Santiago: Implícate, noite de música e palabra solidaria 2011

O domingo 9 de xaneiro, ás 20:30 h., no Teatro Principal de Santiago de Compostela, terá lugar o especial Implícate, noite de música e palabra solidaria 2011, que contará coa actuación musical de Leilía, Som do galpom e Wöyza, a danza do Centro Coreográfico Galego, o teatro con Life is a paripé, con Iolanda Muíños, César Goldi e Mos, e Quico Cadaval, e a presenza literaria de Ánxela Gracián, Lino Braxe, Marica Campo e Séchu Sende. Todo isto conducido co saber facer de Yolanda Castaño e Luís Tosar. Organizado por Implicadas no desenvolvemento. Máis información aquí.

Bernardino Graña: “Hai que berrar como fixo Castelao, segue a haber motivos”

Entrevista a Bernardino Graña no Xornal de Galicia, con motivo da publicación da súa antoloxía Ser auga:
“- Xornal de Galicia (X): Ingresou na Academia o pasado xuño. Foi un recoñecemento tardío?
– Bernardino Graña (BG): Eu non me queixo, ingresar foi algo moi positivo. Tiven que esperar e tiven que ver como ían entrando outros. Todos eles tiñan que entrar. Ingresaron homes e ingresaron mulleres e era moi bo que todos eles foran entrando. Eu non tiña présa por entrar. Se ingresaba, pois ben. Que non ingresaba? Pois tamén ben. Non tiña grande ansia.
– X: Vostede formou parte do Brais Pinto. É unha gran responsabilidade que chega a pesar formar parte dese grupo que segue a ser un referente?
– BG: Eu estou sorprendido co que fixemos co Brais Pinto. Nós non eramos máis que estudantes sen cartos e nós, daquela, só buscábamos saír adiante. E si, foi unha gran responsabilidade a que tivemos. O Brais Pinto foi un grupo que tivo a valentía para berrar por Galicia dende Madrid. Facer un berro noso e axudar a berrar e a protestar. Había que dicir ben alto “aquí estamos”.
– X: Hai motivo hoxe en día para berrar dende Galicia co que pasa coa lingua?
– BG: Mira [colle un exemplar de Sempre en Galiza que está enriba da súa mesa], isto hai que lelo e volver lelo unha e outra vez. Hai que asimilar o que aquí pon porque está de plena actualidade, por desgraza. Hai que seguir a berrar, temos a obriga de seguir a berrar como fixo Castelao porque segue a haber motivos. Temos que formar un coro grande e xuntar a nosa voz a Castelao para que nos escoiten.
– X: E escoitará quen teña que escoitar?
– BG: Teñen que escoitarnos, pero para iso temos que berrar. Nós temos que berrar, tanto se nos queren escoitar como se non queren.”

Santiago: presentación do almanaque poético 12 poetas para un ano

O xoves 30 de decembro, ás 20:00 h., na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55), de Santiago de Compostela, preséntase o almanaque poético 12 poetas para un año, publicado por Ediciones El Gaviero, e antologado por Maite Dono. No acto estarán presentes as participantes galegas no libro: Branca Novoneyra, Estíbaliz Espinosa e a propia Maite Dono.