O Pranto Matricial, de viva voz

Desde Cultura Galega:
“A polifacética figura de Valentín Paz-Andrade tivo unha das súas expresións máis interesantes na poesía. Editouse en 1955 en Bos Aires, coincidindo co quinto aniversario da morte de Castelao, un pequeno libro de 35 páxinas, completado con fermosas ilustracións de Maside, Colmeiro, Souto e Torres. Presentamos este libro cunha gravación realizada polo propio autor en 1957 nos estudos San Martín de Bos Aires.”

Santiago: presentación de Carné de identidade, de Mahmud Darwish

Este martes 24 de xullo, ás 20:45 horas, e dentro das actividades do Festigal 2012, preséntase a tradución ao galego de Carné de identidade, de Mahmud Darwish, feita por Moncho Iglesias, e publicada en Barbantesa. Darwish foi nomeado Escritor Galego Universal pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega o ano 2006.

Santiago: actividades literarias do 24 de xullo no Festigal 2012

Na Galería das Letras do Festigal 2012, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, desenvolveranse as seguintes actividades literarias o martes 24 de xullo:

17:00 h. No Café Concerto, presentación de Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey, publicado en Galaxia.
17:15 h. Presentación do libro Por uma democracia radical, publicado en Estaleiro editora.
17:45 h. Presentación de: Proel e O Galo de Amado Carvalho e Folhas Novas de Rosalia, da coleção Clássicos da Galiza da Academia Galega da Língua Portuguesa.
18:30 h. Presentación de Dezaoito, antoloxía de poetas galegos e portugueses publicada por Penúltimo Acto. Terá lugar un recital poético coa participación de Iolanda Aldrei, Alexandre Insua Moreira, Virgílio Liquito, Cruz Martínez Vilas, Jaime Moreda Santamaría e Rosanegra.
19:15 h. Presentación do libro A rota do sol, de Camilo Nogueira, publicado en Laiovento. Falarán: Xabier Macias, Ana Miranda e o propio autor.
20:00 h. Presentación da novela As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde, Che Turnes e Manuel Bragado.
20:45 h. Presentación do libro Carné de identidade, de Mahmud Darwix, publicado en Barbantesa.
21:30 h. Presentación do libro Mordida, de Eugénio Outeiro, publicado por Através Editora.
22:00 h. Presentación de Nântia e a cabrita d’ouro, de Concha Rousia.
22:00 h. No Café Concerto, Aid presenta o libro-disco Rapoemas, editado en Galaxia.

Arteixo: inauguración da Libraría Á lus do candil

O venres 20 de xullo, a partir das 20:00 horas, inaugúrase en Arteixo a libraría Á lus do candil, na rúa Historiador Vedía, 3, baixo, codirixida por Modesto Fraga. No acto estarán presentes os poetas Miro Villar, Lucía Novas, Xosé Henrique Rivadulla Corcón e Marilar Aleixandre, que porán voz a poemas da súa autoría. Asemade, haberá unha actuación musical a cargo da intérprete galega María Xosé Silvar, “Sés”. Os asistentes poderán disfrutar, tamén, coa exposición pictórica do artista Nolo Suárez.
Crónica posterior en Sermos Galiza.

“Nestes tempos convulsos para o noso país, que mellor que reivindicarmos a ousadía de Rosalía”

Artigo en Sermos Galiza:
“A Casa da Matanza, en Padrón, acolle este domingo a partir das oito do serán a conmemoración dos 127 anos do pasamento da poeta silenciada. Música, versos e discursos ao redor da súa figura farán parte do acto organizado pola fundación que leva o seu nome. Falamos con quen a preside, Anxo Angueira.
“É inmortal, segue a falarlle ao pobo galego xeración tras xeración, e aínda hoxe di cousas novas”. Quen fala é Anxo Angueira, un rosaliano por convencemento e de paixón que leva mes e medio á fronte da fundación que leva o nome da poeta silenciada. Se ben lembra que “a súa figura e o seu discurso pasaron por distintas épocas”, recoñece o profesor a beatificación oficial que se fixo de Rosalía, desposuíndoa do perfil arisco, espiñento. E reméxese en contra. “A sacrilización ou canonización da autora impediu ver o perfil máis activo, mais este discurso foi mudando”, incorporando a lectura social, política, feminista e estética. “Os redutos onde fica a idea da Rosalía nai e santiña son xa moi escasos”. (…)

