Arquivo da categoría: Poesía
Quico Valeiras: “Falar da familia é falar da primeira e máis politizada das células sociais”
Entrevista de Alberto Ramos a Quico Valeiras en Praza (foto de Alexandre Fernández):
“Quico vén de publicar O tempo da cireixa (Positivas, 2019), un libro de poemas en que o autor atopa a súa verdadeira “voz poética” e o camiño artístico polo que quere transitar. Prologado por Luz Pichel, Quico retrata cos seus versos a memoria tanto individual como colectiva, as súas orixes, a familia ou o rural. Eses son as liñas cardinais dunha obra “eminentemente política” que traza un xogo de ausencias e presenzas entre o que xa non está, pero continúa a pelexar contra o esquezo. Praza entrevista a Quico Valeiras (O Carballiño, 1990), poeta e libreiro que rexenta a compostelá libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74).
– Praza (P): Este é o primeiro libro de Quico ou o segundo? Pregúntoo porque na presentación Tamara Andrés falounos dunha publicación previa e era por saber se renega daqueles versos.
– Quico Valeiras (QV): Antes de publicar este libro con Positivas, xoguei moito a facer autoedicións en formatos diferentes ao libro. Unha, que tivo moito que ver con Compostela, ten a súa historia. Leveina a cabo coa tenda de conservas Catrineta, na praza de Abastos. Este local ten un proxecto que iniciara Estevo Creus co seu O libro dos cans, libro que presentou en diversos formatos. Un deles foi en Edicións en Fachadas, en colaboración con Catrineta. É unha edición efémera, que se expón na parede e dura até que a xente vai arrincando os poemas. Despois si que foi a miña primeira obra en formato libro, que levamos a cabo cunha campaña de micromecenato. Era un proxecto con diferentes ramificacións. Pero non é que renegue, o que acontece é que os seus poemas, coido, non superaron o paso do tempo. En calquera caso, creo que este O tempo da cireixa é o primeiro libro no que eu atopo a miña voz poética. Digamos que nunca antes me atopara tan claramente na escrita. Podo dicir que me atopei como autor e descubrín o camiño polo que realmente quero tirar.
– P: Leva a libraría da Chan da Pólvora, que forma un tándem coa editorial Chan da Pólvora que dirixe Antón Lopo. Por que editar logo con Positivas e non con Chan da Pólvora?
– QV: Antón Lopo e mais eu adoitamos dicir que a libraría e a editora son un matrimonio con separación de bens. Compartimos o nome, un nome que de feito apareceu moito antes de que eu me unise ao proxecto da man de Alicia [Fernández] e Eduard [Velasco], que levaban antes a libraría. O nome xurdiu no nacemento, momento no que tamén estaban vinculados poetas como Gonzalo Hermo. Eu entrei despois para facerme cargo da libraría. Eu tiña os poemas, mandeinos a varias editoriais e un día, Paco Macías entrou pola porta. Despois de falar durante dúas horas sobre anarquistas do Bierzo, xusto cando marchaba, avisoume que iamos para adiante, que me publicaba o libro Positivas. A min sorprendeume moito, sobre todo sabendo a historia de Positivas. Antes, pasárallo a Luz Pichel, que leu os poemas e quixo facerme o prólogo. Grazas a ela, atrevinme a pasárllelo a máis autoras e editoras. (…)”
A Coruña: recital de Helena de Carlos e Jan Wagner no Ciclo Poetas Di(n)versos
A segunda
feira 15 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Helena de Carlos e o poeta alemán Jan Wagner.
Ponteareas: Vítor Vaqueiro presenta 1968
Celanova: presentación-concerto de Na noite, no silencio, de Juan Manuel Vázquez
Compostela: presentación de Linguaxes dixitais, de Clara Vidal
Corcubión: presentación de Caída, de Suso Bahamonde
A Coruña: presentación de Fundido a negro, de Teresa Ramiro
Coa participación, xunto á autora, de Xurxo Souto.
Pontevedra: Festival Internacional de Poesía de Pontevedra, PontePoética 2019
O certame aRi[t]mar nomea as poesías finalistas de Galiza e Portugal
Desde Sermos Galiza:
“Xa se coñecen as poesías finalistas do certame aRi[t]mar. De entre estas poesías, publicadas na Galiza e Portugal durante o ano 2018, saírán as gañadoras mediante votación do público.
O público será quen vote as persoas gañadoras de entre as finalistas que nomeou o xurado do certame aRi[t]mar Galiza e Portugal. Este evento da música e da poesía galego-portuguesa nomeará, por elección de público, quen serán as e os poetas que gañen, xunto coas e cos artistas musicais xa electos, e recibirán os galardóns na Gala de Premios aRi[t]mar Galiza e Portugal 2019.
Nesta edición, o xurado seleccionou dez poesías galegas e 10 portuguesas como finalistas, para que o público poida votar as gañadoras.
As persoas que quixeren participar poderán votar a través da web aritmar.gal até o 10 de maio.
As poesías electas polo xurado como finalistas desta edición son:
Finalistas de Galiza:
– Polinizándome, Andrea Nunes/María Rosendo, Diáspora do amor.
– Os estorniños cobren a vila, de Carlos Lixó, As casas.
– A memoria, de Celso Fdez. Sanmartín, A cama do meu avó.
– Lista da compra da viúva, de Emma Pedreira, Antídoto.
– Perderei a cabeza, de Lara Dopazo, Claus e o alacrán.
– Fasme amor, de Laura Ramos Cuba, A situación actual.
– Quen te tirou da burra, de Lucía Aldao, Todo isto antes era noite.
– Xa non son quen, de Marta Dacosta, Labirinto ou memoria.
– Tan lonxe non está o mar, de Pilar Pallarés, Tempo fósil.
– E isso é o amor, de Susana Sanches Arins, Tu contas e eu conto.
Finalistas de Portugal:
– Hotel em casa, de Adília Lopes, Estar em Casa.
– É com palavras que te vou guardar, de Alice Vieira, Olha-Me como quem chove.
– Perturba-me a ideia de morreres, de Aurelino Costa, Gadanha.
– Nómadas, de João Luís Barreto Guimarães, Nómada.
– Castanhas: uma dúzia, dois euros, de José Alberto Oliveira, De Passagem.
– Fachada, de Marta Chaves, Varanda de Inverno.
– I clipe para todos (Folhas unidas jamais serão perdidas), de Rosa Alice Branco, Traçar um nome no coração do branco.
– Aula de arqueologia, de Tatiana Faia, Um quarto em Atenas.
– Vou sempre trocar-te, de Valter Hugo Mãe, Publicação da Mortalidade.
– Existe um elemento, de Vasco Gato, Um Passo Sobre a Terra.
O certame aRi[t]mar Galiza e Portugal da música e da poesía galego-portuguesa é unha iniciativa da Escola Oficial de Idiomas de Santiago que nace co obxectivo de divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países.”