O
sábado 17 de novembro, ás 19:30 horas, na Escola de Guillufe (Gondomar), terá lugar o acto de entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns á gañadora desta edición Conchita Álvarez Lebredo, consistente en 3000 € en efectivo, unha escultura creada para este certame polo artista Fino Lorenzo e a publicación do libro, Distancias e Simetrías, que se presentará neste acto. A escritora e xornalista Araceli Gonda será a encargada de dirixir a velada.
A banda de gaitas Balcón do Miñor abrirá o evento ao son da música tradicional. Posteriormente o público poderá gozar coa estrea de Os polos de Rianxo, unha dramatización do conto de Victoriano Taibo, a cargo de Bertorella, un novo grupo de afeccionados ás táboas que farán o seu debut nesta cerimonia. A continuación Marta Dacosta fará un breve panexírico do persoeiro que dá nome ao premio e lerá a acta do xurado como preámbulo da entrega dos premios do certame a Álvarez Lebredo. Momento no que Urbano Esmerode, presidente da ELM, dirixirá unha palabras á gañadora e asistentes. Soño de Calíope, o afamado proxecto musical creado polo mestre e artista natural de Morgadáns, José P. Pérez, que promove novos valores da canción galega, pechará a gala cultural. Finalmente Carlos Méixome director do Instituto de Estudos porá broche oficial á V edición dos premios. Un albaroque animado polas gaitas do Balcón do Miñor permitirá aos asistentes, entre viños e petiscos dialogar con Conchita Álvarez Lebredo e os artistas convidados. Como é tradicional nas cerimonias de entrega do Premio de Poesía Victoriano Taibo, a entrada é de balde.
Arquivo da categoría: Poesía
Santiago: VII Encontro de Escritoras/es Novas/os: Da palabra á acción, o sábado 24 de novembro
O sábado 24 de novembro, no Auditorio da Cidade da Cultura, e con entrada de balde até completar aforo, celébrase o VII Encontro de Escritoras/es Novas/os, baixo o lema Da palabra á acción, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a Fundación Cidade da Cultura.
Pódese acceder aquí ao blog do Encontro, e aquí á sección Palabra Audiovisual, na que están os vídeos achegados por diversos creadores/as.
Este ano, o formato consiste na organización de grupos de traballo sitos en diferentes cidades galegas -formados por escritoras e escritores novas/os e creadores doutras disciplinas como poden ser a danza, as artes plásticas ou a música-, grupos que na actualidade xa están inmersos nun proceso de creación desenvolvido ao longo dos últimos meses, e que rematará o día da celebración do Encontro, cando teñan a oportunidade de mostraren as súas propostas creativas e falárennos de como as desenvolveron.
Con esta iniciativa, o VII Encontro de Escritoras/es Novas/os tratará de ser unha pequena plataforma dende a que mostrar ao vivo os diferentes xeitos de creación dun espectáculo escénico interdisciplinar, partindo das orixes ata a presentación ante o público e tendo como punto de partida o texto e a palabra. Unha oportunidade de achegarnos aos procesos de creación colectiva, rachando a soidade á que normalmente estamos acostumados e debatendo sobre eles, non só dende unha visión teórica senón tamén práctica.
MAÑÁ
– 10:00 h. Chegada e presentación.
– 10:30 h. Mostra do traballo grupo 1: Bingo-me, se teño sorte.
Sinopse: Caixas de zapatos. Stop. O azar xógase en cada número. Stop. Neve, serra eléctrica ou cafeteira. Non se sabe. Stop.
Integran o grupo:
* María Rosendo é feminista, taberneira e poeta. De corpo Nómade, na actualidade vai migrando polos equinocios na cidade de Compostela. Sabe que na forza das mulleres está o camiño da emancipación.
* Roberto Casteleiro é educador social, músico, e dalle con contar algunha cousa nos seguintes proxectos musicais: Koroiev, Fagot y Popota, Korokati, Primrose e Federico Testa.
* Borja Fernández é actor e frontman no grupo de rock absurdo ES UN ÁRBOL. Colabora habitualmente con colectivos de artes escénicas coma Voadora, Chévere, Orquesta Metamovida, Pistacatro, Pt. Excéntricas, entre outros.
– 11:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: María Rosendo, Roberto Casteleiro e Borja Fernández.
– 12:00 h. Pausa/café.
– 12:30 h. Mostra do traballo grupo 2: Escola do Resentimento.
