Entrevista
de Montse Dopico a María do Cebreiro en Praza:
“(…) – Praza (P): “No deserto hai oasis e espellismos. O principal traballo/ de toda vida humana é aprender a recoñecer/ a diferenza. Non é doado”. Neste, e noutros poemas, o deserto está conectado coa idea da humanidade, coa forza precisa para vivir. Por que? Que é o deserto en O Deserto?
– María do Cebreiro (MC): Tendemos a imaxinar o deserto como un lugar alleo á comunidade, pero a min atraíame a idea do deserto como estímulo para a concepción de comunidades alternativas ás existentes. Polo tanto, o deserto non sería tanto un espazo despoboado como un espazo que impugna a orde habitual da existencia. Nese sentido fóronme de axuda certas lecturas e certas imaxes, entre as que agora destacaría as ideas de Roland Barthes sobre as “comunidades idiorrítmicas”, compostas por persoas que traballan con ritmos singulares, que comparten un lugar pero tamén unha soidade. Dalgún xeito o deserto para min é a posibilidade de compartir a soidade, de cruzar a miña soidade coa dos outros. (…)
– P: “O amor pide guerreiros, persoas afeitas/ a vivir en condicións estremas ou, pola contra, febles. Non tanto para os poñer a proba/ como para sacar á luz a súa potencia oculta”. E despois “por iso flúe conmigo, pura paixón do poema, porque eu non nacín máis que para escribir e ser escrita”. Que é o amor en O Deserto? Por que se relaciona co deserto como plenitude?
– MC: Cando escribín o meu primeiro libro tíñalles medo aos poemas de amor, parecíame que era dificilísimo escribilos sen caer no lugar común. Co tempo comprendín que o amor é a mesma forza que move a escrita. Entendido no sentido amplo no que coido que debe ser entendido, é o que nos impulsa a crear, e tamén a cuestionar os límites que nos condicionan socialmente e os límites cos que nos condicionamos a nós mesmos. No nivel imaxinario, conecto o deserto coa idea do infinito. A potencia amorosa, entendida como unha experiencia de verdade e de lealdade que que nos transforma, carece para min, como o mesmo deserto, de forma e de medida. É incalculable, e por iso non ten que ver coa posesión ou o control, senón coa capacidade de entrega e a liberdade. (…)
– P: Algo máis que queiras salientar de O deserto ou da súa relación co resto dos teus libros? (Ou do cine, por exemplo, que aparece moito).
– MC: Vivín varios anos cun mozo para o cal as imaxes son moi importantes, diría mesmo que forman parte do seu xeito de sentir e de estar no mundo. Todo iso, a través da convivencia, desa experiencia exacta das cousas e da medida das sensacións que che dá o corpo a corpo cunha persoa, vai apousando en ti, e felizmente xa nunca te abandona. N’O Deserto é importante a idea de que o que nos dan os demais vai para alén do que procuramos neles ou do que eles nos tentan dar. Unha vez remata a convivencia, no mellor dos casos pode ter lugar unha destilación que deixa vivas dentro de nós todas as razóns polas que aquela relación foi posible algún día, a pesar do seu remate.
Noutras palabras, aquilo pasa a ser algo que nos conforma, que fica literalmente incorporado ao que somos. Considérome moi afortunada porque isto que tento expresar aquí, a partir da vida en parella, é algo que aprendín na casa desde cativa. Hai anos, cando dicían da miña poesía que era “culturalista” soábame moi estraño. Grazas a meus pais tiven a sorte de entender que a literatura non era tanto un oficio como unha paixón, e que non tiña que esforzarme por chegar a ningures, senón por serlle leal á herdanza que recibira. Por máis sorprendente que resulte (e son consciente de que en moitos sentidos o é), os libros eran o meu horizonte familiar, dun modo moi físico. As paredes da casa familiar estaban, centímetro a centímetro, cubertas de libros. Para min, onte e hoxe, os libros non son máis que aquelas cousas que os meus pais tanto querían e que tanto me aprenderon a amar.”
Arquivo da categoría: Poesía
Noia: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez e fotografías de Ignacio Castro, “Nachok”
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o xoves 5
Do
19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o xoves 5 de maio:
– 18:00 h. A palabra une. Galicia e Arxentina. Recital poético con Miguel Anxo Fernán-Vello. Stand.
– 20:00 h. Presentación de Os kowa, de Xavier Queipo, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, interveñen Carlos Brandeiro e Xavier Alcalá.
– 21:30 h. Compostela Colateral. Charla nocturna sobre novela negra: Resignificando o xénero. Diego Ameixeiras en diálogo con Kike Ferrari. Centro Cultural Matienzo (Sala Buenos Aires).
Compostela: actos destacados do xoves 5 na Feira do Libro
O
xoves 5 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Lateral da Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 11:00 h. Inauguración da exposición A Historia da Literatura Fantástica, por Urco Editora.
– 19:00 h. Memorias contadas. Homenaxe a Neira Vilas, espectáculo de humor con Cándido Pazó.
– 20:00 h. Presentación da Antoloxía poética de Manuel María, a cargo de Darío Xohán Cabana, publicada en Galaxia. Con Víctor F. Freixanes.
Lugo: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez e fotografías de Ignacio Castro, “Nachok”
O
xoves 5 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Gato Neghro (Rúa San Roque, 32), en Lugo, preséntase o libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro. No acto haberá un recital poético con imaxes e música en directo que correrá a cargo de Belén Bermejo e Andrés Díaz.
Libros conversos: diálogo entre a plástica e a poesía
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Unha mostra de Baldo Ramos e Xosé María Álvarez Cáccamo que se pode visitar no Museo do Pobo Galego. A entrevista pode verse aquí.”
