Rafa Vilar: “Escribir poemas para a infancia é un reto literario”

Entrevista de Carme Vidal a Rafa Vilar en Sermos Galiza:
Animalario estrafalario é o terceiro libro que o escritor dedica ás crianzas, após Acuarelas e Patente de corso. Trátase dun catálogo de cen animais aos que lle dedica cadanseu poema. Animalario estrafalario é o segundo libro publicado en e-pub por Sermos Galiza e que está ao dispor na loxa de Sermos Galiza.
– Sermos Galiza (SG): Cunha sólida traxectoria literaria que comezou hai máis de vinte anos, como se produce o encontro co público lector infantíl?
– Rafa Vilar (RV): Como escritor supuxo un reto. É un cambio na maneira de escribir, os destinatarios son outros, rapaces e rapazas. O primeiro libro que publiquei puiden testalo antes nas aulas e resultou unha experiencia moi grata. Iso animoume a continuar escribindo para esa idade. A compensación é ter un público espontáneo. Ademais, entendía que había pouca poesía infantil en galego escrita neste tempo e a vontade de responder a esta necesidade tamén me animou. A receptividade foi grande. (…)
– SG: Que aporta a poesía á infancia?
– RV: Por unha parte, satisfacción, se conseguimos darlle algo que lle guste, logo versatilidade no uso da lingua. Enriquece non só polo vocabulario senón tamén polas estrutura. A estas idades a recepción é fácil, a poesía chégalles sen grandes dificultades. Con rima e moito xogo interno non teño dúbida de que contribúe á adquisición da linguaxe.
– SG: Animalario estrafalario ve a luz en edición dixital, que supón para vostede como autor?
– RV: Os formatos dixitais ofrecen importantes posibilidades para a literatura. Non son catastrofista con respecto ao libro en papel mais vai ter que coexistir con outros formatos e cómpre ter en conta que hai xente que xa se está alfabetizando dixitalmente. Para min publicar en dixital abre outras portas á difusión.
– SG: Tamén é certo que o soporte tenlle que ser familiar. Vostede foi autor dun dos primeiros blogues literarios en galego, pioneiro en botar man da rede como ferramenta de difusión cultural.
– RV: Son dos que nunca lle puxo reparos á experimentar coas novas tecnoloxías e mesmo tratamos de incorporalas ao noso discurso literario. O formato dixital é máis barato, máis accesíbel entón para a xente, e pode chegar a públicos de todo o mundo.”

Ourense: exposición Fóra de campo, no Outono Fotográfico 2013

Do martes 3 ao xoves 19 de decembro, na Galería Visol (Rúa San Domingos, 33) de Ourense, e con horarios de martes a venres, de 18:30 a 21:00 horas, e sábados de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 21:00 horas, dentro do Outono Fotográfico 2013, estará aberta a exposición Fóra de campo, que nace como un proxecto colectivo co que se pretende reflexionar e crear ao redor da fotografía e os seus límites. O grupo está formado por Caxigueiro, Eduardo Estévez, Ernesto González Torterolo e Nachok, propón un achegamento a esta disciplina explorando as posibilidades que poden ofrecer outras linguaxes artísticas (pintura, escultura, videocreación e poesía) na procura de lecturas menos convencionais. A inauguración terá lugar o martes 3 de decembro ás 20:00 horas.

Ourense: presentación de Farrapos de boneca, de Rochi Nóvoa

O martes 3 de decembro, ás 20:30 horas, no Ateneo de Ourense (Avenida da Habana, 25, baixo), preséntase Farrapos de boneca, de Rochi Nóvoa. No acto, xunto á autora, participan Ana Nieto, José Ramón Araújo, Emilio Romanos, Antonio Iglesias Fernández, Daniel Soldevilla Conde, Servando Barreiro, Nacho Martínez, Miguel Ángel Alonso Diz, Moncho Baraceiro, Belém de Andrade e Ro Palomera. Haberá un recital poético a cargo da autora e unha actuación musical.

Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o sábado 30 de novembro (ás 18:00 horas, presenza da AELG)

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, prosegue este sábado 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 21:00 h. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este segundo día:

Sábado, 30 de novembro
– 13:00 h. Presentación do libro-disco CoraSons (Kalandraka). Ás 20:00 h. terá lugar unha presentación ao vivo con varios dos seus autores.
– 13:30 h. Presentación do libro Contos no nicho (Urco Editora). Contará coa presenza de varios dos autores deste libro de relatos de terror.
– 16:30 h. Presentación do libro colectivo O Crânio de Castelao, de varios autores, e do poemario de Teresa Moure Eu violei o lobo feroz (Através Editora).
– 17:30 h. Presentación de O raposo e a mestra, de Manuel Rivas. No acto, o autor estará acmpañado por Cé Orquestra Pantasma.
– 17:45 h. Presentación de Novas de poesía. 17 poetas (Fundación Uxío Novoneyra).
– 18:00 h. Ferramentas on line para profesionais. Presentación do Portal das Palabras e da potencialidade informativa e didáctica da web da AELG. Dirixido a docentes, xornalistas e público interesado, no Salón de Actos do Pazo da Cultura. Por parte da AELG interveñen Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas.
– 18:15 h. Presentación da revista mensual Luzes, coa participación dalgúns dos seus promotores e colaboradores: Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Iago Martínez, Belén Regueira, María Yáñez e Tati Mancebo.
– 19:00 h. Conversa con Berta Dávila, ao redor de O derradeiro libro de Emma Olsen, Premio Repsol Narrativa breve (Editorial Galaxia). Conduce a presentación a xornalista Teresa Cuíñas.
– 19:30 h. Conversa con Antón Riveiro Coello ao redor do libro Acordes naúfragos (Editorial Galaxia). Conduce a presentación a xornalista Teresa Cuíñas.
– 19:45 h. Concerto-presentación de O meu marabilloso sombreiro, de Suevia Sobral e Akiko Ishihara, publicado por Edicións do Cumio.
– 20:00 h. Conversa con Pedro Feijoo ao redor do libro A memoria da choiva (Xerais). Conduce a xornalista Teresa Cuíñas.
– 20:30 h. Conversa con Diego Ameixeiras ao redor do libro Matarte lentamente (Xerais). Conduce a xornalista Teresa Cuíñas.

Madrid: presentación de Obra reunida (1994-2008), de Verónica Martínez Delgado

A sexta feira 29 de novembro, ás 18:00 horas, na Biblioteca Histórica da Universidade Complutense de Madrid (C/ Noviciado, 3), preséntase Obra reunida (1994-2008), de Verónica Martínez Delgado, publicado pola editorial Amargord. No acto, coorganizado pola editora e o Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense, participa, xunto ao autor, Xavier Frías Conde.

Panamá: participación de Moncho Iglesias no Festival de Poesía Ars Amandi

O venres 29 de novembro, dentro do Festival de Poesía Ars Amandi, de Panamá, terá lugar o recital + Poesía (-) Policía, recitando en galego e castelán, Moncho Iglesias.
Na mesma data, presentará a súa obra Avoíña/Abuelita, publicado por Parnass Ediciones.

A Coruña: presentación de Silencio habitado, de Olga Patiño

O martes 26 de novembro, ás 20:00 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase Silencio habitado, de Olga Patiño Nogueira, publicado polo Grupo Sial-Pigmalión. No acto, xunto á autora, participan Luz Pozo Garza, Xavier Seoane, Pilar García Negro, Jose Carpenter e Basilio Rodríguez Cañada. Haberá tamén unha actuación musical a cargo de César Morán.