Carlos Callón: “Non hai forma de vivir sen feridas. Ou tes feridas, ou non tes vida”

EntrevistaCarlos Callón de Montse Dopico a Carlos Callón en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Por que o título Atravesar o fantasma?
– Carlos Callón (CC): Nun dos paratextos do libro puxen, a xeito de brincadeira, “(e aquí iría unha cita de Lacan)”. Tamén é unha maneira de colocar algo de humor antes de tanta transcendencia. A psicanálise de Lacan paira despois pola obra enteira. Atravesar o fantasma é un concepto lacaniano. É o camiño que na psicanálise se percorre polo que nos determina na vida. É, dunha banda, o que nos contamos a nós mesmos da nosa propia vida, -o fantasma consciente-.
Atravesar o fantasma é ver o mundo doutra maneira. Tamén ten unha parte inconsciente, relacionada cos soños que todas e todas temos. Os soños que ás veces parécenos que non teñen que ver coa vida,e que nos conmoven especialmente. Hai poemas, no libro, que obedecen a unha situación biográfica concreta. Outros poderían responder máis aos significantes que aparecen nos soños.
– MD: Así que che interesa a psicanálise, como che interesaba a historia da homosexualidade, que te levou a escribir Amigos e sodomitas.
– CC: Curiosamente, eu coa psicanálise comecei sendo moi crítico. Cando Chao Rego escribiu A condición homosexual, eu sacara unha reseña que se titulaba: “Unha vela a Deus e outra a Freud”. Felicitaba o autor polo adianto que supoñía o libro no panorama ensaístico galego, pero criticaba a psicanálise. Eu daquela tiña prexuízos: que Freud era machista e todo iso. Coa práctica clínica lacaniana comprendín moitas cousas.
Transformou a miña maneira de vivir e de ver o mundo. É verdade que nos ambientes culturais, coñécese moitas veces a Lacan polo que Žižek di del, que non é a mellor maneira de coñecelo. A psicanálise, si, é un dos meus grandes intereses desde hai anos. Penso que pode mellorar moito a vida das persoas.
– MD: Esperaches para publicar os teus poemas ata que cumpriches 35 anos. Por algún motivo especial?
– CC: Ata hai uns días non tiña resposta para esa pregunta. Mais matinando din co concepto de contratransubstantación. A transubstanciación é un concepto católico, do momento da Eucaristía no que o sacerdote colle o pan e o viño, o corpo e o sangue de Cristo. E hai que ter en conta que, para a Igrexa, isto non é unha metáfora, senón algo real. Mesmo morreu moita xente por discutir isto.
A cuestión é que houbo momentos na miña vida que estiveron cargados de dor, como cando morreu meu pai sendo eu un neno. Coa psicanálise conseguín deixar atrás o pan deusizado, facelo pan comestible. Sabendo que a ferida continúa, pero doutra maneira. Non hai forma de vivir sen feridas. Ou tes feridas, ou non tes vida. Iso é o que di o último poema do libro. Nesta obra falo de cousas que me produciron moita dor. Cousas das que agora xa podo falar. (…)”

Marta Dacosta reedita en formato dixital Cinsa

Marta Dacosta Marta Dacostareedita o seu libro Cinsa, actualizado en edición do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) realizada por Miguel Anxo Mouriño. Trátase dunha edición dixital que pode ser descargada de balde. Cinsa foi escrito hai once anos e concibido como unha especie de álbum de poemas en que ás veces hai unha anotación gráfica: fotografías actuais realizadas por Alfredo López, Tokio, ou a propia autora; imaxes antigas ou o debuxo titulado “Cronopio e tartaruga” de Aldán López Dacosta. Neste enlace pódese descargar o libro.

A Coruña: presentación e recital-concerto sobre Sefer Sefarad, de Pedro Casteleiro

OPedro Casteleiro Sefer Sefarad sábado 14 de marzo, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, terá lugar un recital-concerto sobre o libro de poemas Sefer Sefarad, de Pedro Casteleiro, publicado por Azeta Edicións. No acto, xunto ao autor e os músicos Eduardo Méndez Baamonde, Ignacio Sardiña e Iñaki Tomás, participan François Davo, Alfredo Ferreiro, Mário Herrero Valeiro, José António Lozano, Tati Mancebo, Luís Mazás e Ramiro Torres.

Vigo: presentación do libro Silêncio da Gaveta, do número 5 da revista Elipse e recital poético

Ocapa elipse5 sábado 14 de marzo, ás 22:00 horas, no Café UF de Vigo (Rúa do Pracer, 19), terá lugar o Círculo Poético Aberto do mes de marzo. Terá lugar a presentación do libro colectivo Silêncio da Gaveta e do número 5 da revista Elipse. Despois haberá o habitual recital poético, aberto á participación do público.