Eppur si muove, por Dolores Vilavedra

AgradecemosDolores Vilavedra a Inmaculada Otero Varela o envío desta información:
“A web italiana Insula Europea acolle unbalance da produción editorial galega dos últimos meses que realiza a profesora da USC e crítica literaria Dolores Vilavedra. O texto traducido ao italiano por Marco Paone a Attilio Castellucci pódese consultar nesta ligazón. E nesta pode consultarse a versión orixinal en galego.”

2015 09 Dolores Vilavedra 12015 09 Dolores Vilavedra 22015 09 Dolores Vilavedra 3

Xosé Manuel Martínez Oca: “Eu andaba, e andei, sempre ó meu aire”

EntrevistaXosé Manuel Martínez Oca de Carlos Loureiro a Xosé Manuel Martínez Oca en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Aínda que supoñemos que ter na familia alguén significativo neste campo tamén axudaría, non? Que pegadas deixou en Martínez Oca aquel indomábel Manuel García Barros a nivel persoal e literario?
– Xosé Manuel Martínez Oca (XMMO): O recordo máis antigo que teño de Ken Keirades é o de cando os días de feira viña á casa da miña avoa, súa irmá, co seu traxe escuro, a perruca e o sombreiro. Logo, polas festas da Santa Margarita de Callobre ía á súa casa e alí levábame a ver a súa pequena biblioteca, para min enorme. Os primeiros libros que me emprestou foron a Escolma da poesía galega, de Álvarez Blázquez, publicada por Galaxia en catro tomos. Tamén lembro Antífona da cantiga e Samos, de Cabanillas, ou Galicia no espello de Fernández del Riego. E máis adiante Os camiños da vida de Otero Pedrayo, Os vellos non deben de namorarse de Castelao e outras obras de Cunqueiro, Daniel Cortezón, Franco Grande, etc. Pero tal vez o máis importante para me familiarizar coa escrita do noso idioma foi cando empecei a lle axudar a meu pai a pasar a máquina os seus textos manuscritos, dos que faciamos copias e máis copias, único medio entón dispoñible para lles dar a coñecer ós amigos as cousas que el escribía.
– NG: O nome de Martínez Oca comezou a soar nos eidos da narración curta… foi esta unha circunstancia literaria ou máis ben un banzo previo á túa pasaxe a novela longa?
– XMMO: Nunca me propuxen a escritura de contos como unha aprendizaxe de cara a abordar a novela longa. Pasa que a novela require unha dedicación que moitas veces non lle podía dar. De calquera xeito, cando se publicaron aqueles contos xa había anos que escribira unha novela e un par de pezas teatrais. Tanto unha como as outras remataron na papeleira, como é doado de supoñer. Curiosamente debo dicir que o meu primeiro premio gañárao doce anos antes, en 1964, cun relato en castelán nas “Justas Literarias” do Ateneo de Sidi Ifni, o que me valeu para iniciar unhas colaboracións no semanario “A.O.E.” (África Occidental Española). (…)
– NG: Todos sabemos que esta sociedade marcha demasiado de présa, pero non cres que o pecado máis grande que aporta esta velocidade é o esquecemento? E estou a me referir a que aquelas escritoras e aqueles escritores que creastes os alicerces da nosa literatura do XXI moitas das veces non se vos valora na xusta medida…
– XMMO: O de valorar a un escritor na xusta medida é algo moi relativo. En atletismo se saltas dous centímetros máis alto que ninguén, ou corres os cen metros máis rápido que ningún outro, hai elementos obxectivos para xulgar que podes ser o mellor. ¿Pero onde están os cronómetros e as cintas métricas para medir a calidade dun texto literario? Aquí xa entran en xogo outras moitas cuestións e non deixa de ser significativo que autores que nun determinado momento gozaron da estimación dos lectores e da crítica, pasan a ser esquecidos tempo despois. Ou ó contrario, autores non valorados no seu tempo son estimados como figuras relevantes co paso dos anos. É dicir, hai moitas circunstancias alleas ó propio valor do proceso creativo que inflúen nun sentido ou noutro á hora de xulgar a un escritor, e quen di un escritor, pode dicir un escultor, un pintor ou un músico. En canto á présa con que marcha a sociedade e o esquecemento que se produce, lembro unha frase que non sei onde a vin: “moda é o que pasa de moda”. E alargándoo máis, voume permitir citar un parágrafo de Raymond Chandler: “Non se quere a calidade porque dura demasiado. De xeito que se substitúe pola moda, que non é máis que unha estafa comercial destinada a facer que as cousas caian en desuso. A producción en masa non podería vender as súas mercadurías o ano próximo a menos de facer que o que venden este ano pareza anticuado de aquí a un ano”. E perdón pola extensión da cita, pero paréceme ilustrativa para o caso. (…)
– NG: Tes traducido ao noso idioma obras estranxeiras… non cres que esa aínda é unha asignatura moi pendente para a nosa literatura coa fin de se universalizar?
– XMMO: O das miñas traduccións foi algo moi circunstancial. Paulo e Virxinia gustárame moito cando a lin de rapaz e logo decateime que boa parte do goce que me produciu foi debido ás ilustracións de Maurice Leloir, por certo non utilizadas na edición galega. Maigret na escola, entre que me parecía desenvolvida nun ambiente moi galego, que me gusta Simenon e que me deran unha bolsa para a traducción, así foi. Aínda teño feitas algunhas traduccións máis, entre elas a dunha novela de Restif de la Bretonne que me semella non estar traducida tampouco ó castelán, pero o tema pornográfico hoxe non me parece atractivo. En resumo de contas, traducir é un bo exercicio para mellorar a túa propia escrita, non só para universalizar a nosa literatura. (…)”

