Fran Alonso presenta o seu novo poemario Terraza

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O poeta vigués Fran Alonso visita o ZigZag Diario para falar do seu libro Terraza, un poemario que aborda o paso do tempo desde a visión crítica dun home que contempla a vida desde a terraza dun bar mentres escribe poemas. Neste traballo o autor fai un aceno ás novas tecnoloxías ao incluír códigos QR nalgún dos poemas, que remiten a outras das súas creacións literarias. Por exemplo, a seguir os seus versos na rede, como os que compoñen o libro Estado de Malestar, que está a construír en Twitter. Pode accederse á entrevista aquí.”

“Palmira G. Boullosa, in memoriam”, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Soubemos da noticia do falecemento de Palmira González Boullosa o pasado 9 de febreiro e da preparación dun acto de lembranza para o vindeiro mes de maio. Mestra, escritora e lectora letraferida, Palmira foi unha das pioneiras esquecidas da Literatura Infantil e Xuvenil galega, tanto polo seu traballo como folclorista. moi atenta a recuperación da tradición oral, coma polas súas sorprendentes novelas de fantasía, na mellor tradición artúrica. Deuse a coñecer cos seus volumes de folclorista para os picariños, Adiviñas (1985), Mentiras (1986), Arrolos (1986) e ¿Quen panda? (1986), publicados por Galaxia na súa colección Tartaruga, que tanto e tanto utilizamos nas nosas clases de Preescolar de finais dos oitenta. Gañadora da segunda edición do premio Merlín pola novela A princesa Lua e o enigma de Kián (Xerais, 1988), á que seguiu Brandón, fillo de Ferreol (Xerais, 1993), traballaba devagariño en Brixit e Xenevra, co que remataría a triloxía, que bautizou de Cumiodouro.
Xaora, en Xerais lembraremos sempre a Palmira por Cando o rei por aquí pasou (1997), un libro fermosísimo (hoxe unha auténtica alfaia de bibliófilos), no que antologou os seus cadernos de folclore galego de toda unha vida e ilustrou con fermosas mariquiñas da que era coleccionista. Sabemos que deixa un extraordinario romanceiro galego inédito, que non quixo publicar, desque algún crítico dubidou da existencia do xénero na nosa lingua. Poeta serodia, en 1992 obtivo o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Asoladamente, o teu nome. Comprometida sempre coa renovación pedagóxica, foi, xunto a Mari Luz Liste, fundadora do Colexio Andersen e profesora do centro até 1987, onde puxo en práctica boa parte das súas ideas educativas sobre a lectura. As súas guías de lecturas para o Nadal constituíron un modelo de colaboración do centro educativo e as familias no fomento da lectura. Mestra das pombas e das palabras, nunca esqueceremos as súas frecuentes preguntas reflexións nas nosas presentacións en Librouro ou na Casa do Libro. Lembrarémola con saudades. Con todos os abrazos para as súas fillas.”

Compostela: presentación de Poemas de Amor en Outono, de Toño Núñez

O xoves 9 de marzo, ás 20:00 horas, na Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Toño Núñez presenta o libro Poemas de Amor en Outono. Acompañarano Armando Requeixo e Nacho Alonso. Tamén recitarán os poetas Antom Laia, Ánxela Gracián, Eva Xanim, Iolanda Aldrei e Xesús Manuel Valcárcel. O cantautor Miguel Alonso dará as notas musicais.

Tabela dos Libros de marzo de 2017, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

O Pergameo Vindel exporase finalmente no Museo do Mar

Desde Sermos Galiza:
“Un dos acontecementos máis agardados do 2017 era o regreso do Pergameo Vindel a Galiza como parte dunha exposición e un congreso sobre o tema. Pero o asunto paralizárase por mor das desavinzas entre Concello de Vigo e Universidade. O que inicialmente se anunciara como unha exposición no Marco, titulada Os tesouros da cidade, pasará ao Museo do Mar de Vigo (propiedade da Consellaría de Cultura) e chamarase Berce da nosa cultura.
Entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018 o pergameo, documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martin Codax, regresará a Vigo. A obra, que xunto ás sete cantigas de amor de Dom Dinis é a única mostra atopada ata o momento da canción profana galego-portuguesa, será o eixo central da exposición Berce da nosa cultura que terá lugar no Museo do Mar de Galicia en Vigo durante cinco meses, nos que en paralelo se desenvolverá un completo programa de actividades académicas, culturais e de divulgación da época e da obra do trobador. (…)
O documento orixinal das cantigas de Martin Codax exporase no Museo do Mar situado en Alcabre, nunha furna climatizada, deseñada expresamente para a ocasión, que se localizará nunha sala de 200m2, na que se realizará a obra necesaria para garantir a conservación e a seguridade do pergamiño, garantindo ademais as óptimas condicións espaciais e lumínicas. Ademais de acoller o Pergameo Vindel o Museo do Mar disporá dun espazo especialmente acondicionado no que se desenvolverá a exposición Berce da nosa cultura, comisariada polo historiador Francisco Singul, con obras vencelladas ao documento, ao mar, aos trobadores galegos, a súa obra e a súa época. Eventos académicos, musicais e de divulgación, especialmente dirixidos ao estudantado de ensino primario e secundario, conformarán o programa de actividades que se desenvolverán ao fío do regreso do Pergameo a Vigo.”

Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres (II)

O acto central do Día de Rosalía 2017, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO, tivo lugar o domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Negra Sombra.

Lectura de poemas rosalianos, con Larraitz Urruzola (Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG), César Goldi (AAAG), Federico Pérez (AAAG), Josi Lage (AAAG), Ricardo de Barreiro (AAAG), Andrea Dunia (AAAG) e Mercedes Queixas.

Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Has de cantar.

Ofrenda floral e interpretación do himno.

A Coruña: Sempre a barlovento, homenaxe a Serafín Mourelle

O sábado 4 de marzo, ás 21:00 horas, no Bar A Chencha (Rúa San Xosé, 2, bis), na Coruña, o colectivo In nave cívitas fai un chamamento a todas as xentes, en especial ás do mar, para que se acheguen con poemas, textos, ou simplemente a render homenaxe a Serafín Mourelle, Premio Mestre da Memoria 2017 da AELG.