Sinopse: Poesía, música e danza fúndense nun devir espontáneo e natural sobre a construcción dun espazo imaxinario froito da investigación nos ámbitos da fala, o son e o movimento corporal a partir dos textos de poemario CRAC (Gonzalo Hermo, 2012). O resultado é unha combinación das especialidades de cada un dos integrantes do proxecto. Mais non todo é o que parece…
Integran o grupo:
* Gonzalo Hermo é licenciado en Filoloxía Galega pola USC e actualmente traballa no Instituto da Lingua Galega. Os seus textos viron a luz en Revista das Letras, Andar21 ou Dorna. En 2010 gaña o 1º premio na modalidade de poesía do certame Xuventude Crea co poemario Crac editado por Barbantesa. É membro das Redes Escarlata.
* Begoña Cuquejo é licenciada en psicoloxía e fórmase en danza contemporánea, butoh e creación escénica. Funda trasPediante e dirixe o Festival de danza e artes do corpo de rúa en Ourense, corpo(a)terra. Premio injuve por Habelas 2010, traballa noutras producións como trans-hito, nin1mm, Baleadas, planificar a caída. Foi directiva de Danesga no 2008 e 2009.
* Ariel Ninas é un artista sonoro que traballa entre a música tradicional e a vangarda experimental, principalmente coa zanfona onde toca na OMEGA, Ulobit ou Aia. Desenvolve a súa actividade profesional na producción e comunicación con aCentral Folque. No seu último proxecto en solitario desenvolve o concepto de Música para peto para instrumentos miúdos.
– 13:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: Gonzalo Hermo, Begoña Cuquejo e Ariel Ninas.
TARDE
– 16:30 h. Mostra do traballo grupo 3: Medo.
Sinopse: Medo non se trata dun espectáculo baseado no terror senón na experimentación artística sobre o concepto do medo e da fobia. Trátase dunha mostra en imaxe, música e palabra na que tres artistas de diferentes campos exploran o medo tanto dende o punto de vista íntimo como dende o plano máis social do concepto (as fobias).
Integran o grupo:
* Daniel Landesa é licenciado en filoloxía galega para desgracia da súa conta corrente e orgullo da parede onde seus país colgaron a orla. Creativo, enquisador, comercial de desparafusadores, bolseiro, desempregado, xefe de comunicación, amo de casa, docente, chaqueta vermella en elcorteingles, adestrador deportivo, conferenciante, borracho gracioso ou pai de familia son parte do seu currículo profesional ademáis de narrador, escritor con vocación poética e membro de Poetas da Hostia.
* Andrea Costas é mestra e na súa labor creativa emprega linguaxes como instalación, vídeo ou performance, e fotografía. As súas pezas foron mostradas en varias exposicións e a súa obra premiada en certames como Novos Valores (2001), Injuve (2002), Artes Plásticas Ourense (2007). Aparte dos libros de fotografía Formas de Ser (CEF, 2002) e Persoal e transferible (CEF, 2006), é co-autora xunto a Yolanda Castaño do libro Cociñando ao pé da letra (Galaxia, 2011).
* mdmme é músico dende os quince anos e na actualidade compaxina a súa actividade performática con varias liñas de investigación relacionadas co son, espazo público, arte e medio rural e o labor docente dende o ano 2000 no proxecto pedagóxico Orquesta 3xploratoria. É coordinador do espazo Alg-a Lab e director do programa de investigación sobre arte e medio rural Verbenas Periféricas.
– 17:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: Daniel Landesa, Andrea Costas e mdmme.
– 18:30 h. Palabra e movemento: o espello da imaxe.- Mostra de videopoemas, pezas de videoarte e videodanza.
Vilaboa, Culleredo: presentación de A noiva e o navio, de Susana Arins e Mordida, de Eugénio Outeiro
A
sexta feira
16 de novembro, ás 19:30 horas, no Pazo de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), preséntanse as obras A noiva e o navio, de Susana Sánchez Arins, e Mordida, de Eugénio Outeiro, publicadas por Através Editora. No acto participa tamén Mário Herrero.
Santiago: presentación de Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro
O
venres 16 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda presenta o libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012). No acto participan cinco dos seus autores, Xosé María Álvarez Cáccamo, Carmen Blanco, Ánxeles Penas, Claudio Rodríguez Fer e Alberte Suras.
Santiago: recital-presentación de RE(C)verso, de Celia Parra
O
xoves 15 de novembro, ás 20:30 horas, na Librería Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do CD de audiopoemas RE(C)verso, de Celia Parra Díaz, seguido dun recital da propia autora.
Laíño, Dodro: homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón, o sábado 17 de novembro
O
sábado 17 de novembro, ás 12:30 h., na casa natal na parroquia de Laíño, lugar de Tarrío, 26, do Concello de Dodro, terá lugar unha homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón.
