Carlos Penela: “Ás veces existe un optimismo un tanto excesivo co estado da literatura galega actual”

Entrevista a Carlos Penela en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): Poucos poetas poden presumir de ter os principais premios poéticos do país. Gañou o Espiral Maior, o Lorenzo Baleirón, o Caixanova e foi accésit no Esquío. Agora chega o González Garcés, dá vertixe ver tanto recoñecemento?
– Carlos Penela (CP): Os premios son un acaso e, si, tamén unha vía para exteriorizar un traballo; no meu caso, e ata ao momento, foi case o único medio que tiven para poder publicar, debido a motivos varios de certo aillamento e distancia e a outros sobre os que a min non me compete opinar (as editoras elaboran os seus catálogos cos seus propios criterios e os medios informan coa liberdade e as excepcións que consideran). En todo caso, acho que sería moito máis satisfactorio se o recoñecemento outorgado por ese premios -que eu agradezo, evidentemente- servise sobre todo para afondar nun diálogo máis amplo verbo do discurso literario galego do noso tempo, con liberdade e esixencia estética, máis alá da noticia puntual dun galardón que a min se me conceda ou non… Sexa como for, a miña tarefa é a de escribir co maior rigor, normalidade e independencia posibles en idioma galego, alí onde estiver. Máis nada. Fóra diso, ao meu ver, a miúdo córrese o risco de incorrer en imposturas e solipsismos algo innecesarios. Ademais, por parafrasear o poema de Elisabeth Bishop (unha autora que estimo especialmente), eu falaría tamén do facer poético como unha sorte de permanente “arte de perder”. (…)
– LeO: Son moitas as voces que o consideran un autor indispensable na poesía galega dos últimos 15 anos. Vostede leva xa ben anos residindo no estranxeiro, dende Viena, como se ve a literatura galega actual con máis de 2.400 km de terra por medio?
– CP: (…) Sobre o que vostedes me preguntan acerca da literatura galega actual vista desde a distancia: ben, a miña valoración creo que non variaría tanto de estar aí en lugar de estar en Viena como estou. Na medida do posíbel, tento manterme ao día a respecto das discusións e novidades que van aparecendo na literatura galega, as cales acompaño desde a rede e desde a bibliografía coa que me fago aquí. Doulle realmente moitas voltas a estes asuntos, na verdade…Ao meu entender, ás veces existe un optimismo un tanto excesivo co estado de cousas actual; boto tamén algo en falta unha maior variedade de propostas e discusións máis ricas e plurais sobre certos asuntos… Mentiría se dixese o contrario e lamento non mostrar máis entusiasmo. Considero, ademais, que o ensaio en galego ten aínda moito que percorrer (ensaio de todo tipo, porque nunha lingua viva e moderna isto ten que ser así ou acabamos na peor das endogamias) (…)”

Compostela: presentación de Vinte en escena e Ningún amante sabe conducir, de Rosalía Fernández Rial

O xoves 10 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Lilith de Mulleres (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntanse Vinte en escena e Ningún amante sabe conducir, de Rosalía Fernández Rial, publicados en Positivas. No acto, xunto á autora, participan Mercedes Queixas e Montse Pena Presas.

Eva Veiga: “A palabra permite conceptualizar a emoción”

Entrevista a Eva Veiga en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VnC): Eva, que é para ti a poesía? Que importancia pode ter para unha persoa, ou para a sociedade, como elemento de axuda?
– Eva Veiga (EV): Para min a poesía é unha arte e, como toda arte, é o modo de transformar a realidade dende un punto de vista da consciencia. Pero coido que a palabra ten algo que non teñen outras artes, que é a conceptualización. Ademais do sensible e o emocional, que é esencial, tamén está a capacidade de converter en concepto un pensamento ou emoción.
Concordo coas palabras de Octavio Paz nas que di que: “a historia ofrécenos a documentación do que se vive, pero a verdade é outra”, e a verdade vennos dada pola poesía. Ela expresa as emocións e sentimentos dun grupo humano, pero por riba disto danos a palabra en liberdade. Isto é para min o esencial. A poesía é fundamental a nivel social, universal, ten unha función crítica e fainos máis libres. Ao mesmo tempo tamén serve para establecer un vínculo afectivo co mundo xa que a poesía non existe sen emoción, ten que ser un golpe emocional que produza movementos tectónicos dentro.
Por outro lado a poesía tamén ten un valor terapéutico. Axuda a expresar o que un sente, ou o que non sabe que sente. Aquilo que está agochado. Axúdache a obxectivar o que tes dentro. Pensas que pensas, ou pensas que sentes, pero cando escribes decátaste da cantidade de sentimentos embarullados que hai no teu interior. A escrita axuda a poñer en orde isto. Axúdame a coñecerme a min mesma e a transformarme. A ir máis aló da palabras que conforman o imaxinario da nosa realidade e, quizais, transformar o meu mundo.
– VNC: Cal é a relación do poeta co lector?
– EV: A palabra debe ter visión prismática. Un bo poema ten que ter sempre un significado polisémico e a palabra non se cingue a unha lóxica determinada. Ao lector se lle dan algo rematado de sentido non ten nada que facer. O propio poema danos a posibilidade como lectores de reescribir ese poema. A ambición máis grande do escritor non é o propio libro que escribe, senón o libro que escribe con cada un dos seus lectores, que será distinto. (…)”

