Vigo: XI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Poesía ou performance?, con Iolanda Zúñiga e Silvia Penas, o 5 de outubro

ObannerXICicloEscritoras-es_na_Universidade XI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Teoría dos contrarios. Arredor de camiños diverxentes non necesariamente excluíntes, terá lugar do 26 de setembro ao 19 de outubro no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, con entrada libre.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, achegan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras.

O obxectivo xeral é que o alumnado obteña unha unha panorámica subxectiva da situación dos xéneros poético, narrativo e teatral en Galicia na actualidade a través das/os súas/seus creadores/as. Despois de cada mesa redonda hai un coloquio aberto para dar oportunidade ao alumnado de formular as súas preguntas. As mesas serán retransmitidas en directo no servidor de streaming da Universidade de Vigo.

Mércores 5 de outubro | 10:00

Poesía ou performance?

Iolanda Zúñiga e Silvia Penas.

Dos límites difusos entre a poesía e a performance.

cartelxicicloescritoras-es_na_universidade

Tabela dos Libros de outubro de 2016, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co comezo do novo mes, a Tabela dos Libros ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

2016_outubro_tabela

Taboleiro do libro galego XLVI (agosto e setembro de 2016), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Neste primeiro día de outubro o Caderno da crítica incorpora a referencia das novidades editoriais publicadas en lingua galega máis demandadas nalgunhas librarías galegas ao longo dos meses de agosto e setembro deste ano que andamos. Nesta ocasión, a información subministrárona un total de once librarías, entre as que damos a benvida á compostelá Chan da Pólvora. Alén desta última, grazas a Andel e Cartabón de Vigo; Moito Conto da Coruña; Cronopios de Santiago de Compostela e Pontevedra; Lila de Lilith e Pedreira, de Santiago de Compostela; Paz de Pontevedra, Trama, de Lugo; Aira das Letras, de Allariz e Miranda, de Bueu. Retornamos en decembro.

NARRATIVA
1º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia; Miguel Anxo Fernández, Un dente sen cadáver, Galaxia; e Ramón Nicolás, O espello do mundo, Xerais.
2º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
3º-. Manuel Gago, O anxo negro, Xerais.
4º-. Luís Rei Núñez, O encargo do señor Castelao, Xerais.
5º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
6º-. Miguel Anxo Murado, Libro de horas, Galaxia.
7º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
8º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
9º-. Diego Giráldez, Galería de saldos, Xerais.
10º-. Susana Sánchez Arins, seique, Através.

POESÍA
1º-. Antón Blanco, A oseira, Chan da Pólvora.
2º-. María do Cebreiro, O Deserto, Apiario.
3º-. Gonzalo Hermo, Celebración, Apiario.
4º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
5º-. Marcos Abalde, Exhumación, Xerais.
6º-. Xohana Torres, Elexías a Lola, Engaiolarte.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
2º-. Suso de Toro, O país da brétema, Xerais.
3º-. Montse Fajardo, Un cesto de mazás, Autoedición.
4º-. Afonso Eiré, O Piloto, Hércules de Edicións.
5º-. Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (coord.), As Irmandades da Fala (1916-1931), Laiovento.

XUVENIL
1º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
2º-. Fran Alonso (ilustrador Dani Padrón), Contos nerviosos, Embora.
3º-. Agustín Fernández Paz, A neve interminable, Xerais.
4º-. Antoine de Saint-Exupéry, O principiño, Urco (tradución de Rodrigo Vizcaíno).
5º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Justin Richardson e Peter Parnell, Con Tango son tres, Kalandraka.
4º-. Antonio Sandoval e Emilio Urberuaga, A árbore da escola, Kalandraka.
5º-. Fran Alonso, Poemas birollos para ler cos ollos, Xerais.

LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
2º-. Paco Nogueiras e David Pintor, Brinca vai!, Kalandraka.
3º-. Sérgio Tannus e Luís Barbolla (ilustracións), Alegría!, Galaxia.
4º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
2º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
3º-. René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de  Xavier Senín e Isabel Soto), O papiro do César, Xerais.

VARIOS
1º-. Benigno Campos, Peixes e mariscos, Galaxia.
2º-. VV.AA., Luzes de Galiza, nº 33-34.”