Ser unha foula en resurxir constante
ou un navío en colisión coa noite.
Iso é o que importa.
Eusebio Lorenzo Baleirón, Gramática do silencio.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega homenaxea ao poeta de Dodro, quen este ano faría os 50 anos, co seguinte programa:
• Intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
• Laudatio de Paulino Vázquez.
• Intervención dun membro da familia Lorenzo Baleirón.
• Descubrimento dunha placa conmemorativa.
• Lectura poética de poemas de Eusebio Baleirón a cargo de Carlos Negro.
• Remata o acto cunha interpretación musical.
O acto contará coa presenza dos alcaldes de Dodro e Padrón.
Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos grandes poetas da segunda metade do século XX. En palabras de Román Raña no ano 1985: “Pertence á estirpe poética dos 80, percorre coa súa lira terreal os denodados camiños do verbo”. “O impeto naceu das entrañas acuciantes dun tempo enneboado. Na poesía de Eusebio achamos a esteira de Borges e a floración de Cunqueiro. Había tempo que o escritor bonaerense non deixara unha pegada tan patente nos versos dun poeta galego: del vén a memoria e os espellos, un inmpudor metafísico que pretende despir a esencialidade das cousas e as normas do cosmos; do escritor de Mondoñedo surxe a eclosión lírica, a demorada reconstrución de espacios estelares e de sombras interiores onde o amor palpita paralelamente á desazón, onde hai papoulas e a espiña intanxíbel que inexorabelmente lacera o poeta.”
Recensión en Sermos Galiza.
Poetry Slam Vigo, o 1 de decembro
A
Cova dos Ratos (R/ Romil, 3) de Vigo acollerá o Poetry Slam Vigo, un torneo de “poetas” no que estes amosan os seus versos en épicos recitados baixo a atenta ollada dun xurado formado por cinco persoas seleccionado ao chou entre o público. Estes torneos naceron na década dos 80 en Chicago e en pouco tempo o formato espallouse polo mundo adiante. Calquera persoa que escriba poesía pode participar, isto fai que este formato sexa máis dinámico e entretido que os recitais tradicionais.
O Slam Poetry Vigo celebrarase o 1 de decembro baixo as seguintes regras:
1. O límite de participantes é de 8.
2. Pódese recitar calquera texto en calquera idioma, sempre que sexa teu e non dure máis de 3 minutos. A táboa de penalización por tempo é a seguinte:
* 3:00 – 3:10 0 puntos.
* 3:10 – 3:20 1 punto.
* 3:20 – 3:30 2 puntos.
* 3:30 – 3:40 3 puntos.
* 3:40 en adiante. Eliminado.
3. Non podes usar música, disfraces, ou accesorios. Só son válidos os límites de cada corpo.
4. É tan importante o texto como o bo recitado. De feito, o único importante é conquistar ao público.
5. Non é imprescindible saber o texto de memoria.
Por votación do xurado decídense tres finalistas que volven recitar un texto diferente aos anteriores. Destes tres finalistas, sempre por votación do xurado, sae o gañador. O gañador pode, se quere, volver recitar tras resultar vencedor. O Poetry Slam Vigo está aberto a que calquera persoa poida participar ou acudir como público. Os interesados poderán apuntarse enviando un correo ao seguinte enderezo: poetryslamvigo@gmail.com.
Desde Fervenzas Literarias.
A Coruña: presentación de Melíflua Moradía, de Lino García Salgado
O
venres 9 de novembro, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), preséntase o libro Melíflua Moradía, de Lino García Salgado, publicado por A porta verde do sétimo andar. No acto, o autor estará acompañado por Alberte Momán.
Vigo: presentacións de Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez
O
xoves 8 de novembro, ás 11:30 horas, na Facultade de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, preséntase o libro Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez, publicado en A Porta Verde do Sétimo Andar. No acto, xunto á autora, participan Miguel Á. Alonso Diz, Xina Vega e Manuel Forcadela.
Ese mesmo día, ás 20:00 horas, no Café De Catro a Catro (Rúa Xirona, 3), tamén en Vigo, terá lugar outro acto de presentación, coa intervención de Alfonso Láuzara, Paz Raña, Begoña Outeiro, Xina Vega e a propia autora.
Moaña: presentación de Monicreques, de Xosé Daniel Costas
O
xoves 8 de novembro, ás 21:00 horas, na Casa da Música de Moaña, preséntase o novo poemario de Xosé Daniel Costas, Monicreques, que obtivo o X Premio de poesía Novacaixagalicia. Tras a presentación o autor recitará poemas da obra acompañado da intervención musical da Zalo Carballo e a presenza de Xosé Manuel Millán Otero.

