Entrevista
a Marta Dacosta en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Fío é unha verba constante no poemario [Na casa da avoa], como se repite na historia das mulleres a loita contra o destino.
– Marta Dacosta (MD): O que pretende o libro é construír unha nova idea de muller. A pesar do paso do tempo, nós necesitamos falar da nosa realidade. Recentemente, pasou pola televisión unha serie na que aparecía un personaxe histórico galego, a raíña dona Urraca. Mostrábana como unha persoa manipuladora, mala. Ese é o prezo que paga a memoria desa raíña. Na Idade Media, era unha muller antinatural porque en lugar de deixarse someter, reclamou para exercer o seu dereito como herdeira lexítima. A sociedade quixo impoñerlle o ideal de muller como obxecto. Iso recólloo no último poemario do libro. Aparece como oculta na néboa, fáltannos datos sobre ela.Este é un exemplo de como hoxe prevalecen os prexuízos.
– FdV: Un estudo entre alumnos da ESO en Santiago recolle a dominación machista nas redes sociais con adolescentes.
– MD: Os alumnos son reflexo da sociedade e repiten o que ven. Todas e todos vivimos nunha sociedade determinada, que está enferma de machismo, de patriarcado. Cada un de nós está enfermo. Algúns somos conscientes desa situación. Tivemos que librar as nosas propias batallas para chegar a ese punto. É certo que avanzamos pero tamén é verdade que, ás veces, os medios que temos para transformar a sociedade non actúan para iso. Unha polémica reiterada é como se recollen os feminicidios nos medios. Non se fala claramente de violencia ou asasinato machista. No seu lugar, aparecen eufemismos para ocultar a realidade. Os adolescentes viven nesta sociedade, consumen publicidade? e vemos que a eses ámbitos se traslada o machismo. Non podemos ser etiquetadas de maneira desprezativa.
– FdV: En Na casa da avoa abunda a mitoloxía, como ve a perda no currículo da Filosofía, Grego ou Latín.
– MD: Estannos empobrecendo. Se podemos expresarnos con corrección e ter bagaxe cultural ampla, vai en beneficio noso. A cultura constrúenos como persoas, dános capacidade crítica. Se se nos priva delas somos máis pobres e menos capaces de analizar. Ímonos facendo analfabetos para comprender o mundo.”
Arquivo da categoría: Poesía
Mondoñedo é Poesía 2017
Mondoñedo é Poesía 2017
chega á súa cuarta edición convocando, como nas edicións anteriores, a máis de dúas ducias de homes e mulleres, poetas e músicos, que recitarán e cantarán os seus poemas o día 1 de maio nas rúas, prazas e espazos culturais da cidade.
Esta actividade enmárcase dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas, que se celebran desde 1541 (hai xa 476 anos) en Mondoñedo, cidade creativa e cultural, capital galega da poesía.
ACTIVIDADES PROGRAMADAS
TENDAL DE POESÍA: “Paxaros na cabeza” [Auditorio Pascual Veiga]
Instalación de traballos coordenados polo profesorado con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo e do CEIP Álvaro Cunqueiro.
Horario de visitas: sábado, 29 de abril, e domingo, 30 de abril: de 17:30 a 21:30 horas. O luns, 1 de maio: de 17:30 ata 21:00 h.
OFRENDA-HOMENAXE A EDUARDO LENCE-SANTAR
Cemiterio Vello: Luns, 1 de maio, 17:00 h.
Loador: Armando Requeixo
Con motivo de cumprirse o 25 de abril o centenario do nomeamento de E. Lence-Santar como primeiro Cronista oficial de Mondoñedo.
MONDOÑEDO é POESÍA 2017
Luns, 1 de maio
Nas rúas e prazas coa seguinte orde e horarios:
17:30 h.: Praza da Concello
Daniel Irimia Yáñez, Montse González Álvarez, Marina Oural Villapol, Carmen Pavón Souto e Silvia García. Poema musicado: Paloma Suanzes.
18:00 h.: Praza da Catedral
Antón de Guizán, África Sánchez, Eva García González, Chema Merino e Silvia García Fernández. Poema musicado: Paloma Suanzes.
