grande homenaxe a miña cidade e que mellor maneira que escribir unha novela. (…)”
Arquivo da categoría: Narrativa
Vigo: presentación de Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas
O venres 16 de setembro, ás 19:30 horas, na Avenida de Beiramar de Vigo, a carón da estatua de Jules Verne no Náutico, terá lugar a presentación da novela Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, Antonio Giráldez Lomba, María Xosé Queizán, Eduardo Rolland e Manuel Bragado.
Obradoiros impartidos por Antía Otero e Dores Tembrás desde Apiario 2016-2017
Antía Otero e Dores Tembrás imparten os seguintes cursos e obradoiros desde Apiario para 2016-2017 (pode accederse á información completa en cada ligazón):
– Cursos on-line (Cartografías literarias, de misterio e técnicas).
– Cursos Apiario na Coruña.
– Obradoiros en centros de ensino.
Chapela, Redondela: presentación de A rotura das paisaxes, de Xesús Constela
Há silêncios que são diferentes, por Susana Sánchez Arins
Artigo de Susana Sánchez Arins na Plataforma de Crítica Literaria A Sega sobre A cor do hibisco, de Chimamanda Ngozi Adichie:
” A tensão. Passar páginas devagar, roçando lenemente os cantos das folhas, deslizando-as amodinho para não alterar o ar requieto das estâncias. Aguardando o monstro: sabedora de que vai aparecer e desejando que não, que quiçás a autora foi esperta e o monstro é só um pesadelo. Juro que sentim tesar os músculos dos meus braços ao começar cada novo capítulo, arrastando os olhos por entre as manchinhas pretas do papel para adevinhar o nome dele, as suas palavras, as suas pancadas. E adia(nta)r-me o espanto.
A bolha na gorja. A goela de Kambili bota toda a narrativa com os fonemas engasgados, incapazes de borbulhar. Muda. Mas não sossegada. Ela quer falar e não pode. Uma espinha impede-a de proferir os sons, acumula-lhos na garganta e a mim acabam por me doerem as amendoadas amígdalas. Leio e dana-me a saliva quando a envio. Kambili admira todas as pessoas que a envoltam e podem falar. Essas que agromam palavras como abrochos novos de primavera, assim coma quem. Como é que se faz? Há tanta violência nessa privação da fala… Ela “aprendeu a arte de chorar baixinho”, a arte de calar.
O dizer não dizendo. A arte da autora. Aprendida de Kambili. Essa capacidade para contar-nos todo por omissão. Para dar a calada como explicação. Para manter o segredo á vista no meio do barulho. Mamã coxeia. Para que contar a causa. Já imos sabendo. E pouco e pouco, assim que confiamos, dizer. Dizer com todas as letras. Dar nome à brutalidade. E nós desejando não ouvir. (…)”
Compostela: presentación de Galería de saldos, de Diego Giráldez
Entrevista a Inma López Silva no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Inma López Silva, autora da novela Aqueles días en que eramos malas, publicada por Galaxia. Pode accederse aquí.”
Ledicia Costas e Ramón Nicolás entran na lista de honra do IBBY
Desde
Cultura Galega:
“O International Board of Books for Young People, IBBY, facía pública esta semana a lista de honra coa que, cada dous anos, esta prestixiosa organización recoñece as mellores publicacións internacionais dedicadas aos lectores máis novos. Entre os 173 libros seleccionados e todo o mundo inclúense dous nomes galegos. Por unha banda a entidade recoñeceu a obra Escarlatina, a cociñeira defunta
de Ledicia Costas. Editada por Xerais con ilustracións de Víctor Rivas, a obra xa fora galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e co Premio Lazarillo. No apartado de recoñecementos á tradución, o IBBY recoñeceu o traballo que realizou Ramón Nicolás na versión galega o libro Bisa Bea, Bisa Bel da brasileira Ana Maria Machado que publicou Galaxia.”
Betanzos: presentación de Corazón e demais tripas, de Emma Pedreira
Manuel María narrador, por Armando Requeixo
Artigo de Armando Requeixo en Criticalia:
“(…) Deixando á parte as prosas infantoxuvenís e algún relato solto que publicou nos anos noventa, o groso da súa obra narrativa concéntrase nun período de vinte anos, que vai dende os comezos dos cincuenta ata os anos inmediatamente anteriores á chegada da Democracia. Neste tempo apareceron catro historias no volume colectivo Presencia de Curros y Dª Emilia (1951) ás que sumou outras tres para compor Contos en cuarto crecente (1952). Logo viñeron outros dous relatos longos dados á luz en Grial en 1965 e 1966 e, finalmente, o libro O xornaleiro e sete testemuñas máis (1971).
Na Posguerra a narrativa galega triangulou en tres vértices: a prosa realista, a fantástica e o cambio de ritmo que achegou a chamada Nova Narrativa Galega. A escrita de Manuel María responde, en maior ou menor medida, dependendo dos casos, a algunha destas tendencias. Mesmo por veces hibridou nalgún libro varias ou todas elas. Por tanto, o de Outeiro de Rei foi un narrador do seu tempo, sensible ás modulacións literarias que naquela altura se conformaron.
En síntese, poden distinguirse tres etapas no Manuel María narrador: unha primeira que iría dende os inicios en 1951 ata andados os anos sesenta; unha segunda que coincide cos comezos dos setenta e unha derradeira etapa con historias aparecidas nos noventa. (…)
En conclusión, pode afirmarse que a obra narrativa do autor é unha faceta de relevo no conxunto da súa escrita, pois ofrece unha variedade de fórmulas ben estesa na que predominan temas como o amor, o universo da infancia, a comuñón do ser humano cunha paisaxe e unha terra vitais e, ante todo, o compromiso social, adapte este os subtemas concretos do mundo da emigración, da crítica ao caciquismo ou de calquera outro abuso de poder. Canto á técnica, as preferencias pasan polo acusado lirismo, o gusto pola prosopopea e a fábula e mais o emprego do recurso epistolar. E por remate, salienta tamén o autobiografismo que percorre e informa moitas das súas historias, cheas de elementos reais ficcionados ou, por veces, reproducidos máis testemuñalmente, elementos todos que confirman o interese do Manuel María narrador.”