Celia Parra: “Cada vez hai máis xente aillada”

Entrevista a Celia Parra en Galicia Confidencial Tendencias:
“(…) – Galicia Confidencial Tendencias (GCT): Non sempre escribiches audiopoemas, polo que vexo…
– Celia Parra (CP): Non. Comecei o ano pasado. Tiña unha asignatura que era Banda sonora e tratamento de son. O profesor moveunos moito por eses temas. Collín un poema que xa tiña e creei unha base para el.
– GCT: As bases musicais dos teus poemas son creadas por ti?
– CP: Non sempre. Para os primeiros comecei cos loops. Ía collendo pequenos anacos de segundos e facendo misturas. Agora estou compoñenmdo eu as propias bases…
– GCT: Agora que compós ti a base musical… que vén antes? Poema ou música?
– CP: Agora é ao revés que no comezo. Comezo cunha base, miro onde pode acaer ben e adapto xa esa base ao poema. (…)
– GCT: Literatura galega actual…ano 2012. Estado da cuestión…
– CP: A cousa está mellorando… pero se estás metido velo, se non, igual non… Ata hai uns anos a poesía, por exemplo, non saía de circuítos pechados, das contornas elitistas, os actos institucionais… Agora hai moita xente: Samuel L. París, Antía Otero, as Poetas da HostiaMaría Lado e Lucía Aldao-…que están traballando para abrila á xente. (…)”

O Pranto Matricial, de viva voz

Desde Cultura Galega:
“A polifacética figura de Valentín Paz-Andrade tivo unha das súas expresións máis interesantes na poesía. Editouse en 1955 en Bos Aires, coincidindo co quinto aniversario da morte de Castelao, un pequeno libro de 35 páxinas, completado con fermosas ilustracións de Maside, Colmeiro, Souto e Torres. Presentamos este libro cunha gravación realizada polo propio autor en 1957 nos estudos San Martín de Bos Aires.”

Santiago: presentación de Carné de identidade, de Mahmud Darwish

Este martes 24 de xullo, ás 20:45 horas, e dentro das actividades do Festigal 2012, preséntase a tradución ao galego de Carné de identidade, de Mahmud Darwish, feita por Moncho Iglesias, e publicada en Barbantesa. Darwish foi nomeado Escritor Galego Universal pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega o ano 2006.

Santiago: actividades literarias do 24 de xullo no Festigal 2012

Na Galería das Letras do Festigal 2012, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, desenvolveranse as seguintes actividades literarias o martes 24 de xullo:

17:00 h. No Café Concerto, presentación de Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey, publicado en Galaxia.
17:15 h. Presentación do libro Por uma democracia radical, publicado en Estaleiro editora.
17:45 h. Presentación de: Proel e O Galo de Amado Carvalho e Folhas Novas de Rosalia, da coleção Clássicos da Galiza da Academia Galega da Língua Portuguesa.
18:30 h. Presentación de Dezaoito, antoloxía de poetas galegos e portugueses publicada por Penúltimo Acto. Terá lugar un recital poético coa participación de Iolanda Aldrei, Alexandre Insua Moreira, Virgílio Liquito, Cruz Martínez Vilas, Jaime Moreda Santamaría e Rosanegra.
19:15 h. Presentación do libro A rota do sol, de Camilo Nogueira, publicado en Laiovento. Falarán: Xabier Macias, Ana Miranda e o propio autor.
20:00 h. Presentación da novela As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde, Che Turnes e Manuel Bragado.
20:45 h. Presentación do libro Carné de identidade, de Mahmud Darwix, publicado en Barbantesa.
21:30 h. Presentación do libro Mordida, de Eugénio Outeiro, publicado por Através Editora.
22:00 h. Presentación de Nântia e a cabrita d’ouro, de Concha Rousia.
22:00 h. No Café Concerto, Aid presenta o libro-disco Rapoemas, editado en Galaxia.

Arteixo: inauguración da Libraría Á lus do candil

O venres 20 de xullo, a partir das 20:00 horas, inaugúrase en Arteixo a libraría Á lus do candil, na rúa Historiador Vedía, 3, baixo, codirixida por Modesto Fraga. No acto estarán presentes os poetas Miro Villar, Lucía Novas, Xosé Henrique Rivadulla Corcón e Marilar Aleixandre, que porán voz a poemas da súa autoría. Asemade, haberá unha actuación musical a cargo da intérprete galega María Xosé Silvar, “Sés”. Os asistentes poderán disfrutar, tamén, coa exposición pictórica do artista Nolo Suárez.
Crónica posterior en Sermos Galiza.

“Nestes tempos convulsos para o noso país, que mellor que reivindicarmos a ousadía de Rosalía”

Artigo en Sermos Galiza:
“A Casa da Matanza, en Padrón, acolle este domingo a partir das oito do serán a conmemoración dos 127 anos do pasamento da poeta silenciada. Música, versos e discursos ao redor da súa figura farán parte do acto organizado pola fundación que leva o seu nome. Falamos con quen a preside, Anxo Angueira.
“É inmortal, segue a falarlle ao pobo galego xeración tras xeración, e aínda hoxe di cousas novas”. Quen fala é Anxo Angueira, un rosaliano por convencemento e de paixón que leva mes e medio á fronte da fundación que leva o nome da poeta silenciada. Se ben lembra que “a súa figura e o seu discurso pasaron por distintas épocas”, recoñece o profesor a beatificación oficial que se fixo de Rosalía, desposuíndoa do perfil arisco, espiñento. E reméxese en contra. “A sacrilización ou canonización da autora impediu ver o perfil máis activo, mais este discurso foi mudando”, incorporando a lectura social, política, feminista e estética. “Os redutos onde fica a idea da Rosalía nai e santiña son xa moi escasos”. (…)

Programa do acto na Casa da Matanza. 15 de xullo, 20:00 horas:
A palabra de Rosalía. Declamación de Ana Blanco.
– Xesús Alonso Montero.
– Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Poetas con Rosalía: Xavier Rodríguez Baixeras, Marica Campo, Cándido Duro, Mario Regueira, Lorena Souto e Dores Tembrás. Presenta Dolores Vilavedra.
– Actuación de Najla Shami, que interpretará pezas musicais con letra de Rosalía de Castro.
– Peche do acto: o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira Viturro.

Crónica posterior no mesmo medio, Sermos Galiza.

Alba de Gloria no Pico Sacro 2012, o sábado 21 de xullo

“Diante do desleixo e desprezo cara a nosa cultura, a Federación de Asociacións Culturais GALIZA CULTURA vai celebrar o vindeiro sábado 21 de xullo unha lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo. (…) O acto consistirá na subida ao Pico Sacro ás 12:00 h. desde a capela de San Sebastián na que se fará unha recepción dos asistentes cunha intervención de benvida da escritora Marta Dacosta. No cumio do Pico izarase a bandeira galega e farase lectura ao Alba de Gloria, coa intervención de Mª Pilar García Negro como presidenta da Galiza Cultura. Farase unha visita guiada ao redor do Pico comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico. E as 13:30 h. terá lugar un xantar de confraternidade no pé do Pico, no Restaurante “Vía da Prata”, logo do cal se celebrará unha actuación musical do grupo A Quenlla, con recital poético e intervencións de representantes das diferentes asociacións culturais na defensa da nosa cultura.”
Máis información e inscricións nesta ligazón.