O luns 15 de decembro, ás 19:30 horas, na Librería Alberti (Rúa Tutor, 57) de Madrid, terá lugar unha conversa de Yolanda Castaño con Elena Medel arredor de A segunda lingua, co gallo da publicación da edición bilingüe da obra en Visor Libros. A foto da autora é de Pedro Castro.
Arquivo da categoría: Poesía
Compostela: presentación de ColeccionAN. 69 poemas de amor, de Alfredo Conde
O luns 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios de Santiago de Compostela (Rúa Alfredo Brañas, 24), preséntase o libro de poemas ColeccionAN. 69 poemas de amor, de Alfredo Conde, publicado en Trifolium. No acto, xunto ao autor, participa Armando Requeixo.
Como le a artista Teresa Búa? A reinterpretación do poemario Ningún amante sabe conducir, de Rosalía Fernández Rial
Desde Sermos Galiza:
“(…) Na mostra Do papel ao xesto do Culturgal participa Teresa Búa (Muxía, 1991) unha artista que realiza unha “interpretación gráfica” por así dicilo, pero que vai máis alá baseándose nun poemario de Rosalía Fernández Rial. A combinación da poesía coa obra plástica de Teresa consegue mirar e entender o que nos contan dunha maneira máis intimista e nova. É grato ler relatos e sentirmos identificados, ou sentir conexión cun tema musical cando o escoitamos. “É que me aconteceu algo parecido…” di algún. “É que esa personaxe é tal cal…” (…) din outros.
A creatividade da artista non ten acotacións nin tenta traducir a poesía de Rosalía, mais a forza do poema é elevada á máxima potencia se observamos a imaxinería que compon Teresa ao redor do libro Ningún amante sabe conducir (Ed. Positivas 2014) como tema de partida. A artista recolle a estética do fragmento e do mundo surrealista. A collage e a fotografía que xa facía Búa nos seus traballos anteriores adáptase á perfección co esquema dun poema. Anacos inconexos ás veces, libres de interpretar por cada quen.
“É o desexo como instinto, unha paixón irracional, na que a voz lírica parece ás veces que se volve un pouco louca…” di Rosalía a autora dos poemas, que viu na obra de Teresa unha simboloxía axeitada ao seu pensamento poético.
Fai entón a artista unha peza instalativa: postais, gravados, collages fotográficas utilizando diversas cámaras (estenopeicas, dixitais, analóxicas…). Na identificación máis esixente co poema, pasa a ser ela a propia protagonista, con obras de tipo performance como na serie “Acercándome” (collage dixital), onde semella que a liña da carreteira divide o corpo de Teresa de forma simétrica. Dous ollares persoais en diferentes linguaxes. Nas palabras da artista:
“Ao acabar a representación do poemario reuninme con Rosalía Fernández e as súas palabras foron gratificantes: “Vexo os meus poemas un a un expresados na túa obra, eu fixen os escritos e ti traducíchelos graficamente!” Supoño que é un dato a destacar xa que ninguén mellor que ela coñece a súa obra, pero agora xa somos dúas. A colaboración foi frutífera.“ (…)”
A Coruña: recital poético-musical no 25 cabodano de Miguel González Garcés
O venres 12 de decembro, ás 19:45 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar un recital poético-musical en lembranza do escritor Miguel González Garcés, o mesmo día no que se conmemora o vintecinco cabodano.
O acto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coa colaboración da Biblioteca, contará coa intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, e estará coordinado e presentado por Francisco X. Fernández Naval. Participan:
– Luz Pozo Garza.
– Xulio López Valcárcel.
– Lino Braxe.
– Olga Patiño.
– Miguel Mato Fondo.
– Estíbaliz Espinosa.
– Manuel Rivas.
– Miguel Anxo Fernán-Vello.
– Ánxeles Penas.
– Xavier Seoane.
– Manuel Álvarez Torneiro.
Coa música de César Morán e Xosé Taboada.
MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS (A Coruña, 1916-1989), é unha das voces poéticas máis singulares e senlleiras que deu a cidade da Coruña. Poeta, articulista, dinamizador cultural, a súa figura está vinculada ás de Urbano Lugrís, Antón Avilés de Taramancos ou Manuel Álvarez Torneiro, pero tamén a autores das xeracións posteriores, escritores máis novos cos que sempre mantivo unha relación de interese e de amizade.
Foi director da Biblioteca Pública do Estado na Coruña -hoxe de xestión compartida coa Xunta de Galicia- que leva seu nome, como o leva a rúa na que está situada. Historiador e cronista da Coruña, foi o presidente da Asociación Cultural Iberoamericana.
Autor dunha ampla obra, escrita en castelán primeiro e en galego a partir da década dos sesenta, a súa é unha literatura dos sentidos, da alegría de vivir, do cotián, na que a cidade está sempre presente.
Madrid: presentación de Esferografías do Grupo Bilbao e A seiva calcinada, de Alberte Momán
A Guarda: presentación de Argola, de Marta Dacosta
Ferrol: presentación de Escolma salvaxe. Ferrol, 2007-2013
Pontevedra: presentación de Carne Crua, de Augusto Fontám
Compostela: presentación de Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre
O xoves 11 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Berta Dávila e Manuel Bragado.
Compostela: inauguración da mostra As palabras habitadas, de Baldo Ramos
O xoves 11 de decembro, ás 20:30 horas, na Galería Terra de Sombra (Rúa Fernando III, O Santo, 22) de Santiago de Compostela, Baldo Ramos inaugura a mostra As palabras habitadas. No acto haberá un pequeno recital poético do autor acompañado pola guitarra barroca do músico Víctor Blanco.