Lugo: presentación de Nunha presa de terra, de Paco Castro

O xoves 6 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa do Saber (Campus Universitario de Lugo), preséntase a novela Nunha presa de terra, de Paco Castro, publicada en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Lucía Medina e Darío Xohán Cabana.

Ignacio Vidal Portabales: “No eido literario a esixencia de corrección política é moi fácil confundila coa censura”

Entrevista de Montse Dopico a Ignacio Vidal Portabales, en Magazine Cultural Galego:
“Un grupo de homes desnortados, sen nada xa que perder, deciden seguir as ensinanzas doutro home aínda máis desafiuzado ca eles, que vive nun tonel como Dióxenes, o filósofo grego. Así comeza Dióxenes en Dolorida, de Ignacio Vidal Portabales, a novela gañadora do XXX Premio Blanco Amor, editada por Xerais. Incapaces de xestionar os conflitos que xurdiran nas súas vidas de parella, os protagonistas procuran acubillo no propio grupo, no que tratan de exorcizar as súas frustracións. Escolleran, para iso, un camiño antisocial. Que os revela como seres, moitas veces, repulsivos. Falamos con Vidal deste libro, que desorientou a crítica co machismo do discurso dos personaxes.
– Montse Dopico: Aínda que esta é a túa primeira obra de ficción publicada, supoño que entre textos académicos algo terías escrito antes. É así? Por que non publicaches narrativa ata agora?
– Ignacio Vidal Portabales: A dicir verdade, non é o meu primeiro premio, pois na miña mocidade —onde vai!— gañei algúns premios de poesía; un certo pudor impídeme mencionalos, porque eu síntome, basicamente, coma un aprendiz. Logo, as miñas ocupacións profesionais leváronme por outros camiños, aínda que sempre tiven a tentación de recuperar as miñas afeccións literarias. Nos últimos anos, cando xa os meus fillos non demandaban tanta atención, decidín concentrar os meus esforzos na narrativa. Teño algúns traballos no caixón e vou, pouco a pouco, traballando neles, coa esperanza de publicalos algún día. Pero se non sucede, non vou quedar frustrado. (…)”

Taboleiro do libro galego (XIX), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Primeira entrega deste ano do Taboleiro do libro galego que recolle, segundo os datos obtidos dalgunhas librarías galegas, as novidades editoriais máis vendidas en lingua galega ao longo do mes de xaneiro. O meu agradecemento, nesta ocasión, ás seguintes librarías: Biblos, Casa do Libro de Vigo, Torga, Couceiro, Andel, Aira das Letras, Pedreira, Á lus do candil, Carricanta, Suévia e Libros para Soñar.

NARRATIVA
1º-. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
2º-. Vento e chuvia. Mitoloxia da antiga Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, Edicións Xerais.
3º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
4º-. O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro, Editorial Galaxia.
5º-. Legado nos ósos, de Dolores Redondo, Editorial Xerais.
6º-. O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta DávilaEditorial Galaxia.

POESÍA
-. Moda galega reloaded, de María Reimóndez, Positivas.
2º-. Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, Xerais.
3º-. Ningún precipicio, de Olalla Cociña, Toxosoutos.
4º-. Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, Galaxia.
5º-. Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, Ed. Alvarellos.

ENSAIO-TEATRO
-. Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, Edicións Xerais.
2º-. Exhortación á desobediencia, de Xosé Manuel Beiras, Laiovento.
3º-. O valego, de Xosé-Henrique Costas, Edicións Xerais.
4º-. Outra idea de Galicia, de Miguel Anxo Murado, Debate.
5º-. Emigrados, exilados e perseguidos, de Dionisio Pereira, Através Editora.
6º-. Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela, Editorial Galaxia.

INFANTIL-XUVENIL
-. Todos somos, de Marcos Calveiro, Edicións Xerais.
-. Mortos de ningures, de Pere Tobaruela e Ledicia Costas, Everest (ilustracións de Andrés Meixide).
-. A illa de todas as illas, de Xabier P. Docampo, Edicións Xerais (ilustracións de Xosé Cobas).
-.  O raposo e a mestra, de Manuel Rivas, Xerais (ilustracións de Jacobo Fernández).

ÁLBUM ILUSTRADO
-. Pan de millo, de Migallas, Kalandraka.
2º-. Toc Toc, de Pablo Díaz, ilustracións de Nuria Díaz, Galaxia.
3º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
4º-. Mamá, de Mariana Ruiz Johnson, Kalandraka (tradución de Manuela Rodríguez).

BANDA DESEÑADA
1º-. Astérix e os Pictos, René Goscinny (autor), Albert Uderzo (ilustrador), Jean-Yves Ferri (autor), Didier Conrad (ilustrador), Xavier Senín e Isabel Soto López (tradutores), Edicións Xerais.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. 36-39. Malos tempos , de Carlos Giménez, El Patito Editorial.

OUTROS
1º-. CoraSons, colectivo CoraSons, Kalandraka.
2º-. Revista Luzes, nº 2.

Gondomar: Manuel Rivas participa en Espazo Lectura para falar da súa obra O raposo e a mestra

O sábado 1 de febreiro, ás 12:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, vaise celebrar unha nova sesión do club de lectura compartida en familia Lendo contigo, actividade que organiza a asociación Espazo Lectura. Nesta ocasión contarase coa presenza de Manuel Rivas, que falará do seu último libro infantil: O raposo e a mestra (Xerais, 2013). Ao remate da sesión, haberá unha interpretación das cancións do libro a cargo da Banda dos Cueiros no que se poderán aprender e cantar pezas tan coñecidas como Frère Jacques, Des kleine krokodil ou I can sing a rainbow. Aqueles nenos e nenas que queiran participar de maneira activa na actividade, formando parte do coro da Banda, teñen que estar a partir das 11:00 horas na Biblioteca de Gondomar para un divertido ensaio xeral.