Miguel Mato: “A miña xeración está formada por anxos da derrota”

EntrevistaMiguel Mato de Carme Vidal a Miguel Mato:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por que demorou a súa volta á poesía?
– Miguel Mato (MM): Non tardei en volver á poesía, senón en publicar. Escribo continuamente, mais, para sacar un novo libro, tenme que gustar; ten que responder a algo que está dentro de ti. Por outra parte, gustaríame publicar ensaio e narrativa, mais non é doado. En especial para min, que escribo relato. A realidade é así: quixera publicar; porén, non existen moitas ocasións.
– SG: En cambio, cónstame que desde Caldeirón, insistiron para que publicase este novo libro de poesía [Terra fría].
– MM: Así foi. Paco Souto tiña desexos de publicar un libro meu, e eu tamén de o facer con Caldeirón, porque é un proxecto no que o amor ao libro se nota. Alén da amizade, e que é unha editora de Malpica, a miña terra, estou feliz e agradézolles moito que mo ofrecesen. Eu non me atrevía a pedirllo, porque sei que publicar un libro é un esforzo, e teño consideración con quen inviste e fai esforzos económicos para a creación de cultura. Ponme moito respecto.
– SG: Se cada libro responde a un momento, que explica o nacemento de Terra fría?
– MM: Considero que é unha continuación de O whiskey na barrica, mais trátase dun libro máis sombrizo. Non é xa esa visión case arcádica, nostálxica e luminosa, senón algo máis amargo e pesimista. Deixa ver a consciencia do paso do tempo; das mudanzas que traen horizontes máis escuros. É unha visión pesimista sobre o mundo, sobre desexos frustrados e soños colectivos que non se cumpriron. Tamén a preocupación polo estado da lingua, moito máis ca unha ferramenta de traballo, a memoria da historia colectiva do país. Manuel María dicía que cando se perde unha lingua o mundo empobrece. O libro expón unha visión dun mundo que se esnafra contra unha curva sen ver o sinal de stop.
– SG: Esa sensación de derrota e desastre é un signo xeracional?
– MM: Compartido con poetas como Ramiro Fonte, Forcadela, Miguel Anxo Fernán Vello ou o mesmo Manuel María, unha referencia ética na concepción de como debe estar o poeta no mundo, da percepción do país a través da lingua, de talante ecoloxista e conservacionista.
– SG: Cita nomes cos que compartiu hai trinta anos o grupo De amor e desamor. Mudou o entusiasmo de entón en pesimismo?
– MM: Convivimos con formas de cultura que a xeración anterior non coñecera, como o rock, unha poesía moi desenganada. Este libro, poño por caso, inspírase nun tema de Tom Waits. Somos, en certa medida, anxos da derrota. Antes saïamos dunha época hostil e abríase unha etapa de esperanza, e agora volvemos a un tempo duro. (…)”

Lugo: actividades destacadas na Feira do Libro o xoves 14

OFeiras do Libro 2015 xoves 14 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. Dentro das súas actividades, destacan:

19:00 h. Presentación dos libros Modelos de lingua e compromiso e A poesía oculta de Filgueira Valverde, publicados en Baía Edicións, coa presenza do encargado da edición do primeiro, Xosé Manuel Sánchez Rei, e o autor do segundo, Xosé Ramón Freixeiro Mato, xunto a Marica Campo.
20:00 h. Recital de poesía, presentado por Eva Xanín e José Estévez, coa participación de: Beti Arias, Evinha de la Torre, Xosé Luís Louzao, Chus Amieiro, Manuel Germade, Adela Figueroa, Ramón González, Conchita Paz, Serxio Aller, Luisa Paz, Manuel Celso Matalobos, Ana P. Croas, Jesús Trashorras, Luisa Arias, José Pedreira, Ana Vila, Paco Ledo e Iria López. A actuación musical, correrá a cargo do grupo Pandereteiras da Lúa. No mesmo acto, terá lugar a presentación do libro Xoel, do escritor José Estévez, publicado por Redelibros.

O Couto, Ponteceso: actos destacados no Festiletras o xoves 14 de maio

OFestiletras 2015 xoves 14 de maio continúa a edición de 2015 do Festiletras, cos seguintes actos literarios destacados:
11:00 h. Na Biblioteca Municipal, obradoiro de poesía a cargo de Yolanda Castaño.
20:00 h. Xurxo Souto e Pazos de Merexo (con degustación gastronómica, Taberna Agra de Mares).

A Coruña: presentación de Invenção do Mar, de Jenaro Marinhas del Valle

AJenaro Marinhas del Valle quinta feira 14 de maio, ás 20:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32) da Coruña, preséntase Invenção do Mar, de Jenaro Marinhas del Valle, publicada na Academia Galega da Língua Portuguesa. No acto participan José António Lozano, Pablo González Mariñas e António Gil Hernández.

Ribadeo: presentación de Atravesar o fantasma, de Carlos Callón

OCarlos Callón luns 11 de maio, ás 20:30 horas, na Libraría Casa das Letras de Ribadeo (Rúa Rodríguez Murias, 8), preséntase o libro Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, publicado en Xerais, nun acto organizado pola A. C. Francisco Lanza.