Madrid: conferencia de Armando Requeixo sobre Xosé María Díaz Castro

O sábado 5 de xullo, ás 12:00 horas, na Casa de Galicia de Madrid (Casado del Alisal, 8), Armando Requeixo pronunciará unha conferencia organizada pola Federación de Sociedades Galegas en Madrid (FAGAMA) sobre Xosé María Díaz Castro. No acto estará acompañado por Xosé Ramón Ónega. Tras a conferencia haberá unha actuación musical de Uxía Senlle e Sérgio Tannus.

Propostas con premio: Doe tanto a túa ausencia, de Eli Ríos, premio Francisco Añón de poesía

Entrevista de Ramón Nicolás a Eli Ríos en Caderno da crítica:
“(…) -Ramón Nicolás (RN): Por outro lado, o xurado do premio Francisco Añón salientou o peso do dramático no teu libro [Doe tanto a túa ausencia], por que este camiño?
– Eli Ríos (ER): Principalmente por experimentar, por mergullarme nun desafío poético. Nunha conversa cun amigo falamos sobre a capacidade que ten a poesía para ser representada e interesoume moito o tema. Quixen ver até onde podía ir… e aquí estamos. (…)
– RN: Recoñeces como trazo singularizador o minimalismo e o desdobramento ao que aludiu o xurado na acta do mesmo?
– ER: Isto foi algo que destaquei no mesmo acto de entrega. Estaba alí sentada na cadeira, escoitando a acta do xurado (aínda non tivera ocasión de lela), e houbo un momento no que as palabras de Mercedes Queixas me meteron moito medo, puxéronseme todos os pelos de punta! Se non fose porque sei que non é posible até dubidaría se conseguiran lerme os pensamentos!
De feito, creo que o Concello da Serra de Outes debería plantexarse recoller as actas nalgún volume porque, hai uns días, nunha Feira, achegouseme unha persoa a pedir Doe tanto a túa ausencia e quería que llo asinase. Expliqueille que o poemario non se publica até o ano próximo e terqueoume que si, que vira a acta do premio, que lle interesaba moito e que o quería ler. Como ves, o xurado non só me impresionou a min coa súa lectura…
– RN: Combinas outras actividades con participación na web de crítica feminista A Sega. Como entendes esta plataforma e as túas colaboracións na mesma?
– ER: A Sega é moito máis do que unha plataforma. A xente que alí estamos somos cada unha de idades, formacións, orixes, etc, diferentes e temos unha cousa en común: a vontade de cambiar as regras deste xogo patriarcal que non queremos xogar. Isto fai que cada texto, cada acción, cada idea á que lle damos visibilidade teña por detrás un espazo de debate compartido no que nunca paras de aprender. Para min, é realmente enriquecedor contar cunha xentiña como as segadoras sempre dispostas a solucionar dúbidas, a facer as críticas constructivas que che axudan a mellorar ou entender as cousas… É un privilexio crear na colectividade e na sorodidade para dar voz a propostas que non terían cabida noutros medios.
As miñas colaboracións n´A Sega gustaríame que fosen máis habituais pero, por falta de tempo, faise o que se pode. Non se pode estar en misa e repenicando! E isto é fantástico na Sega. Sempre hai unha segadora na ceifa! Hai semanas que non me dá a virada para entrar ao grupo de debate e, cando o fago, sorpréndome con todas as aportacións que hai, propostas, recomendacións de lecturas, etc. E claro! Logo pasas outra semana rompendo os miolos sobre as teorías que se expoñen…, e cando te dás conta levas máis aprendido que nun ano de carreira universitaria. De aí que, cando unha colaboración que leva o meu nome sae n´A Sega, eu non a sinta de meu senón de todas e cada unha das segadoras que están nese proceso de aprendizaxe, de debate, de corrección, etc., que se propón na comunidade de crítica literaria feminista que é A Sega.”

