Daniel Salgado: “Ás veces é a historia a que parece que non cambia e a natureza a que se transforma”

Entrevista de Montse Dopico a Daniel Salgado en Praza:
Os paxaros e outros poemas (Xerais) é, como todos os poemarios de Daniel Salgado, un libro atravesado por tensións non resoltas. Desta volta, unha relaciona a transformación incesante da historia cunha suposta –que se revela falsa– inmutabilidade da natureza. Outra é o “marasmo da política emancipadora fronte á hiperactividade do capital”, co mundo do traballo e a organización de clase, “as dificultades de esculcar un horizonte emancipador ou a incapacidade para ler politicamente o presente” de fondo. O autor respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.
– Praza (P): Comeza o libro cun poema sobre a realidade que se nos escapa, sobre a humildade da materia que nos vence. Por que?
– Daniel Salgado (DS): O poema, titulado Oración, e os tres poemas da sección final –Coda– funcionan dalgunha maneira en paralelo. Poden lerse como mapa, sumario ou caixa de ferramentas. Ou como todo o contrario. En todo caso, o último verso de Oración -“Vence, digamos, a humildade da materia”- é un verso nuclear para o libro e os seus significados.
– P: Na parte titulada ‘Os paxaros’ están presentes -en realidade, en todo o libro- distintas especies de paxaros. E a voz poética fala de como interromper a ética da aceptación. Da ignorancia sobre o proceso histórico. Coma Dos tempos sombrizos, remite a unha sensación de fracaso, a unha, quizais, parálise da loita de clases, cunha clase obreira en proceso de desintegración. Que ten que ver Os paxaros e outros poemas con isto?
– DS: Os paxaros e outros poemas foise construíndo nun intre que eu percibo como de restauración de certa orde cuestionada tras os sucesos históricos acontecidos entre 2008 e 2012. Ese foi o medio ambiente en que escribín estes poemas. A maiores, neles respira unha conciencia da longa duración histórica. Aí talvez entren consideracións sobre o mundo do traballo e a organización de clase, as dificultades de esculcar un horizonte emancipador ou a incapacidade para ler politicamente o presente. Pero máis que a temática do libro, entendo que eses son elementos do medio ambiente en que o escribín e que tal vez emerxen nos poemas.
– P: Por que tanta presenza dos paxaros?
– DS: Os paxaros que aparecen no libro -paxaros comúns, que se poden ver en calquera lugar do país- son os paxaros que observaba desde a fiestra do cuarto onde traballei en boa parte dos textos. Provocaron os poemas. (…)”

“Manifesto da poesía galega de base”

Desde Gazeta:
“Sostemos que para facer unha casa é preciso comezar desde os alicerces, porque ben sabido é que a forza de calquera construción reside na súa base.
A poesía galega contemporánea goza de grandes creadores e creadoras, peza imprescindíbel que nos fai medrar coa lectura dos seus versos, mais tamén están as persoas indispensábeis, lectores e lectoras que teñen fame, as famentas de poesía!
Todas as persoas que conformamos a poesía de base, constituímos un espazo mestizo de poetas e lectorando fértil, catalizador de creación poética e canle de difusión e socialización da poesía.
A poesía de base é o movemento cultural cidadá composto por agrupacións poéticas que apoiamos e difundimos a poesía, unindo a diferentes creatividades coa característica da convivencia harmoniosa de estéticas, estilos e temáticas diferentes.
Así, para unhas a poesía é instrumento para denunciar situacións de marxinación e inxustiza, na búsqueda da defensa da parte máis débil do tecido social, para outras é ferramenta para concienciar á sociedade sobre a realidade que nos toca vivir propoñendo escenarios alternativos, noutros casos, como canle para expresión da creatividade meramente simbólica, intima e persoal ou de crise existencial.
E en todo caso poder sentir a presenza do colectivo que comparte as mesmas inquedanzas, onde voluntariamente participamos creadores de diferentes idades, estéticas e sensibilidades, mais que compartimos a necesidade de participar en común e alimentármonos das creacións e iniciativas colectivas das agrupacións.
Porque a poesía é unha maneira poliédrica de mirar o mundo, de encher de beleza e reflexión a paisaxe da existencia. E nós respiramos poesía a cotío, viaxamos a cabalo dela. Xunto coa nosa fala propia é a casa que habitamos, a ponte que nos une. Se a isto engadimos unha rede humana que abrangue toda esa bagaxe, temos un espazo social para fornecer e acoller todo ese potencial creativo que medra no espazo aberto do noso país.
Fagamos da poesía de base unha buguina que fomente a creación poética e a espalle na nosa terra e mesmo alén do mar.

