Crónica do acto de entrega do IX Certame Victoriano Taibo a Xosé Iglesias

Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O pasado sábado 10 de decembro o auditorio municipal Lois Tobío de Gondomar acolleu o acto de entrega da 9ª edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo cunha audiencia ben numerosa que se deixou engaiolar pola maxia irresistible dun escenario repleto de calidade literaria, calidade oratoria, calidade dramática e exquisita sensibilidade. A clave do éxito que, sen dúbida, acompañou o desenvolvemento deste evento estivo, sobre todo, na afortunada conxunción de catro extraordinarios representantes do mundo cultural: Marta Dacosta, directora do acto, que foi introducindo todos os intervenientes coa axilidade e dinamismo que a caracteriza ao tempo que proporcionaba a información necesaria, breve pero oportuna, sobre o que o público precisaba saber para apreciar non só a aparencia senón tamén a substancia do que alí estaba sucedendo, todo adornado con pinceladas poéticas e eruditas que lle engadían atractivo ao seu ben facer; Xosé Lois Vilar, comentarista do libro gañador, que nos deleitou cunha maxistral descrición dun número incrible de elementos que conforman o noso mar e a relación que con el ten o mariñeiro, para introducirnos na degustación dos valores, mariñeiros e poéticos, que adornan A relixión do mar, o libro que mereceu o galardón deste ano, que cualificou de “mito fundacional da nosa literatura”, todo cunha linguaxe expresiva, forte, contundente e chea de imaxes mariñeiras e telúricas; Xosé Iglesias Lamela, poeta galardoado, que nos deu a coñecer algunhas claves do poemario, este berro, en palabras súas, silenciado entre as tapas que emerxe forte, sonoro e firme cando se abre para denunciar que nos están a roubar o mar dos nosos avós, que nos fixo unha entrañable profesión de fe mariñeira, pois, así como outros precisan ir a misa ou orientarse cara á Meca para rezar, el necesita ver o mar, sentilo, respiralo, amarrarse sobre o seu lombo líquido, que nos fixo transitar por artes do xeito, cardumes, sardiñas e xardas, ardoras, noctilucas, vagalumes mariños, rosas dos ventos, cuadrantes, partes meteorolóxicos… e nos engaiolou cun sentido e breve recital para acabar emocionándonos co recordo da súa sobriña Nerea, moi prematuramente morta, a quen lle dedica o libro, antes de despedirse facendo soar unha buguina do mar de María Antonia; e Xesús Alonso Montero, que puxo o punto e final con palabras gabanciosas para o IEM, o Concello e todos os intervenientes no acto, gabanzas que intensificou cando se referiu ao poemario e ao seu autor que fixeron del un novo e fervoroso crente da relixión do mar, libro insólito no panorama da poesía de hoxe pola súa forza e orixinalidade que vai marcar un antes e un despois, como xa sucedera con Manuel Antonio, e que motivou, ademais, a presentación maxistral de Xosé Lois Vilar “o máis grande orador de Galicia dende Prisciliano a hoxe en galego mariñeiro”.

Máis información en Grupo EsComunicaciónGalicia.

Vilalba: recital poético solidario internacional Verso, ¿que traes? Esperanza

O vindeiro venres 16 de decembro ás 19:30 horas, no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, agardamos por vós na celebración do III Recital Poético Solidario Internacional, baixo o lema “Verso, ¿que traes? Esperanza”.
Todo o recadado no evento irá destinado á Campaña de Xoguetes da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Vilalba, cuxa iniciativa se chama “Os seus dereitos en xogo”. Con esta causa solidaria pretendemos levar xoguetes a máis dun cento de nenos e nenas da comarca da Terra Chá de entre 0 e 12 anos.
A venda de entradas realízase na Casa da Cultura de Vilalba e no Centro Cultural e Recreativo. Prezo: 3€.
Despois do recital farase un sorteo de libros cedidos e asinados polos autores que van recitar entre os asistentes ó acto.

A Coruña: presentación de O cuarto das abellas, de Antía Otero

O mércores 14 de decembro, ás 20:30 horas, en Linda Rama (Porta de Aires, 4, baixo), na Coruña, terá lugar a presentación do libro O cuarto das abellas, de Antía Otero, publicado por Xerais. No acto, xunto á autora, participan Antía Marante e Dores Tembrás.

Vigo: mesa de debate Unha nova estética anovadora no ciclo das Irmandades da Fala

O martes 13 de decembro, ás 19:30 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2), en Vigo, terá lugar a mesa de debate Unha nova estética anovadora, coa que a Real Academia Galega continúa o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.
Modera: Xosé Luís Axeitos.
Relatores:
Xosé Ramón Pena. Na procura dunha estética nacional.
Chus Nogueira. A poesía do tempo das Irmandades na historiografía literaria galega.
Miro Villar. Gonzalo López Abente, “o poeta do mar”.

ciclo-no-tempo-das-irmandades-2016-1ciclo-no-tempo-das-irmandades-2016-2