O venres 25 de abril, ás 20:30 horas, na Libraría O Pontillón (Rúa Concepción Arenal, 7), de Moaña, preséntase Sete Caveiras, de Elena Gallego, publicado en Xerais.
Arquivo da categoría: Narrativa
Santiago: actividades destacadas do domingo 27 de abril na Feira do Libro
O sábado 26 de abril bota a andar a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para o domingo 27:
– 19:00 h. Encontro de literatura fantástica da man de Contos Estraños e Urco Editora.
– 20:30 h. Presentación do libro Fóra de portas, de Roi Vidal Ponte, publicado por Positivas. Xunto co autor, participa no acto Francisco Macías.
Entrevista a Elena Gallego, presentando Sete caveiras
De contos polas tabernas de Carballo
Desde Sermos Galiza:
“A iniciativa Contos de taberna petou á porta de catorce estabelecementos da vila e dunha equipa de creadores ligados a Carballo (tanto do mundo da escrita coma das artes plásticas) para proporlles o seguinte: que cada autor, que cada autora, escribira un texto inspirado en cada un dos locais, que sería ilustrado por unha ou un artista plástico. Os resultados poderán coñecerse entre o 23 de abril, Día do Libro, e o 17 de maio, Día das Letras. A quen acuda aos locais participantes e faga un gasto mínimo nunhas consumicións estabelecidas, seralle entregado o conto ficcionado sobre ese estabelecemento. Ás persoas que os reúnan todos, o Concello regalaralle unha caixiña especial onde poder gardalos.
Esta é unha das iniciativas do programa Quedamos en Carballo, que ao longo deste ano, e da man da Concellería de Promoción Económica carballesa, está a levar a cabo diversas accións que botan man da cultura para promocionar o comercio local e a economía da zona. (…)
Os textos están escritos por un grupo amplo de creadoras e creadores vinculados a Carballo, algún deles ben coñecido como Xurxo Borrazás. Participan coa súa escrita Ignacio Silva, Santi Garrido, Xurxo Borrazás, Ramón Vilar Landeira, Fernando Cabeza Quiles, Cristina Abelleira, Mercedes Queixas, Henrique Mariño, Alberto Varela Ferreiro, Xosé Antón Andrade, Paco Souto, María Canosa, Rosalía Fernández Rial e Beatriz Fraga.
Os textos serán ilustrados por varias e varios artistas vinculados á zona, ben por teren nacido aquí, ben por teren participado en iniciativas, como Derrubando muros con pintura, ligadas á capital bergantiñá. Participan na iniciativa cos seus debuxos Roberta Venanzi, Mon Lendoiro, Eva Facal, Paula Fraile, Antonio Taracido, Emi de las Heras, Cristina Castro, Antonio Reino, Santi Picos, Alberto Varela Ferreiro, Milagros Cotelo, Pedro Tasende, Lidia Cambón e O´Mighelo.”
A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, unha das tres obras finalistas do Premio AELG de Narrativa
Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das tres finalistas do premio de Narrativa 2013 A memoria da choiva, de Pedro Feijoo (Xerais).
A Pobra do Caramiñal: presentación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila
O venres 25 de abril, ás 20:30 horas, no Liceo Pobrense (Rúa da Paz, 27) da Pobra do Caramiñal, a Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Galaxia, La Voz de Galicia, a Libraría Ler da Pobra do Caramiñal e o Liceo Pobrense, presentan o número 94 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como a presentación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. No acto, xunto á autora, intervirán María Xesús Blanco, Encarna Pego e Isabel Santos.
Lalín: presentación de Vapor, de Lea Tobery (Pere Tobaruela)
O venres 25 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Vagalume (Rúa D, 20) de Lalín, preséntase Vapor, de Lea Tobery (heterónimo de Pere Tobaruela), publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Rafael Cuíña.
A lúa da colleita, de Anxos Sumai, unha das tres finalistas do Premio AELG de Narrativa
Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das tres finalistas do premio de Narrativa 2013 A lúa da colleita, de Anxos Sumai (Galaxia).
Xabier López: “Non podemos confundir o canon coa lista dos máis vendidos”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Xabier López en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Cadeas é unha novela cunha estrutura que pon en cuestión o propio concepto de novela. Varios relatos van saíndo coma ponlas dun esquelete central: o encontro dun escritor cunha parella de lectores. De onde xorde esa estratexia narrativa?
– Xabier López (XL): Dunha reflexión vital que se fai literaria: a vida é unha novela ou unha sucesión de relatos? E da reflexión ao xogo: cantos relatos caben nunha novela? Cantas novelas caben nun relato? Recoñezo que buscaba acender un debate sobre os límites da narración cos demais escritores e sorprendeume que se crease maior comunicación cos lectores que con outros literatos sobre este aspecto. Ás veces leo cousas sobre a narrativa que me fan pensar que temos un pensamento sobre a novela algo atrasado: novela é todo o que queiramos que sexa unha novela.
– B: A figura do lector está moi presente na novela. Nese esquelete central un escritor atopa unha lectora cun libro seu na praia, acaban por coñecérense e o autor pasa unha noite ceando no chalé dela e do seu home, tamén lector e fan do escritor. Estes lectores da novela son tratados con bastante crueldade.
– XL: Esa parte do libro é unha parodia sobre esa relación entre o escritor e os seus lectores. E recoñezo que tiña certo medo á reacción de quen collese o libro e reparase nesa relación. Mais fiquei moi sorprendido. Primeiro porque a novela gañou o Xerais, que é un premio que dan os lectores e logo porque as persoas que len o libro e mo comentan vexo que entenderon ese punto de vista humorístico e esaxerado.
Eu quería reparar na busca do escritor polo seu lector tipo, esa figura difusa que non sabemos que existe pero que está acompañando o escritor cando escribe. Para quen escribimos? Quen queremos que nos lea? E se, como pasa en Cadeas, o lector que nos encontramos non é quen pensabamos a priori que podería ler os nosos libros? Supoño que os escritores que venden moito acaban por ter algún tipo de coñecemento directo dos seus lectores mais no caso galego, a pregunta xeral é: hai alguén aí? Alguén espera para ler o que temos que dicir?
– B: Alguén hai. Os libros véndese. Mais quizais non tanto coma esperan os escritores.
– XL: Mais ese non é un problema especificamente galego. A maioría, a gran maioría dos libros en español venden unha media de mil exemplares. E vender esa cantidade xa se considera un éxito. Hai unha evidente crise no mercado global do libro, está en cuestión a cadea entre a produción de libros como obxectos e o desexo dos lectores por adquirilos. O problema é que a literatura galega suma a esa crise a súa propia condición de mercado minorizado. Ás veces somos un pouco duros con nós mesmos, as nosas letras como sistema son relativamente novas. Existe literatura galega desde hai 150 anos, máis ou menos. E non tivemos unha ortografía máis ou menos consensuada até a década do 1980. Pensemos en todo o que se leva feito en 35 anos. E en troques estamos sempre cuestionándonos, esixíndonos cousas que noutros contextos moito máis favorables nin se formulan. E esa autoesixencia tamén se trasladou aos lectores. En galego cultivouse un lectorado fiel, militante, que valora os escritores en virtude da súa pertenza, implícita ou explícita, a unhas siglas políticas hexemónicas dentro do nacionalismo. E cando ese autor sae desas coordenadas, os lectores deixan de comprar os seus libros. Nos últimos tempos intentouse facer outro tipo de mercado, independente do proceso de construción nacional. Pareceu por un tempo que si se podía asentar mais hoxe en día xa non teño tan claro que haxa espazo para todos. (…)”