Oriana Méndez: “Neste sistema económico non pode haber cidadanía porque só as persoas libres son cidadás”

Entrevista de Montse Dopico a Oriana Méndez en Magazine Cultural Galego:
“Oriana Méndez gañou o Premio de Poesía do Concello de Carral con O que precede a caída é branco, un poemario habitado por unha cidade sen cidadáns, por persoas expropiadas da súa liberdade. Mais tamén por traballadoras que se unen nun momento no que todo parece estar a piques de estourar. O libro amosa algunhas conexións coas obras anteriores da autora, Cero e Derradeiras conversas co Capitán Kraft. Como o ollar á opresión, ao poder e á súa violencia. Ou á memoria. Cero estaba escrito deste o estrañamento, o distanciamento respecto dunha realidade incomprensible. En O que precede a caída é branco hai unha urxencia de reaccionar ante o presente. Ante o que acabou perfilándose como unha guerra contra a clase obreira. Contra case todos e todas nós.
– Montse Dopico (MD): Salientara xa o xurado a unidade de contido e forma da obra. Que se cadra é a túa forma de escribir, non só neste libro.
– Oriana Méndez (OM): É verdade que concibo os libros como unha idea, unha proposta unitaria. Nos tres libros que teño publicados non fixen unha escolma de textos escritos en distintos momentos, senón unha proposta a partir dunha idea.
– MD: A idea é, se cadra, a da cidade sen cidadáns, senón unha “caterva humana/ que é/ expropiada de si mesma”, sometida ao “pensamento do servo”, na actual guerra contra a clase traballadora. O espazo urbano xa estaba, por outra banda, nos dous libros anteriores.
– OM: Comparto a lectura, si. É certo que falo do espazo urbano, e é normal porque é fundamentalmente o que coñezo. As referencias a Vigo son constantes, nese sentido. Pero podería ser calquera outra das cidades que coñezo. Si é unha cidade expropiada de cidadáns porque neste sistema económico non pode haber cidadanía porque só as persoas libres son cidadás. Hai unha guerra en curso na que unha parte pequena da poboación vai gañando e outra parte, a maioría, vamos perdendo. Falo disto nuns textos de forma máis explícita e noutros menos. (…)”

Taboleiro do libro galego (XXIV), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Unha entrega máis neste 2014 do «Taboleiro do libro galego» e que será o último ata o que recolla as novidades editoriais en lingua galega máis vendidas do vindeiro mes de setembro. Grazas, nesta ocasión, ás once librarías que participaron nesta ocasión: Suévia, Miranda, Carricanta, Biblos, Andel, Cartabón, Aira das Letras, Couceiro, Libros para soñar, Librouro e Lila de Lilith.

NARRATIVA
1º-. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
2º-. Orlando. Unha biografía, de Virginia Woolf (tradución de Celia Recarey), Irmás Cartoné.
3º-. Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar, Xerais.
4º-. O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
5º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
6º-. Chovida do ceo, Alfredo Conde, Edicións Xerais e A voz do vento, de Pemón Bouzas, Xerais.

POESÍA
-. Dun lago escuro, de Marta Dacosta, Edicións Xerais.
2º-. A segunda lingua, de Yolanda Castaño, Pen Clube-Xunta de Galicia.
3º-. Remontar o río, de Helena Villar Janeiro e Luz Darriba, Tirar do fío Edicións.
4º-. Kid Salvaxe, de Carlos G. Reigosa, Xerais.

ENSAIO-TEATRO
-.Non temos medo, de Rodri Suárez, Nicetrip edición.
2º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
3º-. E logo, temos razóns para ser nacionalistas?, de Henrique del Bosque, Edicións Xerais.
4º-. Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, de Teresa Moure, Através.
5º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
6º-. Contra a morte das linguas, de Miguel Moreira, Edicións Xerais.

XUVENIL
-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
-.Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.
-. Dragal IIIde Elena Gallego, Edicións Xerais.

INFANTIL
-. Rosa Caramelo, Adela Turín, Kalandraka.
-.Volvo! O regreso de Usha, de María Reimóndez, Xerais.
-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-.A burra Ramona, de Paula Carballeira (ilustracións de Xosé Tomás), Baía Edicións.
-. O fío vermello, de An Alfaya, Edicións Xerais.

LIBROS CD-DVD
-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
4º-. Cantos animais, de Susa Herrera, Primera Persona.
5º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. A Torre dos Mouros / Os lobos de Moeche, de Manel Cráneo, Demo Editorial.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.

OUTROS
1º-. Luzes, nº 6, maio 2014.”