VERSOS DE AREA
NPG NOVA POESÍA GUITIRICA
IRMANDADE POÉTICA E ARTÍSTICA GALAICO-LUSA
COLECTIVO LITERARO IN NAVE CIVITAS
NÓMADES DO VERSO. GRUPO POÉTICO ANTÓN BORRAZÁS.
COLECTIVO LITERARIO MORAIMA, A GRAFÍA DA EMOCIÓN.”

Compostela: presentación de Mamá pelicano, de Alicia Fernández

O 29 de marzo, ás 19:30, en Numax (Rúa Concepción Arenal, 9, baixo), en Santiago de Compostela, preséntase Mamá pelicano, de Alicia Fernández, publicada por Espiral Maior. Na presentación, xunto á autora, participará a tamén escritora Lara Dopazo. Cómpre inscrición previa no correo comunicacion@numax.org. Se quedas sen entrada lembra que podes ver e escoitar ambas presentacións desde a casa via streaming nas páxinas de Facebook e Instagram de Numax (@numaxcoop).

Pablo Bouza: “Os certames danlle firmeza á túa carreira e visibilizan a túa obra”

Entrevista a Pablo Bouza en El Progreso:
“”Os cartos logo desaparecen, pero os libros son a vida dun escritor”, asegura o poeta Pablo Bouza á hora de valorar o que supón gañar o V Premio Díaz Castro de Poesía, dotado con 2.000 euros e coa publicación do poemario, na primeira vez que se presentaba.
– El Progreso (EP): Que sentiu ao recibir a chamada?
– Pablo Bouza (PB): Unha grande emoción. Recibir un recoñecemento ao teu traballo dáche forza e confianza para seguir escribindo, comprobas que estás en boa liña. Viña duns anos de secano en canto a publicacións e con este premio terei a oportunidade de volver publicar e cunha editorial de referencia. Somos moitos os poetas que nos presentamos a estes certames, xa que case é a única maneira de poder ver a túa obra publicada.
– EP: Leva unha boa colleita de premios, a experiencia altera a sensación?
– PB: A emoción e ledicia é a mesma que co primeiro. E neste caso, vendo a solvencia e a categoría literaria do xurado, a satisfacción é maior.
– EP: Que supoñen este tipo de convocatorias para os escritores?
– PB: Levo máis duna ducia de premios que se reflicten en seis libros individuais, algúns colectivos e publicacións en revistas especializadas. Os certames van dándolle firmeza á túa carreira literaria e permiten visibilizar a túa obra. Teñen moito mérito os concellos e as institucións que os convocan. No caso de Guitiriz, que faga un esforzo notable convocando un certame da calidade do Díaz Castro é moi loable e amosa unha especial sensibilidade da súa corporación. Ademais, Guitiriz é un facho poético en Galicia co importantísimo labor da NPG (Nova Poesía Guitirica) e o seu traballo cos grupos poéticos de base, o certame de Vilariñas, os poemas pendurados nas farolas, a edición da Gazeta.gal, o traballo de investigación sobre Os Vilares de Pas Veres ou a poesía da magnífica Luz Campello.
– EP: Cal é a sensación ao ver un libro seu publicado?
– PB: Telo nas túas mans é unha das grandes emocións que ten un escritor. Ao fin e o cabo, escribes para comunicar e compartir. O poema non deixa de ser un proceso comunicativo. Ademais ese libro, e sobre todo no caso da poesía, clónase en moitos máis: as interpretacións e versións que cada lector fai do que ti lles amosas. (…)”