A. C. Ergueitos: Espiral Maior e o Fiz Vergara Vilariño

“A Agrupación Cultural Ergueitos comezou no ano 2000 o traballo de deseño e posta en marcha dun premio de poesía que levara o nome do poeta louzarín Fiz Vergara Vilariño. Foi unha decisión tomada dende a xustiza da súa valía poética e dende o afecto. E dende o inicio do proxecto, hai case vinte anos, o concello de Sarria estivo apoiando o premio, fomentando a difusión da poesía e da cultura e poñendo a Sarria no centro mesmo da vida cultural galega.
O Fiz recibiu o cariño do pobo de Sarria dende sempre e tamén iso se lle manifestou dende as institucións foran estas dirixidas por uns ou outros partidos políticos. O Fiz por méritos propios está chamado a ter un Dia das Letras Galegas máis cedo que tarde. E iso tamén importa .
O seu nome asignóuselle a unha rúa sendo concelleira de cultura polo PP Fe Vázquez Morán a finais dos anos noventa do século XX e o Fiz Vergara de poesía comezou a andar con Francisco Pérez como concelleiro de cultura nos inicios deste século, e dende hai 16 anos estivo organizado con gobernos municipais dos diferentes grupos políticos: PP, PSOE, Independentes, BNG… Institucionalizouse. E os labores organizativos recaen na A. C. Ergueitos.
É un premio de poesía que non aspira a máis que a render tributo a un poeta da nosa comarca e dar difusión aos gañadores e gañadoras do certame. Que se prepara con solidez e na procura unicamente da mellor obra de cada edición. Que se recoñece en todos os círculos culturais galegos e tamén é referencia noutros lugares do estado. Un premio que na difusión mesma das bases viaxa até todos os continentes e latitudes e busca manter a conexión coas galegas e galegos que viven no exterior.
O nome dun poeta e da nosa vila viaxan nas palabras até calquera recuncho onde haxa unha lectora ou lector de poesía ou alguén que estude a cultura galega contemporánea. Un proxecto cultural vinculado ao excelente labor dos membros de cada xurado que traballan e len con dedicación extrema para escoller cada ano entre o case centenar de obras que se presentan (superando no número con moito aos recibidos na maioría dos certames convocados) merece un pouco de seriedade.
Reprobar as declaracións dun deputado das Cortes é unha decisión política máis do xogo no que se entra no exercicio da política. Vincular as palabras de Miguel Anxo Fernán Vello co premio de poesía Fiz Vergara Vilariño é un despropósito. Primeiro porque as fixo Fernán Vello no seu nome e non no da editora Espiral Maior (de ser dende a responsabilidade de director da empresa sería outra cousa). E por dicir que sería case infinita a listaxe de empresas que polas declaracións dalgún dos seus directivos ou propietarios terían que ser reprobadas. E segundo e máis importante que o anterior porque Miguel Anxo Fernán Vello non ten responsabilidade na dirección de Espiral Maior dende hai meses. É dicir estase reprobando a Espiral Maior “per se”. A editorial Espiral Maior ten un administrador que non é Fernán Vello, el non forma parte da estrutura da editorial. Así está escriturado e así consta no Rexistro Mercantil. É bo documentarse.
Para reprobar a Espiral Maior deberíanse empregar argumentos que afecten ao cumprimento dos seus deberes neste premio. Da consecución dos compromisos adquiridos e do desenvolvemento do estipulado nas bases. Forma parte das bases que a obra premiada será editada en Espiral Maior porque é unha editorial de recoñecido prestixio, valorada polas poetas e os poetas como a mellor plataforma para chegar ao público lector. Cuns case 300 títulos editados na colección na que se inclúe o Fiz Vergara de poesía e cen máis noutras coleccións. Con 25 anos de dedicación á edición de poesía que fan dela un aval para o premio.
Non só estamos tratando da empresa editorial Espiral Maior. Estamos falando do Premio que nos enriquece como concello e como comarca e que vai unido indefectiblemente ao nome de Sarria.
A poesía, e a cultura están por riba deste debate político. Porque son iso: POESÍA, CULTURA. PALABRA ESCRITA QUE SE FAI VENTO PERO PERMANECE.

MARÍA CASAR.
PRESIDENTA A.C. ERGUEITOS
Sárria 1 de outubro de 2016″

Monforte: Homenaxe a Manuel María

2016_10_01_programa_homenaxe_a_manuel_maria_en_mon

Vigo: Crear+sentir+medrar: obradoiro de creatividade. Scrapbooking, dirixido por María N. Soutelo

O Neves Soutelosábado 1 de outubro, entre as 10:00 e as 12:00 horas, no Espazo Maxiavida (Rúa Troncoso, 26, 3º C), en Vigo, María N. Soutelo dirixe o obradoiro Crear + Sentir + Medrar, co que se anima a achegar ao público, sen medo, a través das manualidades e da escritura, á súa vibrante enerxía creativa e ao riquísimo universo das emocións. O prezo da actividade é de 15 euros, que se pagarían no propio espazo. Máis información aquí.