Acto de entrega do I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil a María Reimóndez

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2017

DesdeFervenzas Literarias 2015 Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 14 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2017. En total, este ano recibimos 522 enquisas válidas.
Queremos agradecervos a todas e a todos as once edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!

– Mellor libro de narrativa para A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo.
– Mellor libro de poesía para Lumes, de Ismael Ramos.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, de María Xesús Lama.
– Mellor libro de teatro para Suite Artabria, de Manuel Lourenzo.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero VII. De punta a chicote, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Thérèse Raquin, de Émile Zola, traducido por Isabel Soto.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os nenos da varíola, de María Solar.
– Mellor libro de literatura infantil para A señorita Bubble, de Ledicia Costas.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez.
– Autor do ano para Ismael Ramos.
– Ilustrador do ano para Víctor Rivas.
– Mellor capa de libro para adultos para Luns, de Eli Ríos.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para A señorita Bubble, de Ledicia Costas, feita por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para Culturgal 2017.
– O peor acontecido para a política lingüística do goberno da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Sermos Galiza.
– Mellor blog/web literaria para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”

“1968: Manuel María inventa a poesía infantil en galego”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Algúns dos poemas máis célebres da literatura galega atópanse nun libro humilde, cuxa primeira edición facturou un fabricante de cartóns para confitarías. Os soños na gaiola, de Manuel María, non só achegou a lingua a centos de cativas e cativos. Tamén inventou un xénero para o galego: a poesía infantil. A fundación que custodia o legado do poeta vén de editar a obra na versión máis achegada a como a concibira por primeira vez hai medio século.
“É un libro moi rompedor. Naquela altura, ninguén lle daba importancia á literatura infantil”, expón Montse Pena Presas, profesora da Universidade de Santiago e autora do amplo estudo que acompaña a reconstrución editorial da Casa Museo de Manuel María. “Só había algunhas traducións de Xohana Torres en Galaxia, e unha obriña da propia Xohana”. O único escritor galego preocupado por achegar as letras á infancia nin sequera residía en Galiza: Xosé Neira Vilas.
Nas cartas que cruzaron, Manuel María explicáballe ao creador de Balbino o seu obxectivo. “Quería lembrar no poemario a súa infancia labrega”, di Pena Presas, “pero foi moito máis alá. Se só se tratase desa cuestión, o libro non se titularía así”. O poeta fala dun mundo entre reixas en que non se pode soñar libremente. E que inclúe Galicia, unha das súas composicións máis emblemáticas, suxeita a usos múltiples e maiormente políticos: “Galicia somos nós: / a xente e mais a fala. / ¡Si buscas a Galicia / en ti tés que atopala!”.
Mais o éxito de audiencia de Os soños na gaiola non foi inmediato. Escrito no outono de 1967, a primeira edición correu a cargo de Cartonaxes ANMI, “unha empresa de cartóns para confitarías” propiedade de Ángel Gómez Camarón, natural de Medina del Campo e asentado en Galiza desde a República. A idea inicial do empresario, relata Montse Pena Presas, “era enviar o libro ás escolas polo Día das Letras [que se celebraba desde 1963], pero foise adiando e acabou como agasallo para os seus clientes”.
A relación de poeta e tan peculiar editor non acabou ben. Manuel María disgustárase pola escasa calidade da edición. A maiores, non incluíra as ilustracións que Reimundo Patiño imaxinara para os poemas, “seguramente por unha cuestión de orzamento”, e que agora recupera a Casa Museo. E, con todo, Gómez Camarón non desistiu do seu apoio á cultura galega naqueles tempos escuros e axudou a difundir Homenaxe a Otero Pedrayo e Retratos en tempos de pouca luz, ambos os dous de 1968, de Arcadio López Casanova, Dous contos, cinco cousas e mais un debuxo inédito (1970) de Castelao ou ¿E decímolo ou non o decimos? (1972), de Ánxel Fole.

O Grupo Ouriol homenaxea a Avilés de Taramancos

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O grupo Ouriol homenaxeou a figura de Avilés de Taramancos na Noia natal do poeta. Un espectáculo co gallo dos 25 anos do pasamento de Avilés con música, pintura e os textos na voz de Eva Veiga. Con ela falamos, precisamente, desta montaxe multidisciplinar para lembrar ao poeta. A entrevista pode verse aquí.”

Entrevista a Estevo Creus no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Sigo mantendo esa idea dunha poesía máis da imaxe. Ao final de achegar tanto o foco as cousas producen monstruos”. De Teoría do lugar a O lugar que non hai. Revisamos dúas décadas de escrita con Estevo Creus Andrade, que vén de gañar o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Pode escoitarse aquí.”

Calendario dixital Os soños da gaiola 50 anos

A Fundación Manuel María vén de tirar un calendario dixital, con ilustracións de Leandro Lamas, para conmemorar os 50 anos da aparición do poemario Os soños na gaiola, obra emblemática de Manuel María que inaugurou a poesía en galego para a xente nova (a imaxe de abaixo correspóndese co mes de xaneiro e co poema O vento).
Para descargalo, e inclusive facer unha impresión del, pode accederse á seguinte ligazón e introducir o seguinte código 8yhqdz1esxcr.