O
xoves 25 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, o poeta Carlos Negro estará cos mozos e mozas do Comando Le para conducir un obradoiro co suxestivo título de Poesía e chocolate: dous praceres intensos e escuros. Faremos unha indagación sensual e gorentosa no vicio da poesía, suxerindo definicións, lendo textos, saboreando palabras… Misterio, emocións, amor, unha sesión chic e fashion. E quizais algunha sorpresa que aínda non aparece nos papeis.
O obradoiro inscríbese dentro da Semana do Libro e a Lectura 2013 que Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, organiza dende o 22 ao 27 de abril con motivo da celebración do Día do Libro.
Arquivo da categoría: Poesía
Breizh, de Miro Villar
Entrevista
a Miro Villar en Fervenzas Literarias:
“- Fervenzas Literarias (FL): A primeira dúbida á que se enfronta o lector que se achega a este libro é se estamos ante un libro de haikus ou ante un libro de viaxes. En Breizh a viaxe consiste en transitar polo haiku ou é o haiku quen nos convida -non tanto a facer a viaxe- senón a vivir a viaxe?
– Miro Villar (MV): En Breizh hai dúas viaxes: a primeira delas sería unha viaxe física á Bretaña realizada a través do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. Trátase dunha serie de viaxes que nos levan polas diferentes fisterras atlánticas e desta volta tocaba pola Bretaña.
Esa sería a viaxe física, pero logo está a viaxe literaria, que ten moito que ver coa nosa propia tradición. A Bretaña é un territorio que un galego e unha galega senten como moi próximo. A influencia de Bretaña é moi evidente tanto na literatura medieval galega como na contemporánea. Velaí está o libro de As cruces de pedra na Bretaña de Castelao ou a obra de poetas máis recentes, como Olga Novo. Porén, a min o libro que máis me inspirou para escribir Breizh foi Laio e clamor pola Bretaña de Manuel María.
A razón pola que foi escrito en haiku é posterior á viaxe. Nun congreso de escritores celebrado en Coimbra coñezo ao poeta coimbrense António Jacinto Pascoal. Pascoal estaba facendo unha antoloxía do haiku mundial para traducila ao portugués e solicitoume información sobre autores galegos que cultivasen o haiku en Galicia, ao que eu lle respondín que non había moita cousa e faleille de Uxío Novoneyra e de Ricardo Martínez-Conde.
Jacinto Pascoal insistiume de que tiña que escribir un libro de haikus. Entón, no transcurso desta viaxe a Bretaña, onde non tes moito tempo de escribir, onde o único que fas son anotacións breves e concisas, a estrutura de haiku amoldouse a esa brevidade e concisión que eu precisaba. (…)
– FL: No limiar Xosé María Lema indica que este libro nace dunha xeira de viaxes polas fisterras atlánticas. Por que deterse en Breizh en lugar doutras fisterras percorridas polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte como Cornualles, Eire …?
– MV: Esta viaxe tiña un substrato e unha vinculación moi importante coa nosa tradición literaria e cultural. Todos eses sitios que ti ves de nomear evidentemente tamén son fisterras atlánticas, pero a min apetecíame poetizar Bretaña, principalmente por iso que veño de te comentar, por ser partícipe dunha tradición cultural e literaria que ven dende atrás. Evidentemente tamén hai unha vinculación de Galicia con outras terras, como con Irlanda, por exemplo. Pero é sen dúbida moito menor que con Bretaña. (…)”
Ferrol: actos destacados da VI Semana de Poesía Salvaxe
En Ferrol terá lugar a VI edición da Semana de Poesía Salvaxe. Do programa, que se pode descargar completo aquí, destacamos a participación de:
– Mércores 24 de abril, ás 23:30 horas, no Pub Cazadores (Rúa Magdalena, 114). Recital poético coa presenza, entre outros, de Séchu Sende.
– Xoves 25 de abril, ás 12:30 horas, no Mercado da Magdalena. Recital poético coa presenza, entre outros, de María Lado e Lucía Aldao.
– Venres 26 de abril:
– 12:30 horas. Mercado de Recimil. Coa presenza de Estevo Creus.
– 18:30 horas. Praza de Armas. Con Xiana Arias e Olalla Cociña.
– 23:00 horas. Pub Carteles (Rúa Sol, 139). Con Xiana Arias e Olalla Cociña.
– Sábado 27 de abril:
– 13:30 h. Pub Cazadores. Recital con Ramiro Vidal, entre outros.
– 18:30 h. Ateneo. Recital con Olalla Cociña, Xiana Arias e Ramiro Vidal, entre outros.
– 21:00 h. Cafelito de Gloria (Rúa Sol, 199). Con Ramón Blanco e Pablo Sax.
– 23:30 h. Festa final no Pub Carteles. Todos e todas.
Cantares Gallegos revisitado
Desde Sermos Galiza:
“No video recóllese o proceso creativo de Pepe Barro á hora de elaborar a súa visión creativa de Cantares Gallegos. O 15 de maio inaugurarase en Vigo a exposición No principio foi o verso. Rosalía de Castro comisariada por Pepe Barro, que se artella en oito espazos temáticos, desde os inicios en Vigo, cidade na que foi publicado o libro, até o último titulardo Muller bandeira que recollerá fitos, documentos e obxectos da recepción da figura de Rosalía de Castro. (…)
Madrid: Letras galegas na III Semana Complutense das Letras
Manuscritos: Silvia Penas
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Vigo: presentación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira
O
martes 23 de abril (Día do Libro), ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei, s/n), preséntase o libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira, publicado en Xerais. No acto participan Abel Caballero, Isaura Abelairas, Anxo Angueira e Manuel Bragado. Alba M. Rodríguez Díaz cantará dous temas rosalianos e a poeta Luciana recitará varios poemas.
A Coruña: De nome Rosalía, recital poético e musical do Grupo Ouriol
O
martes 23 de abril, ás 20:30 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar De nome Rosalía, unha homenaxe en forma de recital monográfico dedicado á súa poesía no 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos, a cargo do Grupo Ouriol (Fito Ares, Bernardo Martínez e Eva Veiga).
Ferrol: actividades destacadas do sábado 20 e domingo 21 de abril na Feira do Libro
O
sábado 20 e domingo 21 de abril prosegue a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados:
Sábado 20:
– 12:30 h. Presentación do libro Enredando nos antropónimos, de Xulia Marqués, con ilustracións de Sandra García Gutiérrez, editado por Galebook. Participarán no acto as autoras.
– 18:00 h. A compañía Maquinarias Teatro representará a obra de teatro Touporroutou, adaptación da peza de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño.
– 18:00 h.: Antonio Seijas autor de Cartas de inverno. Novela gráfica, asinará exemplares na Caseta da librería Espacio Lector Nobel.
Domingo 21:
– 12:00 h. Presentación do libro de teatro infantil O mistério da escada interior, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Celsa Sánchez Vázquez, publicado por Edicións do Castro.
– 19:30 h. O escritor Xesús Bermúdez Tellado presenta o seu poemario Viaxe sen cancelas publicado pola editorial Redelibros. Ao remate do acto, o autor dos libros asinará exemplares dos mesmos.
A Coruña: recital de Manuel Forcadela e Claudio Pozzani no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
22 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, co recital poético de obra propia nun man a man de Manuel Forcadela e o poeta italiano Claudio Pozzani, que introducirán elementos sonoros ou videográficos na súa actuación.


