Ramón Otero Pedrayo: unha homenaxe a Noriega Varela

Desde Cultura Galega:
“O 19 de outubro de 1967 Ramón Otero Pedrayo impartiu a conferencia Homenaxe a Noriega Varela durante as festas do San Lucas de Mondoñedo. Aquí pódela escoitar enteira, tal e como foi gravada, coa vibrante oratoria de Ramón Otero Pedrayo definindo a vida e obra do poeta lugués. A gravación foi recuperada por Manuel Rico nos arquivos de Radio Nacional na Coruña.”

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación do mércores 7

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O mércores 7 de marzo, ás 19:00 horas, na Sala de exposicións, preséntanse os libros O botín da miseria, de Lino Braxe, e Mans, de Xabier P. DoCampo, publicados por Everest Galicia.
– Ás 20:00 horas, no Salón de actos, terá lugar a conferencia O teatro interior de Alvaro Cunqueiro, por Quico Cadaval.

Ferrol: conferencia de Darío Xohán Cabana

O xoves 1 de marzo, ás 19:30 horas, no salón de actos da Aula UNED de Ferrol (Rúa María, 52-54), e dentro do ciclo de conferencias As miñas lecturas favoritas, Darío Xohán Cabana falará sobre Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal e Se o vello Sinbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro.

Vigo: conferencia de Eduardo Santiago sobre A experiencia de escribir ficción científica

O venres 24 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo, terá lugar unha conferencia de Eduardo Santiago sobre A experiencia de escribir ficción científica, dentro dos actos de divulgación do II Concurso de relatos de ficción científica Inspiraciencia. No acto estará acompañado por Luísa Martínez Lorenzo.

Ferrol: conferencia de Xulio López Valcárcel

O xoves 16 de febreiro, ás 19:30 horas, no salón de actos da Aula UNED de Ferrol (Rúa María, 52-54), e dentro do ciclo de conferencias As miñas lecturas favoritas, Xulio López Valcárcel falará sobre Poesía, de Celso Emilio Ferreiro, O deserto dos tártaros, de Dino Buzzati (versión galega de Xavier Rodríguez Baixeras) e Herba aquí e acolá, de Álvaro Cunqueiro.

Xesús Ferro Couselo e o nacemento de Ourense

Desde Cultura Galega:
“No ano 1968, o intelectual ourensán Xesús Ferro Couselo impartiu esta conferencia, Orixe e formación da cidade de Ourense, como parte da programación inaugural da Agrupación Cultural Auriense. A conferencia foi gravada por Carlos Guitián. Trátase do volume 8 da colección As nosas voces, publicada polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega no ano 1996.”

A Coruña: conferencia Brasil, o país do presente, por Vivian Torres de Mello Rangel

A terza feira 14 de febreiro, ás 20:00 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, terá lugar unha conferencia de Vivian Torres de Mello Rangel sobre Brasil, o país do presente. Imagens do Brasil dentro da literatura contemporânea, no ciclo Língua, Literatura, e Naçom da A. C. O Facho.