Carlos Negro: “As top model son as princesas Disney da actualidade”

Entrevista a Carlos Negro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): [En Penúltimas tendencias] Vostede métese na pel dunha adolescente que non quere converterse nunha muller preocupada por estar sempre fermosa e ir á última moda. ¿É que nestes 40 anos non se avanzou nada na igualdade de xénero e síguese fomentando a muller sumisa e consumista?
– Carlos Negro (CN): Aínda que si hai unha igualdade de xénero legal, seguen vixentes certos estereotipos, tanto físicos como de tipo vital. Nestes podemos incluir a presión que existe para que as nenas primeiro queiran ser princesas como as dos contos de Disney e, cando pasan á adolescencia, desexen ser top models. En realidade, as supermodelos son as princesas da actualidade. Pasa o mesmo cos estereotipos masculinos. A moda vende novos tipos de masculinidade, que en principio parecen positivos (como o coidado do corpo). Pero é que se manteñen actitudes, parellas a esta moda, na que se aposta polo macarra rebelde, depilado, pero que continúa sendo machista. Por poñer un caso, é o prototipo que ofrece Mario Casas na película Tres metros sobre el cielo. (…)
– FdV: ¿Foi difícil escribir a través dunha adolescente?
– CN: Sempre é complicado meterse na pel dunha personaxe para escribir, pero nesta ocasión tiven que facer ademais laborais de observación e de investigación, lendo revistas para adolescentes como Superpop ou vendo series para este tipo de público.”

Radiocrítica do 28-04-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 28 de abril en Ames Radio (107.2 FM). Desta volta falei con Nazaret López sobre Maternosofía, de Inma López Silva (I, 00:30), sobre O Gabinete das Marabillas de arxentino da Rocha Alemparte, de Irene e Rodrigo Pérez Pintos (I, 8:17 e II); sobre Recuerdos de agosto, de Aurelio Aguirre (II, 2:35)  e mais A cociña de noite, de Maurice Sendak (II, 7:00)”

Propostas con premio: Dos días escuros, de María Carmen Caramés Gorgal, por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Posúe unha traxectoria literaria marcada por conseguir numerosos premios literarios. Unha opción para publicar?
– Carmen Caramés (CC): A primeira vez que me presentei a un certame buscaba o recoñecemento de alguén (que non fosen amizades e familiares) que me indicase que o que eu escribía tiña algún valor literario. Saíume ben e iso animoume a seguir probando sorte. O que máis me satisface dos premios é, sen dúbida, o feito de que xente de moi recoñecido prestixio no ámbito literario, como é a que adoita formar parte dos xurados, considere que eu teño algo que achegar e, certamente, tamén é a opción para autores e autoras descoñecidos coma min poidamos publicar pois é difícil que as editoras aposten por nós. (…)
– RN: Dos días escuros, premio Johán Carballeira, aborda os malos tratos como temática e coido que un asunto reiterado noutras obras da súa autoría. Por que?
– CC: Porque me quedan cousas por dicir, porque me proe a súa dor e quero ser, humildemente, a voz das que calan, das que perdoan máis de sete veces, das que non denuncian, das que non teñen alternativas.
– RN: O título fai referencia, daquela, a situacións derivadas da violencia machista?
– CC: O título quixo reflectir a escuridade, a sombra, o asedio, a soidade, a indefensión das vítimas.
– RN: O xurado apuntou a intensidade do poemario ata acadar finalmente a realidade. Por que esa estrutura?
– CC: Quizais porque pretende partir da mesma orixe, do inicio velado do maltrato pasando logo polo recoñecemento, a asunción e a reflexión ata chegar ao final presentido, un final que non será máis que “a crónica dun suceso lamentable á hora do xantar”. (…)”

Lugo: recital de poesía e música Versos ao vento

Representacións de Acuario, con María Canosa e o Teatro dos Ghazafelhos

María Canosa vai participar na representación da obra poético-teatral Acuario, xunto co Teatro Ghazafelhos, nas seguintes datas e horas:

O luns 12 de maio, ás 11:00 horas, en Iria Flavia, Padrón, no Paraninfo da Fundación Pública Galega Camilo José Cela.
O xoves 15, ás 11:30 h. en Ferrol no Teatro Jofre.
O venres 16, ás 12:00 h. no CEIP da Barqueira en Cerdido e ás 17:00 horas no Auditorio de Cedeira.