Compostela: conferencia “Neira Vilas, unha vida de compromiso”, por Dolores Vilavedra

O 17 de abril, ás 19:30 horas, o Ateneo de Santiago, en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas, ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia titulada “Neira Vilas, unha vida de compromiso”, que estará impartida por Dolores Vilavedra, Profesora de Literatura Galega da USC.

A Coruña: I Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino, os 13 e 14 de abril

“Estas xornadas teñen como obxectivo ofrecer novas propostas para o ensino-aprendizaxe da lingua e da literatura galegas no ámbito do ensino secundario que permitan dar unha viraxe a aqueles aspectos do traballo nas aulas que convén revisarmos. Trátase, en suma, de reflexionarmos en conxunto sobre como potenciar, reorientar ou modificar certos contidos, actividades, ferramentas e metodoloxías aproveitando o contexto creado pola nova lei educativa.
Conforman as xornadas seis seminarios cun marcado carácter práctico, ao longo dos cales haberá espazo para o intercambio de ideas e suxestións entre os/as relatores/as e o público.
Inscricións en clourenzo@udc.gal, indicando nome, apelidos e DNI até ao 12 de abril de 2023.”

A Coruña: conferencia “A proxección autoral das poetas galegas nas redes sociais dixitais”, con Inma Doval Porto

O 23 de marzo, ás 19:30 h., na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Santo André, 36, 1º), dentro do ciclo Aula Aberta coa UDC, Inma Doval falaranos da proxección autoral das poetas galegas nas redes sociais dixitais: catro casos representativos. A consolidación das redes sociais dixitais facilita a comunicación e a relación entre as persoas, ao tempo que supón a creación dun novo espazo público para a (re)presentación do Eu, en moitas ocasións, cun carácter performativo. Nesta palestra analizarase a proxección autoral de catro poetas galegas contemporáneas (Helena Villar Janeiro, Dores Tembrás, Afra Torrado e Estíbaliz Espinosa) nas redes sociais dixitais e como as utilizan para se (re)presentar ante a mirada dunha audiencia múltiple e heteroxénea e para crearen un espazo (auto)biográfico cohesivo para a elaboración e recuperación da memoria individual e colectiva. As autoras empregarán estas esferas públicas conectadas como lugares de ciber-activismo e empoderamento co obxectivo final de-construíren o discurso hexemónico. As persoas interesadas poden inscribirse aquí.