Lugo: actividades do martes 17 de maio na Feira do Libro

Comeza a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), que abre o martes 17, con horario de 11:30 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 h. O programa completo pódese consultar aquí.

As actividades máis destacadas do martes 17 son as seguintes:
18:30 h. Recital poético: Poetas de Lugo arredor de Lois Pereiro. Participan Xavier Rodríguez Barrio, Marica Campo, Isidro Novo, Xerardo Quintiá, Xosé Miranda e Manuel Xosé Neira.
19.45 h. Inauguración oficial. Actuación dun grupo de música tradicional galega, homenaxe da Federación de Libreiros de Galicia á Libraría La Voz de la Verdad polo centenario da súa fundación, e pregón inaugural a cargo da escritora e académica Margarita Ledo Andión.

Tokio: actuación do colectivo artístico Tender a man, no Día das Letras Galegas

O martes 17 de maio, ás 19:00 horas, na sede do Instituto Cervantes en Tokio, actuará o colectivo artístico Tender a man, unha atractiva proposta de fusión de poesía, música en directo e danza contemporánea que integran os músicos Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, a cantante Mónica de Nut, a bailarina Branca Novoneyra e a poeta Yolanda Castaño. O espectáculo multidisciplinar abrirase cunha interpretación de textos de Lois Pereiro, e continuará máis adiante co repertorio propio do grupo, apoiado nos textos de Yolanda Castaño. Durante o recital poderanse seguir traducións ao castelán e ao xaponés dalgúns dos poemas, no que será unha ocasión histórica de celebración da literatura galega no Xapón. Na actividade colaboran a Dirección General del Libro, Archivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura, a Embaixada de España en Tokio e o propio Instituto Cervantes.

Madrid: actos do Día das Letras Galegas no Centro Asociado Escuelas Pías da UNED

O martes 17 de maio, ás 19:00 horas, terá lugar a celebración do Día das Letras Galegas 2011 no Centro Asociado Escuelas Pías da UNED (C/ Tribulete, 14) de Madrid, organizado polo Clube de Lectura da UNED e a área de Filoloxía Galego-Portuguesa da mesma universidade. O acto abrirase cunha conferencia sobre a figura de Lois Pereiro da parte de Luis Luna e a seguir farase unha lectura do libro colectivo do Grupo Bilbao de escritores de expresión galega, intitulado Madrid era unha praia de baleas entre néboas, presentado polo profesor da área de Filoloxía Galego-Portuguesa da UNED, Xavier Frías Conde. O libro en cuestión conta con textos de Vicente Araguas, Manuel Pereira, Begoña Regueiro, Marga Vázquez, Jurjo Nóvoa, Pili Mera, Ana Cibeira, José Galán e Xavier Frías, cun prólogo de Luis Luna.

Vigo: lectura pública da obra de Lois Pereiro, e recital poético-visual con poemas seus

O luns 16 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca Xosé Neira Vilas (Rúa Martínez Garrido, 21) de Vigo, terá lugar unha lectura pública da biografía de Lois Pereiro, en véspera da celebración do Día das Letras Galegas, na que participarán tanto autoridades, como o concelleiro de cultura, Xesús López Carreira, como todas aquelas persoas que queiran acercarse á biblioteca. Tras este achegamento á vida do autor a poeta Olga Patiño levará a cabo un recital poético-visual no que presentará algúns dos poemas máis relevantes de Lois Pereiro, acompañada polo escritor Francisco Fernández Naval e a fotógrafa Maribel Longueira.

A Coruña: Festa do Libro, actividades do domingo 15 de maio

Prosegue esta nova edición da FESTA DO LIBRO, do venres 13 ao martes 17 de maio nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, organizada pola Concellaría de Cultura e a Agrupación de Libreiros da cidade, con horarios de 11:30 a 14:00 e de 17:30 a 21:30 horas. Este é o programa de actividades para o domingo 15: PROGRAMA ACTIVIDADES FESTA DO LIBRO MAIO 2011:

* Domingo 15:
12:00 h.- Obradoiro “Creación dunha personaxe: Golfiño”, realizado por Fausto Isorna. A partir de 6 anos. Diante do Kiosco Alfonso.
12:30 h.- Presentación de “Agullas de ironía”, documental sobre Lois Pereiro feito polo alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña. No Kiosco Alfonso.
13:30 h.- Sinatura de exemplares por parte de Fausto Isorna. No posto das Bibliotecas Municipais.
18:00 h.- Presentación do libro de ilustración de Pinturero “Rapazas, las pin-up de Pinturero” (Editorial Dibbuks). No Kiosco Alfonso.
18:00 h.- Sinaturas do libro “A Frecha Azul do Teixo” por parte de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior Edicións. No posto das Bibliotecas Municipais.
18:30 h.- Sinaturas de Diana Varela Puñal do seu último poemario “Animalabismo”, publicado en Espiral Maior Edicións. No posto das Bibliotecas Municipais.

19:00 h.- Sinaturas dos libros do ilustrador Mariano Casas GilA historia xamais contada“, “La mancha negra” e outras obras do autor. No posto das Bibliotecas Municipais.
19:00 h.- Presentación da revista “Fiz” (Retranca Editora), por Kiko da Silva. No Kiosco Alfonso.
20:00 h.- Presentación do libro de Miguel Mato “Señardade da luz (A obra poética de Manuel María)”, publicado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, con Alberte Ansede, Roberto Catoira e o propio autor. No Kiosco Alfonso.

Barcelona: acto conxunto Galicia na voz dos poetas, no Ajuntament de Barcelona

O sábado 14 de maio, ás 20:00 horas, no Saló de Cent do Ajuntament de Barcelona, Xesús Rábade Paredes, Helena Villar Janeiro e Pura Salceda participarán no acto conxunto Galicia na voz dos poetas, nun acto institucional organizado pola Federación de Entidades Culturais Galegas en Catalunya (Fegalcat), coa colaboración do Ajuntament.

Santiago: recital poético organizado por Tinta de Lura e a Libraría Couceiro

O sábado 14 de maio, ás 19:30 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, terá lugar un recital poético coa participación de Xabier Xil Xardón, Alicia Fernández e Lucía Novas Garrido, organizado por Tinta de Lura en colaboración coa Libraría Couceiro.

Vigo: nova edición do Círculo Poético Aberto

O sábado 14 de maio, ás 21:00 horas, no Café Uf Negra Sombra (Rúa Pracer, 19) de Vigo, terá lugar unha nova edición do Círculo Poético Aberto promovido polo Grupo Penúltimo Acto. O acto, que comezará ás 21.00 h., contará coas intervencións de Dara Escribano, Simón Cabo, Belém Grandal, Iria Bragado, Fernando Rodríguez, Jaime Moreda, Cruz Martínez, rosanegra…