Berta Dávila: “Cando escribimos ficción contamos moitas verdades”

Entrevista de Carme Vidal a Berta Dávila en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Moitas críticas valoran a madurez da novela [O derradeiro libro de Emma Olsen].
– Berta Dávila (BD): As miñas mellores especulacións consistían en poder publicala mais todo o que aconteceu foi inesperado. Que me desen un premio como o Repsol e que se publicase de seguido e que fose tan ben recibido non era algo que estivera nos meus cálculos. Todo foi moi rápido e sorprendente. Cando estaba a escribir o libro en marzo, tiña a certeza de que era un texto pouco vendíbel, pouco interesante para un premio, pensaba que non se ía publicar nunca.
– SG: A súa novela que ten como protagonista unha escritora nace ao contemplar unha fotografía de Anne Sexton a quen homenaxea na novela. É un xogo de complicidade de creadoras?
– BD: A filla de Emma chámase igual que a de Anne Sexton. Xurdiu dunha fotografía na que estaba diante dunha máquina de escribir. Para min era a imaxe dunha escrita confesional, moi valente. O que fai Emma Olsen é facer unha retrospectiva con respecto a si mesma e contarnos o que quere que saibamos. A ficción é iso, contar o que queremos que os demais vexan de nós. Hai xente que pregunta se coincido con determinadas frases que di Emma Olsen e ás veces coincido e ás veces non mais é un xogo interesante. Notas como as persoas que o leron entran no texto. (…)
– SG: En poucos meses publicou un volume de poesía, unha novela e un libro de literatura infantil. Como se fai esa travesía literaria?
– BD: As datas de publicación non coinciden coas da escrita. Comecei a traballar con Inma Doval, autora das ilustracións, en A fuxida no ano 2011. Cando o puxemos na man da editorial aínda non saíra Raíz da Fenda e non rematara O derradeiro libro de Emma Olsen. Normalmente traballo en varios proxectos ao tempo, igual que fago na lectura, e iso explica tamén que prolongue os meus tempos de escrita. (…)”

Xesús Rábade Paredes: “Quizais a esquerda, en Galicia e no mundo, pretendeu liberarnos coas armas do inimigo”

Entrevista de Montse Dopico a Xesús Rábade Paredes en Praza:
“(…) – Praza (P): Sobre ruínas recolle poemas escritos entre o 2007 e a actualidade. Dalgunha maneira, é como Lugar do canto, unha escolma de poemas (aínda que non houbese publicación de libros polo medio). Era a idea? Como os seleccionaches?
– Xesús Rábade Paredes (XRP): Trátase dun libro de elaboración pausada, como teño por oficio. Todo o material de Ruínas, que entra, moi parcialmente, a integrarse xa en Lugar do Canto (autoescolma polifónica da miña traxectoria), viña pulsando en min desde a publicación de Os anos da memoria (2006) e vaise decantando nun proceso demorado ata fins de 2013. Dun proxecto inicial de 200 poemas, vai quedando a metade aproximada na versión definitiva. (…)
– P: Soñar no exilio comeza xa, precisamente, coa reivindicación do idioma, que é outra das constantes da túa literatura. Hai, neste libro, como nos anteriores, homenaxe á palabra. Por un lado, como temática. Por outro, polo coidado do léxico. Algo, se cadra, máis necesario ca nunca?
– XRP: Como deixo anotado, o maior monumento que os galegos ofrecemos ao mundo, elaborado desde hai máis de dous milenios, é o da lingua propia, principal testemuña da nosa identidade. A que máis nos define. O galego vertebra toda a miña creación, como debera vertebrar toda a vida de Galicia. Por iso me preocupa gravemente o seu futuro: o futuro desta e o futuro daquel, que é un mesmo futuro liberado ou cegado. Depende dos galegos, de todos os galegos. A pasividade e a tendencia autodestrutiva dun importante sector da nosa xente e a ineficacia dos poderes públicos e dos medios na promoción e consolidación do idioma poñen a este en situación moi crítica. Por outra parte, a homenaxe á palabra que mencionas é perceptible en toda a miña obra, pois nunca é outro o papel dun escritor: tratar de preservar como algo moi valioso o que coidaron e nos doaron os maiores para pasárllelo sen moito deterioro aos herdeiros que veñan.
– P: Se a crítica do conformismo, da narcotización colectiva é unha constante nos teus libros, neste a chamada a espertar é, se cadra, aínda máis urxente. O libro rebélase contra a rendición, a negación, a mansedume, a domesticación social baixo o discurso da “democracia”. É unha cuestión de adurmiñamento ou máis ben de medo inoculado?
– XRP: Se tivera que definirme, diríache que son inconformista e así definiría boa parte na miña creación. Tal actitude, coa da rebeldía, é a que mellor lle cómpre a estes tempos, negadores como poucos da dignidade humana. E quen teña por oficio o traballo coa palabra (creativa, informativa ou crítica) non debe colaborar con poderes destrutores e ilexítimos. O medo, certamente, paraliza, como saben moi ben os desalmados, e enténdese que a xente sinta medo. O que xa non se entende é que tantas bocas e plumas que deberan ser conscientes calen tanto ante a vileza de quen manda ou baixen a caluga para renderlle preito. (…)”