18:30 h.: Praza Jaime Cabot (ao lado do Auditorio Pascual Veiga)
Carmen Rodríguez Lage, Antón Fortes Torres e Iria Rivas. Poema musicado: Paloma Suanzes.
No Auditorio Municipal Pascual Veiga
De 19:00 a 20:30 h.-Recital poético-musical
Música: Paloma Suanzes.
Regueifas: Trioliro Regueifeiros (Luís “O Caruncho”, Josiño da Teixeira e Bieito Lobarizas).
Poetas: Tamara Andrés Padín, Ana Vila Portomeñe, Xavier Rodríguez Baixeras, Eva Veiga, Miriam Ferradáns Ferradás, Modesto Fraga, Marta Dacosta e Manuel Rivas.
Publicacións*
– Papel de color. Publicación conmemorativa de MONDOÑEDO é POESÍA 2017 con deseño e ilustracións de Antón Caxoto e textos poéticos dos e das poetas e músicos participantes.
*Esta publicación entregarase gratuitamente aos asistentes ao final do recital poético-musical no Auditorio Municipal Pascual Veiga.
Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Patrocina: Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Educación, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo.
Colaboran: Concello de Mondoñedo, CEIP Álvaro Cunqueiro e IES San Rosendo.
Chaves-Verín: Ponte Escrita. 2º Encontro Luso-Galaico de Escritores/as
A Coruña: presentación do crowdfunding Versogramas
Ourense: presentación de Onde a alma é unha chuvia, de Carmen Pereiras
Emma Pedreira: “A estética pola estética non me interesa”
Entrevista
de M. Obelleiro a Emma Pedreira en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Son eses os fobólogos, termo acuñado por ti, dos que falas no teu último libro Bibliópatas e fobólogos?
– Emma Pedreira (EP): A etimoloxía existe, o fobos como un rexeitamento a algo e logo para a palabra. Sería o antónimo ao filólogo, que é quen ten amor polas palabras. Estámolo vendo e vivindo constantemente, existen os fobólogos e as fobólogas, esa xente que che di “no me hables en gallego que no te entiendo”, “yo lo entiendo pero no lo hablo”… Iso é foboloxía, un odio por esa lingua, por esas palabras e unha impermeabilidade total a que ese idioma entre ti. E proliferan, cada día máis.
– SG: O feminismo está presente en toda a túa obra, por que?
– EP: Si, podes ver máis poemas feministas, de corte máis social, que eróticos. A muller sempre está, as devanceiras, a loita no agro… ou os distintos tipos de violencia contra as mulleres. Hai un libro enteiro dedicado ao maltrato que se dá nunha parella e nunca se tivo en conta esa característica. Falamos de críticos que teñen que poñer en valor as características e temas dese libro e deciden que como se di “teta” nun verso é un poemario erótico pero non están vendo que é unha teta dunha muller que está morta porque a súa parella acaba de matala. É unha cousa que me molesta bastante. Aí póñome snob. Eu penso que se a poesía non ten compromiso, non vale para nada. A estética pola estética non me interesa. Temos a potencia da palabra e témola que encher de contido, de compromiso, de loita… que sirva para algo. Gastar 20 euros nun libro de poesía que supoña en ti unha idea de revolución fai que ese libro, ese esforzo, pague a pena. Se non, non me interesa. (…)”
Proxecto A Casa da Xente (Salvemos a Casa de Díaz Castro)
Toda a información sobre este proxecto, aquí.
Arteixo: III Concurso de Recitados Homenaxe a Rosalía de Castro
Celébrase a terceira edición do concurso de recitados en homenaxe a Rosalía de Castro, que está organizado pola Rede Municipal de Bibliotecas do Concello de Arteixo e que será o broche de ouro a unha serie de actividades coas que conmemoran o mes do libro. Serán 12 participantes, de entre 8 e 12 anos, que levarán un libro de poesía como agasallo e a persoa premiada recibirá un libro electrónico. A encargada de conducir o acto será Ana Hermida, quen ademáis renderá homenaxe ás tres figuras máis representativas do Rexurdimento: Rosalía, Curros e Pondal.
A cita coa poesía será o martes 25, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 18:30 h. e a entrada é libre e gratuíta.