Programa do acto na Casa da Matanza. 15 de xullo, 20:00 horas:
A palabra de Rosalía. Declamación de Ana Blanco.
– Xesús Alonso Montero.
– Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Poetas con Rosalía: Xavier Rodríguez Baixeras, Marica Campo, Cándido Duro, Mario Regueira, Lorena Souto e Dores Tembrás. Presenta Dolores Vilavedra.
– Actuación de Najla Shami, que interpretará pezas musicais con letra de Rosalía de Castro.
– Peche do acto: o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira Viturro.

Crónica posterior no mesmo medio, Sermos Galiza.

Alba de Gloria no Pico Sacro 2012, o sábado 21 de xullo

“Diante do desleixo e desprezo cara a nosa cultura, a Federación de Asociacións Culturais GALIZA CULTURA vai celebrar o vindeiro sábado 21 de xullo unha lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo. (…) O acto consistirá na subida ao Pico Sacro ás 12:00 h. desde a capela de San Sebastián na que se fará unha recepción dos asistentes cunha intervención de benvida da escritora Marta Dacosta. No cumio do Pico izarase a bandeira galega e farase lectura ao Alba de Gloria, coa intervención de Mª Pilar García Negro como presidenta da Galiza Cultura. Farase unha visita guiada ao redor do Pico comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico. E as 13:30 h. terá lugar un xantar de confraternidade no pé do Pico, no Restaurante “Vía da Prata”, logo do cal se celebrará unha actuación musical do grupo A Quenlla, con recital poético e intervencións de representantes das diferentes asociacións culturais na defensa da nosa cultura.”
Máis información e inscricións nesta ligazón.

Parlamento das Letras: Yolanda Castaño

Entrevista de Armando Requeixo a Yolanda Castaño no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Yolanda Castaño (YC): Teño máis claro o que lles falta, aínda que pode que lles sobre un certo ensimesmamento (cunha leve inclinación endogámica) que en ocasións non as fai estar demasiado atentas ao que se está a facer fóra ou fai que case desprecen a proxección fóra, a promoción ou mesmo a tradución, aínda con afortunadas e moi numerosas excepcións. O que ao meu xuízo máis lle falta ás nosas letras é profesionalidade, talvez debera dicir profesionalismo, ou ambas as dúas unidas como caras dunha mesma moeda. E as dúas unidas a unha visión positiva das mesmas que non faga seguir vinculando a súa ausencia a unha postura ética máis honrosa. Ao meu ver, o voluntarismo e a militancia, no eido literario galego, deberían ser as xenerosas e loables actitudes dunha fase provisoria da nosa cultura (coma fase dun proceso que desaugase noutra situación cara á cal todos os axentes deberiamos pechar filas), pero nunca un estadio detido no tempo, á vez empantanado e ‘empantanante’, á vez protector e limitante, gregario e autocompracente, un tanto atávico. Compre especificar que esta carencia non a vexo máis acusada nos autores e autoras (dunha calidade que nada ten que envexar ás doutras latitudes veciñas) ca no resto de actantes do sistema literario. Con todo, observo carencias —alén de no mercado ou nas infraestruturas de produción— nas actitudes coas que os escritores e escritoras deberamos encarar a nosa autoría. Mais recoñezo que o sistema completo non facilita que os escritores/as galegos alimentemos a nosa produción de obras literarias como algo que vaia máis alá dun ‘hobby riquiño’. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– YC: Existe unha calidade literaria moi sobresaínte, apoiada nun moi bo número de autores e autoras de enorme diversidade, ambición literaria, esixencia estilística, sentido de vangarda e compromiso coa literatura. Hai un nivel alto que podo estender mesmo ao lectorado. Mais todo isto choca cun mercado literario con moitas carencias, moitas eivas estruturais e outras fallas que en parte comentei na pregunta sétima. (…)”