A Coruña: exposición Le monde habité, con fotografías de Gustavo García Roig e poemas de François Davo

Desde o mércores 9 ao mércores 30 de novembro, na Casa Museo María Pita (Rúa Herrerías, 28) da Coruña, con horario de martes a sábado, de 10:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 20:00 h., domingo, de 10:30 a 14:00 h. (luns pechado), e dentro do Outono fotográfico 2011, poderase visitar a exposición Le monde habité, coa fotografía de Gustavo García Roig e a poesía de François Davo. A inauguración terá lugar o mércores 9 de novembro, ás 20:00 horas, e, dentro dela, terá lugar un recital poético do propio autor.

Santiago: presentación de Pintalabios, de Ana Cibeira

O mércores 9 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Pintalabios, de Ana Cibeira, publicado en Toxosoutos. No acto, acompañando á autora, participan Antía Otero e David González Couso.

Ourense: presentación de Quince sonetos de amor e once poemas máis, de Víctor Campio

“O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu a presentación da publicación Quince sonetos de amor e once poemas máis, unha antoloxía sobre a obra de Víctor Campio que busca contribuír ao recoñecemento da traxectoria literaria do escritor e á difusión da súa poesía. O profesor, escritor e académico Xesús Alonso Montero é o antólogo da obra, que foi promovida pola Xunta de Galicia e pola Deputación Provincial de Ourense. O director xeral do libro, Francisco López, definiu a Víctor Campio como “un extraordinario poeta, que xa ten un lugar na lírica contemporánea exclusivamente coa forza da súa obra”. Tamén destacou a súa satisfacción como ourensán por participar na presentación de Quince sonetos de amor e once poemas máis, “unha compilación entendida como unha forma de regreso que lle devolve á súa pequena patria o que xurdiu dela”.” Vía Fervenzas Literarias.

A Coruña: Tour de Lecturas do Oeste

O martes 8 de novembro, en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar, dentro das IV Xornadas sobre Normalización da Lingua e a Cultura no Ámbito da Educación, o Tour de Lecturas do Oeste, con entrada libre até completar capacidade. O programa é o seguinte:
16:30 h. Mesa redonda Xestionando a lectura pública [BoasPrácticas], con Catuxa Seoane, Marcos Lorenzo, Cristina Novoa e Albino Alonso, moderados por Héctor Pose.
18:15 h. Mesa redonda Iniciativas empresariais ao redor do libro, con Iria Sobrino (Estaleiro editora), Begoña Varela (Libraría Nova Colón), Manel Cráneo (Demo Editorial) e Antón Lado (2.0 Editora), moderados por Héctor Pose.
19:30 h. Lois Pereiro segundo Marcos Calveiro. Presenta: Neves Arza.
20:30 h. Espectáculo poético-musical con María Lado e Lucía Aldao, presentadas por Eva Espido.

Santiago: recital poético Picaversos, con Dores Tembrás, Xosé María Álvarez Cáccamo e Nuria Sanz

O martes 8 de novembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, e baixo o lema Inocentes, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Os tres lectores convidados a continuar este ciclo de lecturas son Dores Tembrás, Xosé María Álvarez Cáccamo e Nuria Sanz. A entrada custa 2 euros.

Vigo: presentación de Mar ao Norde/Mar al Norte, de Álvaro Cunqueiro

O xoves 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Versus (Rúa Venezuela, 80) de Vigo, preséntase o libro de Álvaro Cunqueiro Mar ao Norde/Mar al Norte, publicado na Editorial Alento. Intervirán Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta e epiloguista do libro, Sabela Martínez, directora da libraría, e Xenaro García Suárez, director da editorial.

Lorena Souto: “O poemario trata de superar os estereotipos patriarcais”

Entrevista a Lorena Souto, recente gañadora do XXIV Premio Pérez Parallé en Diario de Ferrol:
“- Diario de Ferrol (DF): Cal é a súa sensación despois de gañar o Pérez Parallé?
– Lorena Souto (LS): Foi unha ilusión tremenda, porque é a primeira vez que me dan un premio sen contar as redaccións escolares. Enviara o texto e xa non o tiña moi en mente, nin me lembraba que a pasada fin de semana decidíase. É unha gran satisfacción.
– DF: Por que se presentou ao certame de Fene?
– LS: Para poetas que non temos publicado nada é un concurso que ten moito prestixio. Estase convertendo nunha plataforma da que están a saír xente como Xiana Arias ou Mario Regueira e outros que van facendo camiño. A posibilidade de publicar nun selo do enorme prestixio de Espiral Maior tamén axuda moito.
– DF: Qué é o seu poemario premiado, Fase de trema?
– LS: É unha evolución da percepción da realidade contra os estereotipos do patriarcado desde unha perspectiva feminina no que o eu acaba abrazando un ton máis colectivo e múltiple.
– DF: É un poemario feminista?
– LS: Coido que non é tanto iso como unha voz contra os estereotipos de xénero do patriarcado. Os homes tamén poden sentirse identificados. É un berro de alerta contra os individuos sometidos.
– DF: Pero coincidirá en que a voz feminina dentro da poesía cada vez se escoita máis.
– LS: Si, pero tamén o fan as arquitectas en arquitectura ou outras profesionais. Cada vez máis mulleres escriben e resulta normal que acaben publicando e gañando premios. En xeral estamos a ver novas voces, máis distintas e plurais.
– DF: Unha renovación da lírica, pois?
– LS: Pero por parte dos dous sexos, non só das mulleres. Hai novas voces e unha apertura á pluralidade en temáticas e estilos.
– DF: Que fixo ata chegar aquí?
– LS: Son licenciada en Filoloxía Galega e fixen estudos de doutoramento de teoría da literatura e literatura comparada. Estiven investigando temas de léxico cunha bolsa da universidade e formo parte do consello de redacción da revista Dorna.”

A Coruña: Homenaxe á guerrilla antifranquista. Manuel Ponte Pedreira (1911-2011)

O xoves CRMH-300x1973 de novembro, ás 19:30 horas, no Auditorio da Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, terá lugar unha Homenaxe á guerrilla antifranquista. Manuel Ponte Pedreira (1911-2011), organizada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, cos seguintes actos:
– Estrea do documental Miracielo, vida e morte de Manuel Ponte Pedreira, de Pablo Ces, presentado por Aurora Marco.
– Mesa-coloquio coa participación de Maruchi Ponte (filla de Manuel Ponte), Bernardo Máiz, Manuel Pazos e Rubén Afonso Lobato.
– Recital de poesía.
– Actuación musical de Mini e Mero (do grupo A Quenlla) e de Miro Casabella.

Tui: tertulia con Víctor Freixanes e Marga do Val, Premios da Crítica 2010

O venres 28 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala Félix Rodríguez da Biblioteca Municipal de Tui terá lugar unha tertulia cos Premios da Crítica 2010 en lingua galega: Víctor F. Freixanes, con Cabalo de ouros e Marga do Val, con A cidade sen roupa ao sol.