Compostela: presentación de Exhumación, de Marcos Abalde

OMarcos Abalde xoves 22 de setembro, ás 20:00 horas, en NUMAX (Rúa Concepción Arenal, 9), en Santiago de Compostela, preséntase o poemario Exhumación, de Marcos Abalde, Premio Lueiro Rey 2016, publicado por Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Irma Amado e Manuel Bragado.

Compostela: Vou pola Ponte Ledesma, recital de Isaac Xubín

OIsaac Xubín mércores 21 de setembro, ás 20:15 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Isaac Xubín ofrecerá unha pequena antoloxía persoal, onde, ademais dun percorrido polas súas propias creacións, recitará textos doutros autores que lle gustan ou que tivo a oportunidade de traducir: Gabriel Aresti, Joseba Sarrionaindia, Xosé Luís Méndez Ferrín, Chus Pato, Xuan Bello… «Do que non hai dúbida é de que o recital tratará sobre a viaxe e o concepto de identidade», afima o autor.

Luz Pichel: “Onde está mal visto o galego é en Galicia. O inimigo está dentro, non en Madrid”

EntrevistaLuz Pichel de Montse Dopico a Luz Pichel en Praza:
“(…) – Praza (P): Dedica tra(n)shumancias á familia, que é de migrantes. En realidade, todos os seus poemarios están marcados por iso. Pola emigración.
– Luz Pichel (LP): Porque pertencer a unha familia migrante condiciona toda a vida. Eu medrei sen nai, porque estaba emigrada. Iso condiciónate moito. Non podes deixalo atrás. Ademais, eu tamén fun migrante. Marchei da aldea aos 12 anos, para estudar nas monxas, e para min foi peor que despois, cando marchei para Madrid, ou cando marchei de Madrid para Londres. Deixar unha aldea de 20 habitantes do corazón de Galicia para ir a un colexio de “señoritas” foi moi duro. Agora, unha filla miña acaba de volver de París, onde estivo catro anos traballando. A emigración, o exilio, son temas que hai que tratar se tes unha mínima conciencia. Non hai moita diferenza entre o que vivín eu, o que viviu a miña filla ou o que viviron miña nai ou meus irmáns. Iso faiche pensar que as cousas non cambian. E por iso no libro hai unha fusión de tempos, de lugares, de linguas. (…)
– P: Di María Salgado no epílogo de Cativa en su lughar que arma nos seus poemas unha “internacional queer”, unha “alianza política de raritxs excluídxs do poder”. A subalternidade é, no fondo, a posición que guía a súa escrita.
– LP: Si. Todo o que tende a quedar fóra, a non ser considerado. Por ese mesmo motivo reivindico a gheada. Tamén me axuda o feito de vivir fóra, porque o vexo todo cunha distancia. Penso que a parte fonética, a prosodia… foron e están sendo esquecidas como se só o léxico fose importante. E tamén niso hai subalternidade. O acento galego, o acento marcado das aldeas, considérase inferior. O mesmo pasa con algún aspecto da fonética. (…)
– P: En Cativa en su lughar fala de axuste de contas coa lingua e coa historia. Había que escribir en galego, por perto/lonxe que estivese. Por que?
– LP: O de axuste de contas era porque era unha especie de vinganza… contra min mesma. Durante moito tempo non quixen saber nada do galego estándar, porque creo que non o fixeron ben. Meu pai era un labrego intelixente, esperto, poeta. Unha vez viu na televisión unha señorita falando sen acento e meu pai dixo que ela si que falaba ben. Doeume moito. Esa dobre diglosia, que non é só entre castelán e galego. É entre galego estándar e galego común. Un galego contaminado no léxico, é verdade, pero moi defendible desde moitos outros puntos de vista. Por iso eu escribía en castelán. Escribindo Casa pechada, descubrín que a miña lingua poética en realidade era o galego. Por iso en El pájaro mudo e en La marca de los potros o que hai en realidade é máis ben tradución, sempre buscando a fórmula máis próxima ao galego. A contradición, claro, estaba aí, e para superala escribín Casa pechada en galego estándar. Iso permitiume tamén entender un pouco como se fixera a norma e reconciliarme, aínda que fose un pouco, con ela. (…)”

A Coruña: presentación de Auga a través, de Dores Tembrás, e proxección de Os días afogados, de Luís Avilés e César Souto

ODores Tembrás sábado 17 de setembro, ás 18:00 horas, no CGAI (Rúa Durán Loriga, 10, baixo), na Coruña, terá lugar a presentación do micropoemario Auga a través, de Dores Tembrás, nun acto que contará coa presenza da autora acompañada de Antía Otero, da editorial Apiario. Xunto a elas, os cineastas Luís Avilés e César Souto falarán sobre a vinculación co seu filme Os días afogados, que será proxectado no mesmo acto.

Obradoiros impartidos por Antía Otero e Dores Tembrás desde Apiario 2016-2017

Antía Otero Dores e Antíae Dores Tembrás imparten os seguintes cursos e obradoiros desde Apiario para 2016-2017 (pode accederse á información completa en cada ligazón):

Cursos on-line (Cartografías literarias, de misterio e técnicas).
Cursos Apiario na Coruña.
Obradoiros en centros de ensino.

Compostela: presentación de Auga a través, de Dores Tembrás, e estrea de Os días afogados, de Luís Avilés e César Souto

ODores Tembrás venres 16 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Numax (Rúa Concepción Arenal, 9, baixo), en Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do micropoemario Auga a través, de Dores Tembrás, nun acto que contará coa presenza da autora acompañada de Antía Otero, da editorial Apiario. Xunto a elas, os cineastas Luís Avilés e César Souto falarán sobre a vinculación co seu filme Os días afogados, que será estreado ás 22:00 h.