Rianxo: Obradoiro de poesía erótica impartido por María Lado, os sábados 15, 22 e 29 de marzo

Desde o Concello de Rianxo:
“Dentro da programación do Ferve a Lingua, organizado pola Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística vai desenvolverse un Obradoiro de Poesía Erótica, impartido por María Lado no Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo.
Terá lugar os sábados 15, 22 e 29 de marzo das 10:30 ás 13:30 horas.
No obradoiro preténdese achegar aos participantes á escrita de poesía e, concretamente, de poesía erótica a través de exercicios lúdicos que aporten ferramentas para a escrita, como son os chamados “disparadores” (ferramentas que facilitan o inicio da escrita).
O obxectivo é que os participantes coñezan e escriban poesía erótica, partindo da práctica da escrita e tamén da lectura de modelos que empregaremos como punto de partida, xa sexa a través da copia, a reinterpretación, a transformación, contraposición… etc.
Tamén se fará lectura dos textos dos participantes e o seu comentario entre todos, de maneira que adquiran a noción da importancia da crítica. Finalmente a través da lectura dos textos propios traballarase tamén cos participantes a lectura en público, as ferramentas das que dispoñemos para facelo e o resultado que procuramos no espectador. Esta parte preparatoria da lectura en público está baseada en exercicios sinxelos inspirados na práctica teatral e na oratoria. procúrase, ante todo, descubrir e respectar o estilo propio de cada participante.

Se estás interesado/a en participar, tes ata o 14 de marzo ás 14:00 horas para inscribirte, cubrindo a ficha de inscrición na seguinte ligazón: Ficha de inscrición Obradoiro Poesía Erótica. Máis información en cultura@concelloderianxo.es”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (II)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEIP Santo Paio de Abaixo, Reboreda (Redondela):
“Ademais da pintada do verso nunha das pareces da escola xunto coa silueta, creouse un espazo físico no centro ademais dun wix onde colocarán a información. O mural está composto por diferentes tarefas que as dividimos por ciclos:
Infantil debuxa a Rosalía, 1º ciclo traballa sobre dous poemas, 2º ciclo sobre a súa vida e 3º ciclo sobre obra e repercusión da mesma. A mestra de música creou un espazo con música de poemas de Rosalía, ademais de preparar a obra Negra sombra coas frautas.”

Radiocrítica do 17-02-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 17 de febreiro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novela Pasaia blues, de Harkaitz Cano, en tradución de Isaac Xubín (I, 1:27); o poemario Territorios estraños, de Ramón Sandoval (I, 7:25); o ensaio Dama Saudade e o Cabaleiro Sombra, de Manuel Forcadela (II, 00:10) e mais o libro para nenos O raposo e a mestra, de Manuel Rivas (II, 4:40).

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (I)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEIP Filomena Dato, de Barbadás:
“Hoxe, 24 de febreiro de 2014, celebramos o Día de Rosalía. Durante a pasada semana cada curso traballou coa súa obra. Os máis cativos colorearon o seu retrato, os maiores escolleron versos da súa obra e déronlle vida cos seus debuxos. Todos os días escoitamos os seus versos cantados por distintos artistas.
Este é o resumo do voso traballo. Toda unha homenaxe á poeta!”

Madrid cántalle a Rosalía

Desde Galego en Madrid:
“O 24 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro.
Onte -convidados por Manuel Pereira, Luz Pichel e Vicente Araguas, que atendían á convocatoria da AELG para homenaxar a Rosalía- percorremos as rúas madrileñas coa poesía da escritora galega.

Xuntámonos na rúa Ballesta, número 13, ao pé da casa onde Rosalía viviu entre 1856 e 1858, alí Manuel Pereira Valcárcel, escritor do Grupo Bilbao, leu o manifesto publicado pola AELG con motivo desta data.
E comeza o recital de poemas, desde os máis veteranos, como Sabino Torres

aos máis novos, as alumnas e alumnos de galego do Espazo das Linguas Ibéricas -Julia Badino Baamonde na foto- :

O mestre de cerimonias, Vicente Araguas, escritor e membro tamén do Grupo Bilbao, recitou versos de Rosalía e dirixiunos na Negra Sombra, o himno rosaliano en Madrid

Seguimos camiñando ata a igrexa de San Ildefonso, onde Rosalía casou con Manuel Murguía o 10 de outubro de 1958:

E velaquí algúns dos participantes na homenaxe diante da Igrexa de San Ildedonso en Madrid, unha noite fría pero chea de ilusión e esperanza, lembrando sempre a Rosalía: