Entrevista con María Solar

DesdeMaría Solar Galaxia:
“A fin de semana arrincaba coa boa nova da concesión do Premio Lazarillo á escritora María Solar, pola súa novela infantil, que Galaxia publicará no primeiro trimestre de 2015, ilustrada por María Lires, O meu pesadelo favorito. (…)
– Galaxia (G): Que historia imos atoparnos no teu libro?
– María Solar (MS): Ides atopar unha historia na que convive a realidade cos soños, o absurdo co racional, o medo coa tenrura e o amor. É a historia de Manuel, un neno con febre a quen o veterinario lle receita un xarope para cans e comeza ter soños con curiosos personaxes. Cada un dos personaxes do libro podería ter a súa novela. É un todo feito de moitas partes con cada un deses personaxes.
– G: O xurado celebrou a festa imaxinativa da novela, a capacidade fabuladora que demostraches. Que che parece esa afirmación?
– MS: Neste libro sobre todo fun libre. Inmensamente libre, liberei a imaxinación e deixeina ir. En moitas outras ocasións eu mesma me puxen límites imaxinativos.
– G: O teu libro fala de soños dentro de soños, dun home que lle fai buratos os queixos, de caixas que conteñen recordos… semella unha obra distinta ao por ti publicado ata o de agora….
– MS: Creo que si estou noutro momento literario e incluso persoal. Unha medra, evoluciona e madura con cada libro. Aprendes dos acertos e dos erros. É diferente e ao tempo creo que xa hai algunhas claves que me identifican na forma de escribir.
– G: Que che gustaría provocar nos lectores e lectoras que lean esta obra?
– MS: Gustaríame emocionalos. Provocar sorrisos, bágoas, tenrura, reflexións… creo que a historia ten varios niveis de lectura e da para moito. E gustaríame moito que a leran tamén adultos!
– G: O libro lévase o Lazarillo. Que sentiches cando cho comunicaron?
– MS: Creo que sinto máis cousas agora que cando mo comunicaron que case só repetin varias ducias de veces “que ben!” Gañar un premio de caracter nacional cun libro escrito en galego sempre me pareceu moi dificil porque o xurado ten que facer un esforzo extra de lectura. Pero elexírono e iso vai posibilitar un futuro esperanzador para el, e traducións. É o que quero, escribir en galego e non ter barreiras no mundo.”

Ourense: Xornadas Eduardo Blanco Amor no 35º aniversario do seu pasamento

2014 12 Xornadas Blanco Amor 12014 12 Xornadas Blanco Amor 2

Xulio Pardo de Neyra: “Escribir literatura pornográfica é un acto de rebeldía, de valentía, que incide na liberdade humana”

EntrevistaXulio Pardo de Neyra de Montse Dopico a Xulio Pardo de Neyra en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): En O nome do arrecendo, o teu libro anterior de narrativa, estaban presentes aspectos que se desenvolven en Intensa e quente é a túa humidade azul: a exaltación dos sentidos, por exemplo. Cal é a continuidade entre ambas?
– Xulio Pardo de Neyra (XPN): A continuidade, loxicamente, vén dada por unha temática semellante, mais non coincidente. Unha temática que dá contas da miña afección e/ou interese pola literatura erótica e pornográfica, que xulgo que non é o mesmo. Os relatos que conforman O nome do arrecendo, escritos hai máis de vinte anos e que despois recuperei do fondo dunha gaveta, veñen expresar unha voz narrativa diversa e diversificada que non entende de xéneros (as voces narrativas son ora masculinas, ora femininas) e que falan, en concreto, sobre do olor, especialmente no espazo do sexual. Son narracións breves eróticas, algunha talvez cunha pouca máis cor polo que ás descricións de actos sexuais se refire, cuxo eixo vertebral é a excitación sexual através do olor.
Si, por suposto, constitúen unha exaltación dos sentidos, e en suma unha exaltación do encontro sexual, onde creo que se deberían pór en xogo todos os sentidos. A continuidade estriba en que se n’ O nome do arrecendo apostaba pola expresividade do sexo non moi convencional, en ‘Intensa e quente é a túa humidade azul’ esta aposta cristaliza plenamente cara á narración dun mundo sexual anti-convencional, e xa non falo de non-convencionalidade, senón de contra-convencionalidade. Non gusto dos convencionalismos, que creo que a todos e todas tentan absorbernos para restarnos calidade e individualidade, para facernos pequenos e ridículos elos dunha cadea minúscula e sen valor que semella estar pendurada do pescozo dun magnate. Xa que logo, particularmente opino que escribir literatura erótica, e moito máis pornográfica, é un acto de rebeldía, de valentía, que unicamente incide na liberdade humana, iso tan difícil de achar e gozar, mais que se pode adquirir con conciencia, creme.
– MD: Como distinguir o erótico do pornográfico? ‘O nome’ sería máis o primeiro, e ‘Intensa e húmida’ máis o segundo. Ou non importan tanto as etiquetas?
– XPN: As etiquetas importan do punto de vista dese ánimo clasificatorio que caracteriza o labor das persoas, si. Con efecto, penso que O nome do arrecendo pertence máis ao erotismo, heteroerotismo, erostismo lésbico e homoerotismo, isto é, todo o erotismo que se resume no maxín dunha persoa. Intensa e quente… é, embora, pornografía literaria, si. Como distinguir unha achega da outra? Eu xulgo que cando en literatura se atende a actos sexuais de forma explícita e co léxico que adoitamos usar nun encontro sexual, estamos de fronte a algo pornográfico. O erótico recréase máis en mornedades, en suavidades, é máis pacato do punto de vista de que trata asuntos sexuais sen mostralos tal cal son, sen deixar libre a excitación que todos e todas sentimos cando fodemos e sen, claro, se valer do código que prima nos encontros artellados en redor do sexo. (…)”

Parlamento das Letras: Juan Tallón

EntrevistaJuan Tallón de Armando Requeixo a Juan Tallón no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
– Juan Tallón (JT): No eido formal, quizais a procura dunha ollada filosófica, posiblemente o humor, como engraxamento, e se cadra o uso da propia literatura como material narrativo. Como ve, non teño nada seguro. E no eido temático, o tratamento do fracaso persoal. O desexable sería romper coa normalidade e procurar de vez en cando xiros de 180 graos, para eliminar a seguridade nun mesmo e buscar novas metas capaces de facerte fracasar, pero ao mesmo tempo motivarte. (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– JT: Os riscos sempre son positivos e talvez tomamos poucos.
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– JT: Digamos que agardo que o futuro chegue pronto e que nel a nosa literatura viaxe moito.”