Ledicia Costas: “Vivo da literatura porque como avogada morría de fame”

EntrevistaLedicia Costas a Ledicia Costas en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Os seus últimos libros, a novela Recinto Gris e os relatos de Un animal chamado néboa, publicados por Xerais, están ambientados na Segunda Guerra Mundial. Por que?
– Ledicia Costas (LC): Lin moitas cousas desa guerra, documenteime moito, é un tema do que son unha apaixonada. Observei que non había libros para a rapazada sobre o holocausto e escribín Recinto Gris, unha distopía, un mundo gobernado por lobos. Hai moitas cousas sobre a guerra civil pero non sobre a guerra mundial.
– LVG: Un animal chamado néboa está tendo moi boas críticas, non?
– LC: Si, a acollida está sendo boa e estou contenta. Hai que seguir o pulso da xente.
– LVG: É o seu primeiro libro digamos que para adultos?
– LC: É o primeiro que me publican de relatos para adultos pero teño moitos relatos, no disco duro do ordenador.
– LVG: Terá feita unha copia…
– LC: Agora si, despois de levar algún susto que outro e de perder algúns textos. Agora saíron estes relatos e no futuro sairán outros.
– LVG: E que vai pasar coa súa literatura infantil e xuvenil, a súa poesía?
– LC: Intento organizarme. Teño moita produción en infantil e xuvenil. Vai saír unha precuela de Escarlatina, a cociñeira defunta, que me está acaparando a meirande parte do meu tempo. Vaise titular Esmeraldina. A primeira defunta (Xerais). Escarlatina é unha nena que está morta, e estaba buscándolle un nome para cando estaba viva, e resulta que moita xente preguntaba por Esmeraldina en lugar de Escarlatina, así que dese xeito axudáronme a atopar o nome. En resumo, que hai que traballar moito para vivir da literatura.
– LVG: Vive da literatura?
– LC: Ben, non é unha cousa que conte moito, pero levo tres anos vivindo da literatura porque como avogada morría da fame. Así que decidín investir todo o meu tempo na literatura. Fago ao revés de moitos outros que traballan noutra cousa e no tempo libre escriben. Eu no tempo libre saio a respirar e por iso teño unha produción tan grande, porque paso moito tempo.
– LVG: Dálle moitas voltas á escrita, a unha idea?
– LC: Cando escribo son moi obsesiva. É algo que teño que recoñecer, sen pudor.
– LVG: Ten algunha receita para chegar aos lectores?
– LC: Aquí non hai receitas; ese é un invento que non funciona. Eu en realidade escribo o que me gustaría ler e escribo con toda a paixón, con toda a cabeza, con todos os meus sentidos.
– LVG: Ten axuda das musas ou non se leva con elas?
– LC: Iso das musas é unha historia que nos contaron cando éramos novos, un conto chino. Creo no traballo, horas e horas sentada diante do ordenador, non sempre escribindo, porque moito tempo estás pensando… Creo no currar.
– LVG: Faltan lectores?
– LC: Eu fago a lectura en positivo: temos unha rede de profesionais que se implican a tope: clubs de lectura, profesores, bibliotecas… Na literatura infantil e xuvenil está entrando un grupo moi amplo de lectores que logo van ir por si mesmos a buscar libros galegos.”