Vigo: Vilagrafías, exposición poético-fotográfica de Anxo Cabada

Do xoves 7 de xullo ao domingo 11 de setembro, con horarios de 10:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 horas, no Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e con entrada gratuíta, pódese visitar a exposición Vilagrafías, unha recreación poético-fotográfica da xeografía visual e sentimental das vilas e cidades galegas, onde se conxuga, dunha banda, a descrición (textos, poemas ou outros escritos) dos autores nados nesas vilas (María Xosé Queizán ou Xosé María Álvarez Cáccamo, entre outros) e, da outra, a mirada fotográfica do estradense Anxo Cabada.

A Coruña: recital poético en Homenaxe á Torre de Hércules

O martes 12 de xullo, ás 19:30 horas, na Sala de Exposicións do Palacio Municipal (Praza de María Pita) da Coruña, terá lugar un recital poético en Homenaxe á Torre de Hércules, coa participación de: Ánxeles Penas, Luz Pozo, Eva Veiga, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio L. Valcárcel, Olga Patiño, Francisco X. Fernández Naval, Miguel Mato, Diana Varela e Dores Tembrás.

Antoloxía de autores galegos na revista electrónica BigBridge, a cargo de F. R. Lavandeira

‘A revista electrónica estadounidense BigBridge ven de publicar no seu nº 15 unha pequena antoloxía de autores e autoras das letras galegas. O coordinador da escolma, o rianxeiro Fernando Ramón Lavandeira Suárez, subliña que “o obxectivo era dar a coñecer algo da nosa literatura actual a un público non moi -por non dicir nada- afeito a ela, como é o estadounidense”. BigBridge amosa unha escolma de once autores contemporáneos, como Miro Villar, María do Cebreiro, Inma López Silva ou Anxos Sumai, tanto en prosa como en verso. Por cada un dos autores o lector da revista pode consultar unha biografía, unha autopoética e unha selección da súa obra. As traducións corresponderon ao propio Lavandeira cara o castelán e de Terri Carrión para o inglés.’ Vía Fervenzas Literarias.

Vigo: actividades do sábado 9 e domingo 10 de xullo na Feira do Libro

Remata a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do sábado 9 son as seguintes:
18:30 h. Programa infantil: Obradoiro de ilustración: Como nace un personaxe. Realización a cargo do ilustrador Xosé Tomás. Actividade realizada coa colaboración de GALIX.
19:30 h. Anxo Fariña presenta Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, intervirá Helena Pérez.
E as do domingo 10, derradeiro día da Feira deste ano, son estas:
19:00 h. Recital poético do Grupo Brétema. Participan no acto Anna Rufs, Anselmo Prada, Amante Romero, Alonso Rodríguez, Álvaro Garrido, Carmen Darriba, Candelaria Fernández, Dosi Martínes, Esmeralda Muiños, Gelu García, José Ángel Carvajal, José Crespo, José Manuel Olveira, Isabel González, Isaura Lago, Isabel Ruíz, Lara Fernández, Mario Fernández, Mª del Carmen Duro, Mª Luisa López, Margarita Agulló, Mª del Rosario Sabín, Manuela Fernández, Mariano Marcos, Manuel Vázquez, Miguel Correa, Rafael Gómez, Rosa Mª González, Rosa Mª Morales, Rosa Mª Vázquez, Teresa Cariño e Santiago González.

A Solaina de Piloño (Vila de Cruces): recital poético musical na X Forxa Literaria da Solaina