Compostela: presentación do número da Revista Galega de Educación sobre Ensinar… non sen a poesía
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o mércores 4
Do
19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o mércores 4 de maio:
– 19:00 h. Presentación de Historia do pensamento galego contemporáneo, de Marcelino Agís Villaverde, publicado pola Deputación da Coruña. Stand.
– 20:00 h. Compostela Colateral: Lampíricos, performance poética de Antón Lopo. No Centro Cultural Matienzo (Salón Grande).
– 20:00 h. Presentación de Las aventuras del Capitán Duchesnoy, tradución de O paso do noroeste, de Xavier Queipo, publicado por Ézaro. Presenta o acto Xavier Alcalá. Stand.
– 20:30 h. Presentación de Huinca Loo, de Xavier Alcalá (Ed. Mar Maior), versión en castelán de Nos pagos de Huinca Loo. Presenta o acto María Rosa Lojo. Sala Haroldo Conti (Pavillón amarelo).
– 21:00 h. Proxección de A cicatriz branca, de Margarita Ledo. Sala Gaumont.
De como acontece a fin do mundo, por Rosa Enríquez
Artigo
de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Pareceume que escribir sobre un libro de poemas, aínda pendente de publicación, podería ser ben interesante. Estamos afeitas a ler reseñas de textos que xa saíron á luz. O obxectivo destas reseñas, fundamentalmente, é crear un interese na comunidade lectora, que, de o desexar, adquirirá o libro en bibliotecas ou librarías. No entanto, ao tratar de nos achegar a un poemario aínda inédito, a pregunta aparece no aire. Ten sentido escribir sobre algo que non pode ser ler lido polas lectoras ou lectores? Ao meu ver, si. É posíbel xerar expectativas igualmente. Neste caso en concreto, a miña pretensión, alén do interese que, modestamente, puidese suscitar con esta lectura persoal, é, por riba de todo, dar conta do diálogo interno que os poemas de Charo Lopes provocaron en min. Daquela, poño en valor, as reflexións que os seus versos inspiran, que, por outra banda, non teñen por que ser partillados, a posteriori, polas persoas que, no momento da publicación, decidan achegarse ao libro. Unha vez aclarado isto procederei a expor a miña visión sobre o poemario. Para iso, comezarei, non tanto polo título, De como acontece a fin do mundo, mais sobre as citas elixidas, alén de facer visíbeis os eixos nos que Lopes sustenta o seu discurso poético.
Desas citas iniciais, parécenme interesantes, por riba de todo dúas. A de Tjiske Jansen (1971), unha poeta holandesa, que eu descoñecía, tamén escritora de contos e actriz. A cita que Charo Lopes escolleu, é ben acaída, xa que nela se cuestionan esas verdades asumidas, transcritas en contos populares, ou mitos, que conforman o noso imaxinario. Selecciono pois, entre os versos citados, o seguinte: “Gosto de Ícaro que sabía que a cera iría derreter e no entanto voou en dirección ao sol”. Creo que, normalmente, poñemos o foco na imprudencia de Ícaro, nesa actitude temeraria de pretender voar cunhas ás domésticas, que derreterían ao achegárense ao sol provocando unha caída en picado. Directa ao abismo. Que significa ese sol contra o que se dirixe o protagonista deste mito? Podería ser interpretado coma un territorio de plenitude? En certo xeito si poderiamos velo así, na medida en que a luz é vista, no mundo occidental, como un espazo de boa enerxía, que favorece a realización persoal, que nos dispensa alegría. Entendemos entón, de maneira implícita, que a “cantidade de sol” que consigamos introducir nas nosas vidas servirá como medidor desa ledicia arelada, asociábel ás conquistas humanas como a solidariedade, a capacidade de loita, a defensa do propio. Porén, esta luz solar, tan vigorosa, non garante a plenitude, porque non existe tal luz, sen o seu contrario, a sombra. A pertinencia desta sombra é algo que fica pois no aire e que, dalgunha forma, cumpriría poñer en valor. Penso que Tjiske contempla a posibilidade da sombra, non só como contraste, mais como factor imprescindíbel no feito de querermos dar un salto. Digamos que esa sombra, na súa condición de ausente no voo de Ícaro cara a luz, constitúe o verdairo interese de Tjiske Jansen. Isto, consciente, ou inconscientemente, é recollido pola poeta galega, que, en todo o que escribe, retrata, fundamentalmente, eses espazos de grisalla ocultos, mais reveladores do noso estado de cómoda indiferenza. Interesa entón ter conta deles para sabermos que camiños habería que trazar, de querermos algunha mudanza política. Unha desas sombras é a presunta inhabitabilidade do presente, que se traduce nun deserto inhóspito, nun camiño, en apariencia, intransitábel, pero necesario. Neste punto, cómpre pararse noutra das citas que Charo nos propón, a da poeta María do Cebreiro. Velaquí a mesma: “O límite é o verdadeiro protagonista do espazo. O presente, outro limite, é o verdadeiro protagonista do tempo”. Nestes dous versos de María, volvemos ver a existencia da sombra, que, se nos fixamos ben, constitúe a visibilización do presente como único tempo posíbel. O que debemos é adentrármonos nel, habitalo, porque se algo somos é presente. A luz viría representada pola consciencia que si temos de que o límite é o protagonista do espazo. Isto é así, na medida en que, para nós, resulta obvia a existencia dun espazo físico, material, que podemos apalpar e que, evidentemente, coutamos coas ideas preconcibidas, que se reflicten nunha praxe política cartesiana, carente de imaxinación e vontade real de nos afacer a prácticas políticas máis creativas. Menos posibilisitas talvez? Podería ser. Non coñezo a reposta a esa cuestión, mais si vexo pertinente poñer a pregunta sobre a mesa, na medida en que é esa pregunta a que se infire dos textos de Charo. (…)”




