A segunda
feira 13 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Pilar Pallarés e a poeta estadounidense Mary Jo Bang. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos maio 2019.
Arquivo da categoría: Poesía
A Coruña: I Festa da Poesía Atlántica Amergin
Carballo: presentación de O puño e a letra, con Yolanda Castaño e Miguelanxo Prado
Fene: presentación de A tarde. O desacougo, de Amauta Castro
Videopoema As mans, a partir de Inscricións, de Carlos Callón
Olga Novo: “Hai persoas que realizan actos de poesía aínda que despois non escriban un só poema”
Entrevista de Daniel Salgado a Olga Novo en Sermos Galiza:
“A Feliz Idade (Kalandraka, 2019) da poeta Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) é a da creación. A da creación humana e a da creación poética. Salmo vitalista e pregaria pola liberdade, composicións que cantan á materia e cantan á memoria, salutación aos outros, funde poesía e amor. “como o útero me medra / ata alcanzar a dimensión exacta / da poesía”, escribe en Premontaña. “Que toda herdanza sexa a do amor e non a propiedade”, afirma na Carta limiar que endereza á filla acabada de nacer. Novo explica a Sermos Galiza o contexto e as forzas que operan no seu quinto libro de poemas. Eis un extracto da entrevista publicada no semanario en papel.
– Sermos Galiza (SG): É difícil preguntar sobre unha poesía tan afirmativa como a súa.
– Olga Novo (ON): Desde logo, é unha poesía afirmativa, porque é a poesía dunha muller autoafirmada. Eu escribo como vivo, dalgunha maneira. Ás veces pregúntanme polos proxectos que teño en marcha e nunca sei que contestar. Porque a poesía, a escrita en xeral, vai nacendo ao mesmo tempo que as experiencias vitais. A poesía xorde na vida. Non teño un proxecto teórico formado, senón que hai creación espontánea. É o sentido dun trallazo, unha concepción un tanto romántica da creación.
– SG: O “fogonazo” que titula a primeira sección do libro.
– ON: Exactamente. Ese fogonazo é en realidade a irrupción da vida, a concepción dun ser e polo tanto un embarazo. E, no fondo, é tamén o fogonazo da propia creación literaria. De feito ao longo de todo o libro dáse esa identificación entre esas dúas creacións. Ao final, non deixan de ser dúas creacións vitais. Ambas as dúas están moi conectadas, son experiencias do propio corpo, da existencia. (…)”
A Coruña: presentación de A secuestradora de océanos, de Yolanda López
Braga: IV Encontro Minho Galiza
Compostela: presentación de [sen-fin], de Eduardo Estévez
Pisa: Encontro sobre a literatura galega onte e hoxe
O martes 7 de maio terá lugar un encontro na Universidade de Pisa onde se presentarán as tres obras que desde os Centros de Estudos Galegos de Italia se publicaron no ano 2018. A esta cita acudirán os directores dos tres centros que existen neste momento en Italia: Giovanni Borriero da Universidade de Padova, Attilio Castellucci da Universidade La Sapienza de Roma e Carlo Pulsoni e Marco Paone da Universidade de Perugia. Con eles conversarán Fabrizio Cigni e Valeria Tocco en representación da Universidade de Pisa.
Organiza o encontro a cátedra Antero de Quental–Camões integrada no Departamento de Filoloxía, Literatura e Lingüística da Universidade de Pisa. Cómpre destacar a vitalidade dos Centros de Estudos Galegos de Italia xa que no ano pasado deron ao prelo os volumes Lois Pereiro. Poesia ultima di amore e malattia a cargo de Marco Paone e publicada pola editorial Aguaplano, unha tradución do célebre libro do autor monfortino; La letteratura galega. Autori e testi, a cargo de Giovanni Borriero e Gemma Álvarez Maneiro publicada pola editorial Carocci, e La lingua delle cantigas. Grammatica del galego-portoghese, a cargo de Pär Larson e publicada tamén por Carocci.
De feito, esta última editorial, de grande prestixio no ámbito universitario italiano, habilitou a colección Finisterrae coa finalidade de dar a coñecer textos relacionados co ámbito cultural galego. A selección e edición dos volumes da serie Finisterrae corre a cargo dos tres directores dos centros de Estudos Galegos en Italia.