‘A Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño (Vila de Cruces) organiza a X Forxa Literaria. Encontros culturais no rural. O xoves 7 de xullo inaugurouse coa proxección do documental Luís González López “Ferreiro”.
O venres 8 de xullo María Dolores González Pérez presenta o seu libro O vento do Nordés, acompañada por Héitor Mera, Tino Vaz e Raúl Belloso.
O sábado 9 de xullo acolle, entre outros actos, unha mesa redonda con Daniel González González, Xosé Vázquez Pintor, Ana Ulla e Daniel González Alén.
O domingo 10 clausúrase esta nova Forxa literaria, coa presentación do libro Cambio de estrela, de Iria Pedreira, publicado en 3C3, e o monólogo de Cándido Pazó titulado Falar non ten cancelas. De seguido celebrarase un recital músico poético onde intervirán Andrés Lareo Jr., Tamara Soto Soto, Nicolás Soto Mazás, Cristina Gende, Alba Payo Froiz, María Lado, Celso Fernández Celsiño, Andrea Porto Mato e José Luís Taboada Areán. Outro dos actos máis significativos son as entregas das medallas Amigo da Solaina, que este ano recaen, entre outras persoas, en Xosé Luna e Xoán Xosé Fernández Abella.’ Vía Fervenzas Literarias.

A Insua dos Poetas: Xosé María Díaz Castro será o homenaxeado na III Festa da Palabra

O sábado 9 de xullo, ás 12:00 horas, na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarmás, no límite entre O Irixo e Carballiño), terá lugar a III Festa da Palabra, cunha homenaxe a Xosé María Díaz Castro. O mantedor do acto será Luciano Rodríguez Gómez.
O programa previsto para este día consistirá nun acto literario, no que intervirán estudosos da obra de Díaz Castro. Seguidamente, procederase ao recital, onde poetas lerán composicións propias e de Nimbos, e a inauguración da escultura de Xosé Cid, alegórica do poema Penélope, recollido na mencionada publicación. Tamén haberá un xantar literario, coma en edicións anteriores, no que os veciños das parroquias colindantes, compartirán palabras cos escritores e artistas da cultura.
A Insua dos Poetas comeza a súa andaina no ano 2009, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Libro, impulsado polo escritor e actual presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar, e apoiado pola escritora brasileira Nélida Piñon, o pintor Antón Lamazares e o escritor Manuel Rivas. Este espazo cultural, cedido polo poeta González Tosar, está situado nunha finca de hectáreas e sita no linde entre os Concellos do Irixo e O Carballiño. Pola súa banda a Fundación Insua dos Poetas está actualmente en trámite, nela participan desde institucións até escritores, e ten como finalidade establecer un diálogo creativo nun espazo aberto á natureza, así como tamén a defensa do medioambiente e a liberdade de expresión.
Crónica posterior en Galaxia, Galicia Hoxe, Xornal e La Voz de Galicia.

Cangas: Moita poesía, pouca diversión, con Lucía Aldao e María Lado

Na noite do sábado 9 ao domingo 10 de xullo, a partir das 00:30 horas, e dentro da programación da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Lucía Aldao e María Lado achegarán o seu espectáculo Moita poesía, pouca diversión.

Vigo: actividades do venres 8 de xullo na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do venres 1 ao domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do venres 8 son as seguintes:
18:30 h. Ecos da noite. Actuación poético musical de David Fernández Rivera acompañado do guitarrista Diego Pacheco.
19:30 h. Acto Lois Pereiro. Mesa redonda sobre o poeta monfortino, coa participación de Jacobo Fernández Serrano (autor da novela gráfica Lois Pereiro. Breve encontro, Xerais), Anxo Angueira (coordinador do libro Que lle podo ofrecer a quen me intente?, Xerais), Marcos Calveiro (autor do libro Lois Pereiro. Náufrago do paraíso, Xerais), Xosé Manuel Pereiro e Fran Alonso.
20:00 h. A escritora Adela Figueroa e a ilustradora María Celsa Sánchez Vázquez asinarán exemplares do seu libro Madeira de mulher, publicado por Ediciós do Castro.

Muros: faladoiro literario con Francisco X. Fernández Naval e Lino J. Pazos

O venres 8 de xullo, a partir das 19:00 horas, no Balandro Joaquín Vieta (Paseo Marítimo de Muros), terá lugar un faladoiro literario con Francisco X. Fernández Naval e Lino J. Pazos sobre os libros Tamén navegar, Capitán Wood, ¡á abordaxe!, de Lino J. Pazos, publicados en Toxosoutos, e Derrotas e singraduras do Joaquín Vieta, de Xosé Agrelo, dentro das xornadas Muros Mira ao Mar.