Cork, Irlanda: conferencia de Helena González e recital de Lorena Souto

O venres 6 de decembro, a partir das 16:00 horas, no campus principal da University College de Cork (Irlanda), o Centro Irlandés de Estudos Galegos organiza unha xornada dedicada á poesía galega contemporánea escrita por mulleres. En primeiro lugar, Helena González Fernández (Centre Dona i Literatura, Universitat de Barcelona) ofrecerá un seminario de investigación titulado O territorio convulso da nación. A comunidade, o xénero e as poetas galegas. Seguidamente, Lorena Souto (Bangor University) levará a cabo unha lectura poética baixo o título de Fendas tronzando os muros da casa, que nos achegará poemas do seu libro Fase de Trema (A Coruña: Espiral Maior, 2012, Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé).

A Coruña: presentación de Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias

O mércores 4 de decembro, ás 20:00 horas, no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntase Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Antía Otero, Xavier Seoane e Manuel Bragado.

Taboleiro do libro galego (XVII), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí unha nova entrega, que desde agora contará cunha periodicidade mensual, das novidades editoriais en lingua galega máis vendidas ao longo do mes de novembro segundo os datos obtidos, nesta ocasión, das seguintes librarías galegas: Biblos, Casa do Libro de Vigo, Sisargas, Torga, Couceiro, Trama, Aira das Letras, Suévia, Paz, Pedreira, Á lus do candil, Librouro, Carricanta e Libros para Soñar. O meu agradecemento ás catorce librarías colaboradoras desta ocasión.”

NARRATIVA
1º-. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
2º-. Vento e chuvia. Mitoloxia da antiga Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, Edicións Xerais.
3º-. Acordes náufragos, de Antón Riveiro Coello, Editorial Galaxia.
4º-. Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
5º-. Cadeas, de Xabier López López, Edicións Xerais.

POESÍA
-. Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, Faktoría K de Libros.
2º-. Ningún precipicio, de Olalla Cociña, Toxosoutos.
3º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
4º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami e Rosalía de Castro, Editorial Galaxia.
5º-. Raíz da fenda, Berta Dávila, Xerais.

ENSAIO-TEATRO
-. Historia de Galicia, Anselmo López Carreira, Edicións Xerais.
2º-. O valego, de Xosé-Henrique Costas, Edicións Xerais.
3º-. Morreu o demo, acabouse a pesetade Tintimán Audiovisual, Urco Editora.

INFANTIL-XUVENIL
-. O grúfalo, de Julia Donaldson, Patas de Peixe.
-. Ámote, Leo A., Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
-. Flor de area, de Manuel Lourenzo González, Edicións Xerais.
-. Endogamia 0.2, de Ramón Caride, Edicións Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
-. Pan de millo, de Migallas, Kalandraka.
2º-. Mamá, de Mariana Ruiz Johnson, Kalandraka (tradución de Manuela Rodríguez).
3º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
4º-. Bicos de música,  de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. Astérix e os Pictos, René Goscinny (autor), Albert Uderzo (ilustrador), Jean-Yves Ferri (autor), Didier Conrad (ilustrador), Xavier Senín e Isabel Soto López (tradutores), Edicións Xerais.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Castelao 3. Máis alá, de Inacio / Iván Suárez, Demo Editorial.

Vigo: presentación de Carne de Leviatán, de Chus Pato

O mércores 4 de decembro, ás 19:00 horas, no Centro de Recursos Feministas (Biblioteca Central, rúa Joaquín Yáñez) de Vigo, preséntase Carne de Leviatán, de Chus Pato, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Elvira Riveiro e Carlos Lema.